Os concellos poderán adherirse desde este sábado ao convenio de limpeza de franxas secundarias

A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, valorou que este é un acordo "pioneiro en Europa" para a posta en marcha "dun sistema público de xestión de biomasa" pero que é "obriga do propietario" ter as súas leiras limpas.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/08/2018 | Actualizada ás 13:48

Comparte esta noticia

A Consellería do Medio Rural abrirá este sábado o prazo de inscrición para que os concellos se adhiran ao convenio asinado polo Goberno autonómico coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e Seaga para a xestión e limpeza de biomasa para previr incendios forestais. As administracións locais disporán dun mes para presentar a solicitude.

Alfredo García,  Ángeles Vázquez e Pablo Arbones. XUNTA
Alfredo García, Ángeles Vázquez e Pablo Arbones. XUNTA

Segundo informou a Xunta nun comunicado, as tres partes do acordo traballan para "axilizar ao máximo" o proceso, de forma que se analizarán cada unha das solicitudes que entren e así iniciar "canto antes" os traballos sobre o terreo. Na firma do convenio a semana pasada, a conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, apuntou que as actuacións non comezarían até setembro.

Este acordo contempla un investimento de máis de 28 millóns de euros cofinanciados pola Administración autonómica e a Fegamp para efectuar a limpeza, até 2021, sobre 16.000 hectáreas de franxas secundarias situadas en 50 metros ao redor de vivendas e núcleos de poboación.

Ademais, os labores prestarán especial atención a aqueles municipios máis afectados polos incendios. E é que a adhesión dos concellos ao plan levará a cabo en función do número de lumes rexistrados no seu territorio ou da existencia de parroquias de alta actividade incendiaria.

Os titulares de montes que se comprometan co sistema abonarán unha tarifa de 350 euros por hectárea para a xestión da biomasa. Con iso, beneficiaranse de varias vantaxes deste sistema, como que as institucións públicas se encargarán dos maiores custos dos traballos.

CONVENIO "PIONEIRO EN EUROPA"

Na firma do convenio, a conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, valorou que este é un acordo "pioneiro en Europa" para a posta en marcha "dun sistema público de xestión de biomasa", que busca axudar aos municipios que reclamaban apoio para estas tarefas "desde hai moitísimo tempo". E é que a Administración autonómica se mostra "consciente" das "dificultades" existentes.

Neste ámbito, lembrou que é "obriga do propietario" ter as súas leiras limpas, pero este convenio nace para a colaboración entre administracións para executar limpezas de carácter subsidiario, con prioridade nas zonas de risco de incendio. Sobre este extremo, o presidente da Fegamp, Alfredo García, abundou que os concellos "non podían" afrontar "sós" estes traballos, polo que agradeceu a colaboración.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta