Un plan para salvar As Catedrais

O Plan especial de protección do Monumento Natural da Mariña lucense, en fase de exposición pública, aposta por afastar os vehículos da praia, crear un centro de interpretación e recepción de visitantes e expropiar e derrubar o restaurante. Prevese un millón de visitantes coincidindo co Xacobeo do 2021.

Por Xerardo Porto | Ribadeo | 07/12/2017 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

“Se non facemos algo, non imos ter As Catedrais; teremos outra cousa, pero As Catedrais non”. É o aviso do arquitecto Mario Crecente, un dos técnicos encargados da redacción do ‘Plan especial de protección das Catedrais’ ante a previsión de que o Monumento Natural da Mariña lucense recibirá ata un millón de visitantes no 2021, coincidindo co Xacobeo.

Praia das Catedrais en Lugo
Praia das Catedrais en Lugo

En fase de exposición pública trala aprobación inicial polo Concello de Ribadeo (por diante quedan a aprobación provisional e a definitiva), os técnicos confían en que o plan estea totalmente listo para proceder á súa aplicación a finais de 2018 ou xa en 2019. Varias son as medidas propostas no informe redactado polas consultoras Mario Crecente e Asociados e gAU Arquitectura e Urbanismo xunto co Ibader (Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural) da USC:

• Liberar o monumento natural do tráfico rodado, aparcadoiro e impactos de usos e edificacións inaxeitados.
• Incorporar no deseño do Plan as necesidades e usos tradicionais dos veciños e poboación local seguindo o modelo do Granxeiro de Stonehenge.
• Deseño dun novo espazo de acollida, información e estacionamento, afastado da praia e capaz de dar resposta ás necesidades de todos os tipos de transporte e público.
• Construír ese equipamento de xeito que non interfira na contemplación do Monumento nin no seu entorno, aproveitando no seu caso o noiro do ferrocarril e integrar ese solo no núcleo rural de Esteiro.
• Previsión dunha área de acollida cos servizos básicos para os visitantes (información, audioguías, aseos...) e que permita a elaboración de informes estatísticos, así como dos espazos de hostalaría e restauración precisos. Incorporar, asemade, servizos básicos de seguridade e saúde.
• Transformar visitantes en turistas, incorporando os recursos da contorna: cetáreas, Rinlo, Illa Pancha, Castelo, Descargadoiro do Mineral, a propia vila e o concello de Ribadeo, así como os servizos e a oferta local na que destaca a Reserva da Biosfera.
• Fomento dos transportes colectivos, co traslado de apeadoiro existente en Esteiro ao centro de acollida e a incorporación de estacionamento para buses e taxis. Fomento dos percorridos sostibles: Camiño de Santiago do Norte, declarado Patrimonio da Humanidade en 2015, Camiño Natural do Cantábrico, e sendas litorais. Ter en conta a accesibilidade universal.

O plan pretende converterse nun marco de colaboración das distintas administracións e axentes implicados, e que faga sostible o éxito turístico das Catedrais. Como obxectivos complementarios do plan cara a garantir a súa viabilidade e as actuacións previstas, deberán facilitar a captación de financiamento para o seu desenvolvemento e implantación por parte das distintas administracións.


TRES ALTERNATIVAS AVALIADAS


Entre as tres alternativas avaliadas polos técnicos, optouse por unha regulación equilibrada seguindo as recomendacións do Plan de Conservación. Deste xeito, a alternativa elexida propón unha ordenación do uso público que permita o acceso regulado ao Monumento Natural de xeito compatible coa conservación dos seus valores naturais e culturais, para o cal se restrinxe o acceso a determinados sectores onde se atopan os compoñentes clave do patrimonio natural e a biodiversidade.

O plan incide na necesidade da ordenación de accesos, infraestruturas de uso público e aparcadoiros, así como a adopción de medidas de mellora paisaxística e adecuación das infraestruturas ás condicións impostas polos condicionantes de uso público. Nesta liña, despraza os equipamentos existentes que se manteñen e os que se precisan a maiores a unha posición arredada e oculta a respecto do acceso á contorna do monumento. O Plan especial de protección é claro sobre a necesidade da “retirada, demolición e restauración ambiental da parcela ocupada polo restaurante”.

Ante a posibilidade de que a expropiación do negocio de hostalaría entre nun longo proceso xudicial, na exposición feita no Concello de Ribadeo, Alberto González, arquitecto de gAU, expuso: “Non ten necesariamente que demorarse moitos anos porque nas últimas reformas lexislativas da Lei do solo e do regulamento, estes procesos expropiatorios teñen unha pauta temporal bastante determinada, que simplemente suscitan controversia non no propio proceso de expropiar senón no valor do expropiado, e iso é algo que se pode dirimir nos tribunais, aínda que xa estea derrubado o edificio”.

UNHA ACTUACIÓN URXENTE


A situación actual da Praia das Catedrais contemplada no plan especial recolle a necesidade dunha actuación urxente: “A xestión da Praia das Catedrais quedou superada polo progresivo aumento de visitantes que, en determinadas épocas do ano, superan amplamente a súa capacidade de carga ecolóxica. A ausencia dunha xestión adecuada desta situación afectou negativamente o estado de conservación dos compoñentes do patrimonio natural e da biodiversidade. O continuo pisado erosiona amplas áreas dos acantilados, eliminando a cuberta formada polos hábitats prioritarios e, posteriormente, eliminando os horizontes superficiais do solo.

A perda de superficie ocupada polos hábitats naturais veu acompañada pola afección a nucleos poboacionais de especies de interese para a conservación, mentres se favorece o asentamento e expansión de distintas especie vexetais de carácter invasor (…) As épocas de saturación do Monumento Natural xeran unha percepción moi negativa entre os visitantes (destrución e redución das superficies ocupadas por hábitats prioritarios e de interese comunitario, perda de horizontes edáficos, instalación e expansión de especies exóticas invasoras...), que redunda na avaliación do espazo e na calidade da oferta turística do propio Concello. Tendo en conta a esperable progresión do aumento de visitantes, faise apremante a demanda de instrumentos de control e xestión coma o plan especial que se propón”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta