Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/04/2024 | Actualizada ás 19:13
A Denominación de Orixe O Ribeiro presentou esta mañá o seu novo precinto certificador, unha tirilla que vestirá os viños que saian ao mercado desde esta denominación de orixe.
Trátase dun documento oficial que se adhire a cada unha das botellas de viño e que autentifica que o contido da mesma é un viño con orixe da denominación que pasou, con resultados aptos, os distintos controis de calidade realizados.
O presidente do Consello Regulador da Denominación Orixe O Ribeiro, Juan Manuel Casares, explicou que a primeira precinta que acompañou aos viños desta denominación creouse no ano 1956 e non sufriu modificación na súa imaxe ata o 2017, cando se lle practicou "un redeseño substancial".
Agora, sete anos máis tarde, o Consello Regulador "decidiu renovar sutilmente este documento certificador engadíndolle un código QR" que leva á páxina web, "así como máis elementos de seguridade".
Pola súa banda, o xefe de servizo da Dirección Comercial da Fábrica Nacional de Moeda e Timbre, Daniel Martín Rodríguez, comentou que o principal obxectivo do cambio da precinta "é a súa actualización na tecnoloxía de impresión", así como obter unha maior precisión nos sistemas de seguridade contra as falsificacións. "Este documento é o auténtico carné de identidade de cada unha das botellas que saen ao mercado, e supón a garantía de calidade da Denominación de Orixe Ribeiro", expuxo.
O novo deseño presenta o símbolo e o logotipo reestilizado da denominación, o selo garantía de orixe, o mapa de Galicia, erres investidas e a banda de seguridade; así como códigos alfanuméricos en curva, a firma da Fábrica Nacional de Moeda e Timbre e o mencionado Código QR. Utilizarase para todos os viños: brancos, tintos, tostados e espumosos sen distinción; só se diferenciarán polas letras de inicio do código alfanumérico.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.