Incendios que se repiten ano tras ano: nun monte cheo de eucaliptais e toxeiras os lumes avanzan a gran velocidade

O alcalde do concello de Rois, Ramón Tojo, non ten dúbida de que estes lumes son "intencionados": "Case cada ano se repite na mesma zona, un pouco máis abaixo, un pouco máis arriba". En agosto de 2021 arderon 25 hectáreas na parroquia de Leroño e en agosto de 2016 outras 20 na de Augasantas.

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 23/04/2024 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

O lume nun eucaliptal propágase tan rápido como a pólvora. Proba diso é o lume forestal que comezou na tarde do pasado luns no concello coruñés de Rois e que arrasou xa con 130 hectáreas de monte, chegando a poñer en tensión zonas habitadas e chegando a estradas como a AC-301. Despois dunha noite de intenso traballo por parte dos medios de extinción, o lume quedou estabilizado e xa só quedan as cinzas e algunha que outra chamarada que está controlada. Cinzas que se alcanzan a ver dende a propia estrada comarcal e que deixan a imaxe dun monte desolado no que o que eran fincas e fincas, con hectáreas e hectáreas de eucalipto, locen grises, cheirentas e afumadas, onde as árbores, autóctonas e foráneas, resisten en pé a duras penas cos seus troncos queimados, e os animais abandonaron unha zona que, polo momento, se convertiu nun deserto ambiental.

Incendio forestal activo en Rois chegando á estrada AC-301
Incendio forestal activo en Rois chegando á estrada AC-301 | Fonte: Cedida

Non é a primeira vez que acontece algo semellante no concello de Rois e semella que tampouco será a última. Ano tras ano se repite a historia: chega o calor, o vento e o lume, case nos mesmos lugares. Os veciños do concello e o propio alcalde, Ramón Tojo (PP), amósanse convencidos de que detrás dos lumes está a man dos incendiarios, persoas que por intereses económicos queren arder unha finca. O último grande incendio que se lembra na zona non data de fai moito, concretamente de finais de agosto de 2021, cando alguén, como aseguraron no seu momento os veciños, prendeu lume na parroquia de Leroño. O incendio chegou a calcinar 25 hectáreas, 23 delas de arboredo. "Pensamos que o incendio foi provocado coa intención de facer o maior dano posible", afirmara tamén naquela ocasión o alcalde.

Un ano antes, no 2020, tamén en agosto, houbo varios pequenos incendios rexistrados en varias parroquias do concello: Ermedelo, Costa, Seira, Leroño, Augasantas... Un ano despois, no 2022, outro incendio en xullo, nesta ocasión no medio do monte, no distrito forestal VI, poñía en xaque á vexetación e fauna do concello de Rois. En agosto de 2016 outro gran lume arrasou con 20 hectáreas na parroquia de Augasantas. A estes e algúns outros, que saltaron aos medios de comunicación, hai que sumar moitos outros pequenos focos que non chegan á sociedade porque se atallan con celeridade e non hai que lamentar males maiores. Pero, sexa como fose, o certo é que cando as temperatura se elevan os veciños xa temen polo que poida suceder, tal é o 'background' histórico da zona.

Este mesmo martes, en declaracións a Europa Press, o alcalde do concello coruñés aseguraba que "case cada ano se repite na mesma zona, un pouco máis abaixo, un pouco máis arriba". E engadía que "todo o mundo apunta" á "moi mala intención" dalguén de plantar lume "preto do anoitecer" e nunha xornada de vento "terrible". Segundo o rexedor, os lumes repítense "nunhas parroquias moi coincidentes: pode ser Herbogo, pode ser Leroño, pode ser Augasantas... Pero están aí, unha desgraza". Neste caso o lume chegou a queimar un transformador no lugar de Fufelo, na parroquia de Buxán, o que deixou aos veciños sen luz. "Esta xente que plantexa facer dano trata de facelo no momento oportuno e hai moitas vidas en xogo", advirte Tojo.

O RISCO DOS EUCALIPTOS: PERIGO DE LUMES SECUNDARIOS A 1,9 QUILÓMETROS

Sexa como fose, intencionado ou non, o innegable é que a cantidade de plantacións de eucalipto presentes na zona favorece a expansión do lume unha vez este se inicia: un estudo da Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN) realizado tras os grandes lumes que asolaron Galicia en outubro de 2018 concluía que nos bosques de caducifolias autóctonas os incendios se propagaban máis despacio e eran máis fáciles de apagar e que, pola contra, en masas de pinos e eucaliptos os incendios avanzaban con máis velocidade, co risco que as chamas se reproducisen noutro lugar a partir de faíscas que viaxan rapidamente impulsadas polo vento e, ademais, sendo moito máis difíciles de extinguir. 

A análise concluía que nun escenario "intermedio" (20 % de pendente e 30 quilómetros por hora de vento), o lume avaza máis rapidamente en piñeiros (entre 18 e 23 metros por minuto en función da especie) que en eucaliptais (12 metros por minuto) e carballeiras (6 metros por minuto). Pero os eucaliptais terían un risco engadido de reprodución do lume, sinalando o estudo que "mentres que nos lugares con carballos nunca se detecta risco de que aparezan focos secundarios, nun 35-40 % dos lumes en eucaliptais e piñeirais hai risco de que as faíscas xeren lumes secundarios a distancias de ata 0,5 quilómetros en piñeiros e 1,9 quilómetros en eucaliptais".

Ademais, os lumes que se producen en carballeiras e outros bosques de caducifolias son moito máis sinxelos de apagar: nun 94 % dos lumes en carballeiras é posible tentar a súa extinción directa (mesmo con medios manuais nun 30 % dos casos), mentres que, pola súa maior dificultade e risco, "é preciso recorrer ao ataque indirecto con medios mecánicos (motobombas, bulldozers, avións ou helicópteros)" na maior parte dos lumes en piñeirais (46 % en Pinus sylvestris, 63 % en Pinus pinaster, 73 % en Pinus radiata) e eucaliptais (67 % en E. globulus). 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Moine

Há que encher o peto da oligarquia madrilenha, a dona das celuloses. Para Nós o lume, e o deserto verde. Com o lume, cada ano perdemos mais e mais terra fértil; mais isso que importa o significativo e substancial é abarrotar de dinheiro aos oligarcas madrilenhos.