Temas: FRASEOLOXíA

"De coma quen", expresión xenuinamente galega equivalente a "de pega"

O lingüista Xosé Antonio Pena Romay publica unha nova entrega da sección de fraseoloxía "Verbas sisudas non queren testemuñas".

Por Xosé Antonio Pena | A Coruña | 03/06/2018 | Actualizada ás 12:00

Comparte esta noticia

Velaquí unha destas expresións que tan de moda se puxeron e tanto se utilizan dun tempo a esta parte: “de pega”, definida no Diccionario de la Real Academia Española como “De mentira, falso, fingido. Erudito de pega. Diplomático de pega”.

Coche de mentira
Coche de mentira | Fonte: cdn

En todo caso, convén lembrar que na medida en que ese substantivo pega non vén a ser, en orixe, senón a acción e efecto do verbo pegar (isto é, o correspondente á voz péga do galego, pronunciada con “e” aberto), no hipotético caso de que as instancias normativas acabasen admitindo esa locución para a nosa lingua (locución que, por outra banda, xa se usou literariamente nalgunha obra dos séculos XIX e XX, pero que no Dicionario castelán-galego da Real Academia Galega do ano 2004 non se daba como aceptable ou admisible), habería que grafar o referido vocábulo con acento diacrítico: “de péga”.

Non obstante, tampouco é que teñamos a necesidade de botar man da dita locución, xa que en galego dispomos, sen ningún tipo de dúbida acerca da pureza da súa galeguidade, dalgunha expresión que vén a comunicar exactamente o mesmo contido. Vexámolo a seguir:

De pega

{= Que imita o verdadeiro modelo ou obxecto pero sen o ser, nomeadamente –no caso dos obxectos– por ser de xoguete.}

De coma quen

Ex.: Que nadie tenga miedo, que la granada que lleva en la mano es de pega.

Que ninguén teña medo, que a granada que leva na man é de coma quen.

Ex.: En ese tipo de tomas de cámara oculta no es raro que aparezan policías de pega.

Nese tipo de tomas de cámara oculta non é raro que aparezan policías de coma quen.

● Mesmo tamén:

De a coma quen && De quen quen && De a quen quen

Ex.: Que ninguén teña medo, que a granada que leva na man é de a coma quen é de quen quen é de a quen quen.

Ex.: Nese tipo de tomas de cámara oculta non é raro que aparezan policías de a coma quen policías de quen quen policías de a quen quen.

● Tamén:

De mentira && De mentirijillas && De mentirillas

De mentira

Ex.: Que ninguén teña medo, que a granada que leva na man é de mentira.

Ex.: Nese tipo de tomas de cámara oculta non é raro que aparezan policías de mentira.

● Tamén, pero fundamentalmente aplicadas a cousas ou obxectos:

De broma

De broma && De brincadeira && De imitación

● Tamén, igualmente referidas sobre todo a cousas ou obxectos:

De imitación

De imitación

Ex.: Que ninguén teña medo, que a granada que leva na man é de broma é de brincadeira é de imitación.

E incluso tamén, gardando certa relación, na medida en que se adoita aplicar a pezas de vestir ou obxectos de adorno moi ostentosos pero de pouco valor, existen tamén as seguintes locucións:

De oropel

De ouropel

Ex.: Los maniquíes llevaban vestidos de oropel.

Os manequíns levaban vestidos de ouropel.

NOTAS:

1. Velaquí un pequeno repaso a léxico que se cadra resulta descoñecido ou dubidoso para algúns lectores (de tirarmos literalmente a definición do Dicionario da Real Academia Galega [DRAG] en liña, sinalámolo):

Brincadeira: substantivo feminino 1. Acción e efecto de brincar, xogar ou divertirse en grupo. Ex.: En canto os nenos se viron ceibos no parque, estiveron de brincadeira toda a tarde. Sinóns.: brinca, broma. Sinóns. contextuais: algueirada, carallada, esmorga, festa, folía, foliada, gandaina, pándega, rexouba, riola, ruada, troula, troula, xolda. 2. Dito ou feito dirixido a alguén e que se fai con intención de divertirse pero sen molestar nin provocar ningún mal ou prexuízo. Ex.: ¿Non ves que me estou a meter contigo, meu, que todo é brincadeira? Sinóns.: brinca, broma, chola, charabisca.

Ouropel (DRAG): substantivo masculino 1. Lámina moi fina de latón, que imita o ouro. 2. figurado Adorno moi aparente pero de pouco valor.

2. As expresións galegas están tiradas das seguintes fontes:

- Recolleita propia da oralidade galega.

- Recolleita propia documental (artigos de prensa, artigos ou comentarios na Rede, obras escritas, folletos publicitarios, etc.).

- Boullón Agrelo, Ana Isabel & Monteagudo Romero, Henrique & García Cancela, Xermán: Diccionario normativo galego-castelán. Editorial Galaxia. 1988.

- Instituto da Lingua Galega (ILG): Tesouro informatizado da lingua galega (TILG).

- Rodríguez González, Eladio: Diccionario enciclopédico gallego castellano, vols. I (1958), II (1960) e III (1961). Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).

Temas: FRASEOLOXíA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 eusi

Unha que che me gusta ben é: "Dígoche filla, enténdeme nora" referida a que sabes ler entre liñas entenderás todo ben.

1 unmais

Suxerencia, nos didicamos "de coma Quem" se era referido a una persoa, "e un medico de coma quen", pero se era una cousa era "de coma que", é una granada "de coma que"