O reto máis difícil da literatura en galego: como a tradución da Biblia levou 16 anos

Foi realizada pola editorial SEPT, cun grupo de traballo no que participaron 35 persoas, coordinado polos tradutores Xosé Fernández Lago e Andrés Torres Queiruga. Como conta o escritor galego Silvestre Gómez Xurxo, "foi un reto moi complicado para unha editorial tan pequena, pero logrouse". A primeira edición veu a luz no 1989 e no 2022 publicouse a cuarta.

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 25/04/2024 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

A Biblia é a obra máis grande da literatura universal. É o libro máis lido e máis vendido do mundo, así como o máis traducido. Sen embargo, non a tradución a todos os idiomas foi igual de sinxela. Nun tempo no que nen sequera as intelixencias artificiais semellan quen de entender ben o galego, como puido facerse aló polos anos 60 do século pasado para conseguir unha tradución da Biblia ao galego o máis axeitada posible á versión orixinal? Pois a cousa non foi para nada sinxela, máis ben todo o contrario, foi realmente complexa, pero cun equipo de traballo de máis de medio cento de persoas logrouse, e grazas ao esforzo dos homes que integraban unha pequenísima editorial, que estaba ben lonxe de ter os medios económicos e humanos precisos para poder facelo. Foi todo un exemplo de traballo ben feito. Na xornada do Consello da Cultura Galega titulada 'Igrexa e lingua na Transición', o escritor galego e mestre Silvestre Gómez Xurxo conta como foi o proceso de xestación desta fazaña.

González Laxe fai entrega da primeira edición da Biblia en galego ao Papa Juan Pablo I
González Laxe fai entrega da primeira edición da Biblia en galego ao Papa Juan Pablo I | Fonte: Histórico TVG

Tralo Concilio Vaticano II comezou a formularse a posibilidade de traducir a Biblia en lingua galega. A editorial SEPT (Sociedade de Estudos, Publicacións e Traballos) nun principio editaba libros e revistas de todo tipo, non só de carácter relixioso, pero pouco a pouco foise especializando en libros relixiosos, "a raíz de que xurdisen as grandes editoras xeralistas que se foron metendo en todos os outros campos". "Na primeira etapa da editorial, co liderado do intelectual e economista galego Xaime Isla, a publicación de textos bíblicos en galego foi sempre unha prioridade", asegura Gómez Xurxo, que engade que "tanto é así que aínda que SEPT se constituíu o 15 de decembro de 1966, ten unha prehistoria de publicacións, porque o seu primeiro libro publícase en 1965, un ano antes". Ademais, apunta que "previamente a isto, aínda sen estar constituída como sociedade anónima, tivo participado de maneira moi activa na campaña a prol da aprobación do galego como lingua litúrxica".

Xa no ano 1967, constituída a editorial como tal, fai unha edición dos salmos, "o que vén a confirmar a edición de textos bíblicos como unha prioridade para a editorial". Pero non sería ata o ano 1973 cando SEPT formula dunha maneira decidida a tradución da Biblia íntegra, máis aló de ir publicando libros soltos. "Antes de dar este paso prodúcense en SEPT uns movementos que é importante sinalar: primeiro en 1970 incorpórase Quico Domínguez á editorial, que fóra alumno de Xaime Isla na Escola de Peritos de Vigo antes de irse para Bilbao estudar enxeñaría e, cando volveu a Vigo a traballar como enxeñeiro, púxose en contacto con Isla e de aí parte a súa incorporación a SEPT; e no 1971 incorpórase Alfonso Zulueta, que era notario en Marín cunha importante actividade cultural en Pontevedra, moi coñecido no Cineclube e no Ateneo; tamén no 1971 dáse un cambio na presidencia da SEPT, deixa a presidencia Xaime Isla e cóllea Domingo Fernández del Riego", conta Gómez Xurxo.

BARALLÁRONSE OPCIÓNS MÁIS DOADAS QUE TRADUCIR DENDE AS LINGUAS ORIXINAIS, COMO FACELO DENDE A VULGATA OU DENDE UNHA LINGUA MODERNA

Ademais, "no 1972 teñen lugar outros dous cambios moi decisivos: Alfonso Zulueta pasa a ser presidente e Quico Domínguez entra como director xerente". A partir de aí sería no 1973 cando se toma o acordo en firme da tradución da Biblia ao galego dende as linguas orixinais, algo que non era nada sinxelo. Gómez Xurxo asegura que "todo o mundo era consciente de que aquilo era un desafío realmente non difícil para unha microeditorial como era e é SEPT". O primeiro momento no que se plantexou tal desafío foi en febreiro de 1973, cando, como nos explica Gómez Xurxo, "valoráronse unhas opcións máis factibles que o traducila de cero dende as linguas orixinais, como era a posibilidade de servirse da tradución que estaba facendo naquel momento da Vulgata (a tradución en latín dende o hebreo do Antigo Testamento) do tradutor Manuel Casado Nieto ou facer a tradución directamente dende unha lingua moderna, concretamente dende unha tradución que se consideraba boa do francés".

González Laxe fai entrega da primeira edición da Biblia en galego ao Papa Juan Pablo I
González Laxe fai entrega da primeira edición da Biblia en galego ao Papa Juan Pablo I | Fonte: Histórico TVG

Obviamente, "estas opcións eran máis doadas dende o punto de vista da realización", pero finalmente "foron desestimadas e optouse directamente pola tradución dende as linguas orixinais". Aínda que non consta o día concreto no que se tomou esta decisión nas actas da SEPT, si que Gómez Xurxo foi quen de atopala nos cadernos de apuntamentos de Quico Domínguez: "Foi nunha reunión en Vigo nun local de Xaime Seixas (o padre Seixas) na que estaban, polo menos, Zulueta, Quico Domínguez, Fernández del Riego o padre Seixas e posiblemente Xaime Isla e Xosé Luis Méndez". A persoa que puña máis reparos, como recoñece, "era o padre Seixas, unha persoa nada sospeitosa de falta de entusiasmo ou de ter medo a tomar decisións arriscadas", senón que as súas reticencias viñan porque "era o único clérigo do grupo e o que tiña máis coñecementos para facerse unha idea máis exacta do traballo que iso ía supoñer".

FINALMENTE TOMOUSE A DECISIÓN DE TRADUCIR DENDE AS LINGUAS ORIXINAIS

Con todo, e a pesares das dificultades, a cousa saiu adiante e conseguiuse. "Esta medida que foi tomada nunha xuntanza máis reducida en Vigo foi levada posteriormente ao Consello de administración da editorial que se celebrou en novembro dese ano de 1973 en Santiago, onde xa estaba de presidente Zulueta", asegura Gómez Xurxo. Zulueta xa falou nese momento de que se ía levar adiante o proxecto de tradución da Biblia dende as linguas orixinais ao galego, feito por especialistas e contando co apoio do arcebispo de Santiago da época, entre outras personalidades do mundo eclesiástico. "Na acta dese Consello non recolle expresamente que a tradución estaría feita dende as linguas orixinais, pero evidentemente cando se fala de que é un proxecto realizado por especialistas e co apoio do arcebispo, refírese a ese proxecto do que se falara en Vigo un tempo antes", conclúe Gómez Xurxo.

Outro acordo que saiu dese Consello de administración foi a proposta do médico e intelectual galeguista Agustín Sixto Seco de nomear unha xunta ou comisión económica para "ir buscando a maneira de financiar todo o proxecto", así que, "evidentemente, cando se toma a decisión de nomear unha xunta económica é porque o proceso de tradución xa está completamente en marcha". E para que querían diñeiro se todo o mundo estaba traballando de balde? Como explica Gómez Xurxo, "sempre xorden gastos de múltiples tipos e había que ir facendo un peto para poder proceder á edición da Biblia". Que tipo de gastos? "Gastos que hoxe en día son bastante impensables: algúns tradutores entregaban os materiais en manuscrito e non a máquina e neses manuscritos non sempre había unha caligrafía perfecta e lexible, polo que ao mecanografalos había unhas complicacións tremendas, de xeito que non sempre o mecanografado era posible facelo perfectamente ben, así que logo o tradutor tiña que volver corrixir o mecanografado".

O PROCESO: TRADUCIR EN MANUSCRITO, PASAR A MÁQUINA, REVISAR O MECANOGRAFADO, MANDAR Á IMPRENTA, VOLVER MECANOGRAFAR...

Seguidamente, "unha vez que xa estaba o mecanografado feito, pasábase á imprenta, que de novo tiña que volver teclear todo, pois daquela non había ordenadores nin memorias dixitais ('pen drives') nos que poder pasar o escrito á imprenta, de xeito que había que volver mecanografar nela todo de cero". Como confesa Gómez Xurxo, "todo isto era froito de complicacións e erros", de tal xeito que "na primeira edición da Biblia se remataban atopando facilmente este tipo de cousas". Ademais, pon en valor o arduo traballo realizado por todas as persoas implicadas dende o comezo nesta tradución, pois, "aínda que os tradutores eran galegofalantes e algúns xa tiñan dominio da lingua escrita demostrado en diversas publicacións, había quenes non tiñan experiencia de escribir en galego". Por iso, creouse unha comisión, un grupo de asesores lingüísticos para axudar tamén neste sentido a aqueles que tiveran problemas de tipo lingüístico na tradución.

Novamente hai que lembrar que esta tradución da Biblia comezou a facerse no ano 1974 e "nese intre os medios dos que se dispuñan eran os que eran, non había ordenador, dende logo, pero case tampouco se dispuña de gramáticas nin dicionarios, había a gramática de Carballo Calero e o dicionario de Franco Grande e o don Eladio, xa moi difícil de conseguir, pero non había todo o que temos hoxe en día". De tal maneira que ao final para este proxecto contouse cun equipo de 35 persoas, sen contar os propios integrantes da SEPT: 13 tradutores coordinados polo teólogo e escritor Andrés Torres Queiruga primeiramente e logo coa incorporación do tamén teólogo e tradutor Xosé Fernández Lago; 8 asesores lingüísticos e 14 colaboradores económicos. Todo iso para a primeira edición, porque logo houbo ata unha cuarta edición e fóronse engandindo máis colaboradores: para a cuarta edición houbo unha corrección lingüística moi fonda na que colaboraron 14 persoas, polo que habería que engadilas a esas 35 iniciais.

"A COUSA NON FOI RÁPIDA, NUN TEMPO SEN CASE GRAMÁTICAS NIN DICIONARIOS"

"A cousa non foi rápida", confesa Gómez Xurxo, pero no ano 1979 editouse o Novo Testamento. "Para a súa edición SEPT non tivo ningún tivo de axuda nin financiamento económico, así que conseguiuse facer como se facían as cousas por aquela época, pedindo a uns e a outros axuda", lembra. Finalmente foi no 1989 cando saiu por fin a primeira edición da Biblia, despois de 16 anos de xestación e intenso traballo. "Agora podémonos preguntar como é posible que unha editorial tan pequerrecha como era SEPT puidese levar adiante este proxecto, pero é que os humanos podemos conseguir metas que parecían practicamente imposibles, e a editorial máis pequena de todas puido lograr un feito tan grande como foi a tradución da Biblia.

Chegados a este punto, Gómez Xurxo pregúntase se hoxe en día o sistema editorial galego sería quen de sacar adiante este proxecto de maneira comercial, non tendo que ocupar o tempo libre de colaboradores que participan de maneira gratuíta no proxecto: "Se se quixese sería posible, pero para nós na cuarta edición da Biblia que sacamos no ano 2022 non o foi e tivemos que recorrer de novo á xenerosidade da xente cuxo único cobro foi recibir un exemplar da Biblia". "Na primeira edición aínda nos estiramos un pouco e fixémoslle un exemplar encadernado co nome de cada un, pero na cuarta non deu nin para iso", chancea.

O PRIMEIRO EXEMPLAR FOI ENTREGADO POR GONZÁLEZ LAXE AO PAPA NUNHA VISITA A SANTIAGO

Gómez Xurxo nunca esquecerá aquel día de mediados de agosto no que "saiamos de Vigo Zulueta, Quico e eu, conducía Zulueta, que lle gustaba moito, e traiamos no coche un paquete que contiña o primeirísimo exemplar da Biblia en galego, que o presidente da Xunta daquel momento, Fernando González Laxe, lle ía agasallar ao Papa Juan Pablo I na súa visita a Santiago uns días despois". "Seguramente Zulueta xa tivera ocasión de ver o exemplar, porque o encadernador antes de empaquetalo llo ensinaría para ter a aprobación sobre o seu traballo, pero os demais non o víramos para nada, así que iamos no coche coa ansia de velo". Cando llo entregaron a Laxe, na chegada a Santiago, "puidemos velo por fin, aínda que non collelo, porque era dun branco inmaculado que nun día de verán só con collelo nas mans xa se ía manchar", chancea.

Para finalizar esta bonita historia, hai que poñer sobre a mesa os nomes daquel grupo de traballo coordinado por Xosé Fernández Lago e Andrés Torres Queiruga, do que formaban parte Martín María Díaz, Xesús Ferro Ruibal, Anxo González Núñez, Emilio Losada Castiñeiras, Xosé Antón Miguélez Díaz, Francisco Pérez Santalices, Manuel Regal Ledo, Xosé Rodríguez Carballo, Xoán Carlos Rodríguez Herranz, Xosé Manuel Rodríguez Pampín e Xosé Antonio Salgado Agromartín. E cómpre lembrar que a tradución da Biblia por eles realizada acadou o Premio Nacional de Tradución de España no ano 1990.

A Biblia en galego
A Biblia en galego | Fonte: Commons
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta