O déficit de pediatras en centros de saúde en Galicia alcanza o 13%, segundo a asociación galega da especialidade

O conselleiro de Sanidade explica que se solicitará o aumento en seis das prazas de formación MIR de pediatras ao ano en Galicia

SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/04/2018 | Actualizada ás 14:35 por EUROPA PRESS

Comparte esta noticia

A Asociación galega de Pediatría de Atención Primaria cifrou nun 13% o déficit de profesionais desta especialidade en Galicia, segundo se transmitiu na súa XII Reunión anual, celebrada en Santiago de Compostela, na que se defendeu o papel dos facultativos nos centros de saúde.

Acto de inauguración da XII Reunión Anual da AGAPap
Acto de inauguración da XII Reunión Anual da AGAPap | Fonte: Europa Press

"Agora mesmo necesitariamos un 13% máis de pediatras dos que temos e prevense moitas xubilacións", asegurou a presidenta da Asociación Galega de Pediatría de Atención Primaria (AGAPap), en declaracións aos medios de comunicación.

Aínda que matizou que Galicia é unha das comunidades que ten "un déficit menor de problemas", resaltou que xa se producen "problemas para as coberturas das baixas, o que fai as consultas complicadas".

"Hai unha falta clara de pediatras a nivel nacional e nós reivindicamos a presenza de pediatras de atención primaria nos centros de saúde, cremos que todos os nenos galegos teñen que ter un pediatra de cabeceira", engadiu.

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, que participou na inauguración do acto, respondeu respecto diso que a Consellería xa solicitou ao Ministerio a ampliación en seis prazas do número de pediatras en formación MIR ao ano, co que se pasaría das 20 actuais, que están cubertas, a 26.

Ademais, lembrou que fai tres anos ampliouse a idade de xubilación voluntaria dos profesionais do ámbito sanitario, e avanzou que se irán "sumando medidas organizativas", que a Consellería está "a valorar coa asociación de atención primaria e a asociación galega de pediatría para seguir mellorando".

Durante o acto de inauguración destacou, entre outras medidas, que se ofertarán prazas de enfermaría especializada, con listas de contratación, e que se estudará a proposta de eliminación dos pediatras itinerantes, que sostén que é un elemento "que agora mesmo non ten sentido".

En todo caso, agregou que o déficit de pediatras non é unha cuestión só galega senón nacional, e defendeu que a Xunta mantén a súa aposta pola pediatría en atención primaria, en contra do que sucede en moitos países europeos. "Temos unha atención pediátrica en atención primaria a nivel estatal moi por encima da maioría de países europeos", afirmou. VACINAS

As vacinas tamén tiveron un papel relevante na reunión, na que se profundou nas que, por agora, non están financiadas e na controversia sobre o seu uso.

A presidenta da Asociación puntualizou que pese ao auxe, sobre todo, en países europeos, da tendencia de 'antivacinas', en España non se percibiu un aumento nos últimos tempos. Cualificou os casos que se produciron como "illados e puntuais", e sostén que, "de momento, coa información dos pediatras, sen necesidade de obrigar, "que tería un efecto pernicioso", está a evitarse o aumento da tendencia contra a vacinación en España.

En canto ao calendario de vacinación actual, o conselleiro explicou que en Galicia son gratuítas todas as que están aprobadas polo Ministerio. No entanto, asegurou que en canto se aproben novas vacinas "Galicia vai ser a primeira en facelas gratuítas, pero teñen que ter criterio técnico".

Almuiña lembrou que a Consellería acaba de pór en marcha unha aplicación gratuíta denominada VACGAL, que permite a todos os usuarios con cartón sanitario coñecer o calendario de vacinación vixente ou as vacinas en viaxes. Tamén posibilita tramitar citas para vacinarse, recibir recordatorios sobre inmunizacións pendentes ou consultar, en calquera momento, os datos que ten o programa.

Por outra banda, destacou que a Consellería formou un grupo de traballo para proceder á actualización da Guía de apoio para o programa do neno san, "unha magnífica guía que precisaba unha actualización". O programa protocoliza as actuacións en educación sanitaria, dirixidas aos menores e ás familias, así como as actividades preventivas e de detección precoz dos problemas de saúde máis habituais.

Jesús Vázquez Almuiña tamén puxo en valor a Estratexia Sergas 2020 que recolle, en relación á atención pediátrica, varias liñas e proxectos da Consellería, como a protección á lactación materna, a potenciación da atención a problemas de saúde mental infanto-xuvenil; a dor infantil; a detección e intervención ante os malos tratos infantís, ou a obesidade infantil.

Así mesmo, o Conselleiro resaltou o importante desenvolvemento de recursos preventivos e terapéuticos da pediatría nos últimos anos, xunto co papel determinante das vacinas. Como exemplo, explicou que en Galicia o ano 1975 a taxa de mortalidade era de 23'60 por 1000 nenos fronte ao 3'15 por 1000 do ano 2016.

ATENCIÓN Á ODONTOPEDIATRÍA

A XII Reunión dos pediatras de atención primaria de Galicia reuniu ao redor dun centenar de facultativos --conta con máis de 200 socios--, nun encontro no que tamén se abordou a necesidade da mellora á atención en 'odontopediatría', para axudar aos pediatras a saber de que forma actuar ante un traumatismo dentario, explicou Amparo Rodríguez Lombardía.

Ademais, tratouse a aparición das caries na lactancia prolongada a demanda e a Hipomineralización Molar Incisiva.

A Asociación galega de pediatría de atención primaria creouse en 2005 para dinamizar o traballo dos pediatras desta especialidade e mellorar a calidade das súas condicións de traballo. Forma parte da Asociación Española de Pediatría de Atención Primaria.

Algún erro? Nota editorial
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta