A lingua une a Galicia e Portugal na gala aRi[t]mar en Braga

Literatura, música e reivindicacións nunha festa que rematou co Grândola, do Zeca.

Por Galicia Confidencial | Braga | 21/04/2024 | Actualizada ás 20:45

Comparte esta noticia

De pontes, conciencias, emocións e grandes momentos. Esta natureza de “forza de creación masiva” que é a lingua, vertebrou a gala aRi[t]mar celebrada en Braga este sábado 20 de abril, e así o deixou claro no seu discurso inicial o director da iniciativa, Gonzalo Constenla. A gala comezou cunha entrada inesperada, a do Grupo de Bombos da Equipa Espiral de Braga co seu percutivo son, que sorprendeu aos asistentes ao evento no bracarense Espaço Vita. Os presentadores, Ivonette da Silva e Fernando Pena, foron dando paso ós diferentes bloques utilizando respectivamente o portugués e o galego.

Participantes na gala aRi[t]mar en Braga
Participantes na gala aRi[t]mar en Braga | Fonte: remitida

A primeira en subir a agradecer o seu galardón foi Arancha Nogueira. A seguir coa forza das letras como eixo, a poeta ourensá declarou da inexistencia da xustiza no mundo alleo á literatura. “Na literatura non caen bombas sobre Gaza”, indicaba a poeta. Pola súa banda a portuguesa María Isabel Fidalgo, recalou nesa capacidade que a lingua ten para construír pontes, identidades e sentimentos, sen deixar de mencionar a súa benquerida lírica galaico-portuguesa.

No referente ás músicas, a dupla Fillas de Cassandra agradeceu ao proxecto a posibilidade de dar valor e visibilidade a iniciativas que empregan o galego como lingua vehicular como a súa, salientando ademais que ámbalas dúas son neofalantes. “Non tivemos a sorte de ser criadas en galego”, afirmaba Sara Faro.

No caso dos gañadores do Prémio a Melhor Música de 2022 em Portugal, os portuenses Retimbrar, os acontecementos tornáronse dobremente sorpresivos. A banda tiña un compromiso e a súa presenza no evento foi unha inclusión de última hora. António Serginho e Sara Yasmine apareceron na gala ao tempo xusto para o seu discurso e, non chegando con dous minutos de agradecementos para calmar a súa ansia expresiva, optaron por improvisar unha versión da música premiada: Maçazinha, con António Serginho ao piano e Sara Yasmine ao micro do atril. Por último na rolda de agradecementos, Hugo Castro, da Associação José Afonso, falou da recente torna política ocorrida en Portugal co ascenso da extrema dereita.

E despois da forza da lingua prosaica, non podía faltar o poder da palabra cantada. Fillas de Cassandra deu comezo a unha sección musical cun set de 3 cancións que mesturaron o piano, a electrónica, as pandeiretas e as súas voces, que coma o eco, resoaron polo auditorio do Espaço Vita na que foi a primeira actuación da dupla viguesa en territorio luso. E a falta dos Retimbrar, a cantora e acordeonista lisboeta Celina da Piedade, deu fin á festa cun repertorio que aunou música do Alentejo, da que é grande embaixadora, e unha versión da popular galega e portuguesa Saia da Carolina.

Para rematar o evento, todos os galardoados subiron ao palco do auditorio para xuntos entoar a única música que pode e debe pechar un acto a tan só 5 días do 50 aniversario da Revolución dos Craveis en Portugal: o Grândola, Vila Morena do Zeca, que como naquela xornada de 1974 e co público en pé para seguir aos que cantaban desde o escenario, deu boa conta, unha vez máis, da forza das palabras.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta