A Coordinadora de Traballadoras de Normalización pídelle respecto pola lingua ao Concello de Ferrol

Pídelle que modifique a orde que obriga a redactar os contratos exclusivamente en lingua española.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 22/04/2024 | Actualizada ás 10:28

Comparte esta noticia

A Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL) lamenta que o Concello de Ferrol redacte unha instrución "contraria ao espírito e á literalidade da ordenanza de normalización lingüística" e da lexislación autonómica de promoción da lingua, ao apostar inicialmente polo español como lingua oficial nos contratos. "En última instancia,se transmita a mensaxe de a lingua galega ser a causante dunha suposta falta de axilidade administrativa", critica.

Rolda de prensa do alcalde de Ferrol, José Manuel Rey, para informar os asuntos tratados na Xunta de Goberno local
Rolda de prensa do alcalde de Ferrol, José Manuel Rey, para informar os asuntos tratados na Xunta de Goberno local | Fonte: Concello de Ferroll

Nun comunicado, esta entidade manifesta a súa preocupación de que se estea a aludir constantemente a uns labores de “tradución ao galego” que non só entran en contradición con moitos dos artigos da ordenanza de normalización lingüística, senón que "contribúen a perpetuar o papel secundario da lingua galega e constitúen o primeiro paso para lle apor todo tipo de prexuízos, neste caso relacionados co bo funcionamento das administracións que todas e todos desexan".

Desde a CTNL valoran positivamente a rápida reacción do goberno local de rectificar a decisión tomada e que se establezan canles de colaboración entre administracións; "mais a verdade é que, a día de hoxe, esta instrución segue vixente xa que non consta que fose modificada". Por iso, recomenda que en todas aquelas decisións internas que tome unha administración que teñan a ver coa xestión ou tratamento das linguas se teña en conta obviamente a lexislación e normativa vixentes, así como o criterio técnico do persoal, neste caso, do servizo de normalización lingüística, co fin de atopar a solución máis acaída e axustada a dereito para cada momento.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta