A esaxerada suba do custe da vida: hai 25 anos o salario mínimo era de 400 € e pero se chegaba a final de mes

O salario mínimo interprofesional na actualidade é de 1.134 euros ao mes (37,8 euros ao día). Incrementouse nun 63,9 % dende o ano 1998, pero aínda está 20,8 puntos por debaixo do que se encareceu a vida neste 25 anos, pois o IPC elevouse un 84,7 % dende 1998.

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 01/05/2024 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Lembrádesvos cando en Galicia unha familia vivía cun salario de 68.035,235 pesetas ao mes (2.262,85 pesetas ao día)? Aínda que pareza que estamos a falar da época da posguerra, nada máis lonxe da realidade, falamos de hai tan só 25-26 anos, pois ese era o salario mínimo en 1998: 408,9 euros ao mes (13,6 euros ao día). Hoxe por hoxe resulta impensable poder facer fronte ao custe da vida actual con eses cartos, que non chegan nin para o aluguer. E é que o IPC elevouse un 84,7 % dende aquela data, o que supón que o que antes valía 10 euros, agora custe 18 e medio, case o dobre. Mentres tanto, os salarios subiron, ben é certo, ata estar na actualidade o salario mínimo interprofesional nos 1.134 euros ao mes (37,8 euros ao día), pero incrementáronse nun 63,9 %, é dicir, aínda están 20,8 puntos por debaixo do que se encareceu a vida neste 25 anos.

Unha muller sae dun supermercado cun carro da compra
Unha muller sae dun supermercado cun carro da compra | Fonte: Alberto Ortega - Europa Press

O Galicia Confidencial fai unha análise sobre como se encareceu o custe da vida dende 1998 (baseándose nos datos do IPC recolleitos polo Instituto Nacional de Estatística) en relación a como foi subindo o salario mínimo interprofesional en Galicia (baseándose nos datos reflexados polo Instituto Galego de Estatística). Polo xeral, o Índice de Prezos ao Consumo subiu en maior medida que o salario mínimo dende 1999 (1998 supón unha excepción) ata a entrada do euro. Así, a progresión salarial entre 1999 e 2002 foi aumentando un 2 % cada ano, mentres que o IPC o fixo do seguinte xeito: +3,2 % (2000), +3,4 % (2001), +3,2 % (2002). Ata o 2004 os salarios seguiron subindo un 2 % anual, mentres que o IPC o facía por enriba: +4 % (2003) e +2,2 % (2004). Así, nese tempo, entre 1999 e 2005 o salario mínimo pasara dos 416,3 euros ao mes (13,9 euros ao día) aos 460,5 euros ao mes (15,3 euros ao día).

O punto de inflexión chegou no ano 2005, cando o salario mínimo subiu de golpe un 10,2 %, pasando deses 460,5 euros ao mes (15,3 euros ao día) a 513 euros ao mes (17,1 euros ao día). Nese ano o IPC subira un 3,1 % con respecto ao anterior, polo que a suba do salario mínimo compensaba con creces o incremento do custe da vida. Pero... e todo o atrasado en anos anteriores? Era suficiente ese 10,2 % de suba para facer fronte a un incremento do custe da vida do 20,5 % dende o 1998? Pois o certo é que case, pois os salarios subiran nun 20,3 %. Ademais, nos anos seguintes, e ata o 2011, a suba do salario mínimo estivo por enriba da suba do IPC, así, os salarios fóronse incrementando entre 2006 e 2010 do seguinte xeito: +5,2 % (2006), +5,2 % (2007), +4,9 % (2008), +3,8 % (2009), +1,5 % (2010); mentres que o IPC foi crecendo deste outro: +4,1 % (2006), +2,1 % (2007), +4,4 % (2008), +0,5 % (2009), +1,2 % (2010).

Falamos dun momento, nese ano 2010, no que o salario mínimo estaba nos 633,3 euros ao mes (21,1 euros ao día). A xente vivía, que xa é máis do que se pode dicir hoxe en día, e facíao de xeito bastante decente aínda cobrando o salario mínimo. A partir do 2011 foi cando as cousas empezaron a torcerse e a encadenarse ano tras ano cunha revalorización do salario mínimo por baixo da suba do custe da vida, habendo anos nos que o salario mínimo mesmo se mantivo estancado, sen subidas, a pesares de que o IPC seguía en aumento. Así, entre 2011 e 2014 a suba dos salarios foi a seguinte: +1,3 % (2011), 0 % (2012), +0,6 % (2013) e 0 % (2014); mentres que a do IPC foi deste outro xeito: +3,4 % (2011), +2,2 % (2012), +2,5 % (2013) e +0,4 % (2014).

Estamos a falar, polo tanto, de que a suba acumulada do IPC dende 1998 ata ese ano 2014 fora dun 41,3 %, e a dos salarios dun 37 %, quedándose xa por debaixo. Nese ano 2014 aconteceu algo: o custe da vida comezou a decrecer (aínda que a alegría non durou moito). O IPC estivo en valores negativos durante dous anos, caendo un -1,4 % no 2015 e un -0,5 % no 2016. Neses anos o salario mínimo non deixou de subir, aínda que non sobremaneira, nun +0,5 % no 2015 e nun +1 % no 2016. En concreto, nese ano 2016 o salario mínimo estaba nos 655,20 euros ao mes (21,84 euros ao día). Entre 2017 e 2020 chegou unha época de bonanza para a revalorización do salario mínimo, que creceu moi por riba do IPC: +7,4 % (2017), +3,8 % (2018), +18,2 % (2019) e +5,3 % (2020); mentres que o IPC creceu así: +3,2 % (2017), +0,6 % (2018), +0,8 % (2019) e +1,2 % (2020).

Imaxe dun supermercado
Imaxe dun supermercado | Fonte: MIGUEL SAN CRISTOBAL - Arquivo

Agora ben, dende 2020 encadenáronse dous anos negativos, postpandemia, nos que o salario mínimo marcou un 0 % de crecemento no 2021 e un 5 % no 2022, fronte a un IPC que subira un 0,4 % no 2021 e un 6,8 % no 2022. Nese 2022 o salario mínimo estaba fixado xa nos 1.000 euros mensuais (33,33 euros ao día). No 2023 trataría de compensarse a perda de poder adquisitivo dos traballadores neses dous anos, cunha revalorización do salario mínimo do 7,4 %, mentres o IPC subía nun 6,4 %; e este 2024 o salario mínimo creceu nun 4,8 % (ata os 1.134 euros mensuais ou 37,8 euros ao día) e o IPC fíxoo nun 3,8 %. Non fai falla máis que preguntar a calquera familia por como chega a fin de mes cobrando un salario mínimo para darse conta de que as cousas a día de hoxe están moi cruas. Lonxe quedan aqueles anos de finais do 90 cando os galegos podían vivir decentemente aínda tengo o traballo máis básico de todos e cobrando o salario mínimo.

MISIÓN IMPOSIBLE: FACER A COMPRA CANDO SE PAGA UN 20 % MÁIS QUE O ANO PASADO

E non estamos a falar de que as familias hoxe en día non poidan permitirse luxos que noutra época si podían, estamos a falar de que non chega nin para facer a compra. Pois máis aló do encarecemento conxunto do custe da vida, a cesta da compra experimentou un aumento esaxerado nos últimos anos. Neste 2024 facer a compra custa un 20 % máis de media que o ano pasado, segundo a última análise realizada pola Asociación de Usuarios Financieiros (Asufin), que leva máis dun ano facendo un seguemento de prezos de produtos básicos en cinco supermercados habituais: Alcampo, Carrefour, Dia, El Corte Inglés e Mercadona. En concreto, apuntan a que en xaneiro de 2023, coa rebaixa do IVE aos produtos básicos xa en vigor, o ticket medio nestas cinco cadeas de supermercados era de 30,11 euros, mentres que en xaneiro deste 2024 chegou aos 35,81 euros.

En concreto, estamos pagando un 18,93 % máis polos mesmos produtos básicos que o ano pasado, cando os supermercados aplicaron forzosamente a rebaixa impositiva. A medida aprobada polo Goberno para aplacar a inflación e darlle algo de osíxeno financieiro ás familias, polo tanto, non funcionou, pois a escalada dos prezos foi imparable. Os datos da Organización de Consumidores e Usuarios (OCU), aínda son máis alarmantes: hoxe hai que pagar case 140 euros máis por mercar as mesmas cousas que fai 3 anos custaban 100, pois os alimentos subiron un 38 % dende 2020. Esta organización observou os prezos de 122 produtos moi habituais na cesta da compra (alimentos frescos, marcas brancas e marcas de fabricante) entre decembro de 2020 e decembro de 2023 en sete grandes cadeas: Alcampo, Carrefour, Condis, Dia, El Corte Inglés, Eroski e Mercadona.

Os 10 alimentos que máis subiron de prezo entre 2020 e 2023, con diferenza, foron o litro de aceite de oliva suave (+225 %), o quilo de azucre branco (+91 %), o litro de zumo de laranxa (+81 %), a docena de ovos de talle M (+67 %), o quilo de arroz redondo (+66 %), o quilo de cenorias (+65 %), o pack de catro iogures de 125 gramos de iogurt natural (+58 %), o quilo de rodaxas de salmón (+56 %), o medio quilo de macarróns (+55 %), o litro de barra de xeado (+55 %) e o litro de leite enteira en tetrabrick (+53 %). Mentres que as subidas máis moderadas, aínda que tamén por enriba do 20 % rexistráronse nas froitas e verduras, e nos produtos de drogaría. Os outros grupos de alimentos como carne, peixe, pasta ou conservas experimentaron ascensos moi semellantes, todos entre o 34 e o 47 %.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

Por comer SE PAGA UN 20 % máis que o ano pasado !!! Pero o problema seica é a Rexeneración Democrática e as sucesivas convocatorias electorais e por suposto imos comer tódolos días lawfare ('law' (ley) y 'warfare' (ir a la guerra), según el diccionario Oxford: "acciones judiciales emprendidas como parte de una campaña en contra de un país o grupo" Pois comeremos lawfare con patacas de Coristanco ! (quen poda pagalas)