Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/04/2024 | Actualizada ás 20:24
Crear un novo modelo de axudas e publicidade e pór en marcha organismos resuladores son as dúas principais suxestións que fai o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) ás administracións públicas para combater a desinformación e para "fomentar o xornalismo libre e profesional".
Así o expón este organismo profesional no marco do debate aberto, por mor dos cinco 'días de reflexión' do presidente do Goberno, Pedro Sánchez, ao redor dos medios de comunicación e os bulos publicados en páxinas web.
Así, a xunta de goberno do Colexio de Xornalistas celebra que a profesión estea "por fin no centro da axenda política", pero lembra que esta situación actual podía terse evitado "se se atendesen hai tempo as peticións" dos comunicadores. De feito, sinala que os xornalistas son "os primeiros interesados en combater as noticias falsas e os atentados á deontología".
Ante estas demandas, o CPXG lamenta que "en case ningún caso" os profesionais contaron co apoio das administracións públicas.
De entre as "moitas" medidas que poderían solucionar o problema, o colexio cita dous. A primeira é reformar a regulación das axudas públicas aos medios e a publicidade institucional.
De tal forma, o CPXG reclama que que as inxeccións de fondos públicos sirvan "efectivamente para promover o xornalismo libre e plural", a través de criterios obxectivos, e non "para comprar vontades e fomentar a propaganda".
En segundo lugar, a posta en marcha de organismos reguladores da profesión, que son "habituais en toda Europa" e que en España só existen "nalgúns espazos audiovisuais".
En Galicia, en 2008 o Código Deontolóxico do Xornalismo Galego urxía a creación dun Consello da Comunicación como un organismo arbitral, representativo, plural e independente dos poderes públicos, pero polo momento "ningunha administración tomou a máis mínima medida" para constituír unha entidade deste tipo que o CPXG considera que contribuirían para combater as prácticas contrarias á profesión.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.