GC Aberto

Cambio de paradigma cultural

"Galicia precisa hoxe un cambio de modelo cultural. Soster, mellorar e integrar os organismos que xa existen e mudar as dinámicas tanto de proxección internacional coma de acompañamento no territorio, para eliminar as verdadeiras barreiras coa cultura, as de clase, as barreiras psicolóxicas ou as dos medos e prexuízos coa cultura".

Por Roberto | Ribadavia | 13/02/2024

Comparte esta noticia

Preguntabámonos noutro artigo publicado neste mesmo espazo, hai un ano e medio: Que quedará despois da saturación e da afonía da hipérbole? Que nos traerá a resaca do Xacobeo? Hoxe podemos formularnos outra pregunta, máis alá: que legado cultural nos deixa, tras 15 anos, o Goberno galego do Partido Popular?

Reunións sectoriais Lei Galega de Dereitos Culturais. Foto: Cedida por Roberto Pascual.
Reunións sectoriais Lei Galega de Dereitos Culturais. Foto: Cedida por Roberto Pascual.

Esgotando xa a lexislatura, o Parlamento de Galicia iniciaba os trámites dun Anteproxecto de Lei de Cultura Inclusiva e Accesible, proposta polo executivo, da que os sectores profesionais da cultura escasa información teñen e que, visto o texto a trámite, incide na perpetuación do modelo actual de dinámicas culturais: produción e consumo a monte, co comodín amable da participación de todas as persoas. Derivado dese texto anunciado e non aprobado, o mesmo Partido Popular propón como medida cultural para estas eleccións do 18F unha rede de cultura no rural, de novo incidindo nunha visión caduca do paradigma cultural no ámbito público, de acordo ás tendencias da maioría dos sistemas máis avanzados da nosa contorna. Tal e como a presentan os seus responsables, a idea principal é garantir unha programación de calidade no rural e levar a cultura ó medio rural.           

Acaso non existe xa alí cultura, no medio rural e de calidade? Hai que levala? Sentiranse interpeladas as persoas dun medio rural en continuo despoboamento por unha imposición de modelo que mira cara o seu contexto de maneira condescendente e paternalista? Como di a activista cultural Jazmin Beirak no seu libro Cultura ingobernable: “Que sentido ten falar de cultura como semente nun sentido figurado cando podemos sufrir unha escaseza de sementes nun sentido literal?” Se non se articula dende a cohesión, a transversalidade e a cooperación, efectivamente, esa semente de monocultivo poucos beneficios pode dar ó ecosistema. Esa semente cultural, nin nun rural galego esmorecente e esmorecido, nin nun ámbito urbano de accións maioritariamente individualistas e con escasa coordinación ou apoio estrutural público, poucos froitos vai dar á maioría da sociedade e ás súas iniciativas creativas propias.

Acaso non existe xa alí cultura, no medio rural e de calidade?

Fronte a esta visión que insiste na cultura como feito excepcional, cómpre, na nosa opinión, unha visión de cambio, da cultura como feito ordinario, do día a día da xente e dos colectivos, tamén como reivindicación dos dereitos sociais. Neste sentido, o BNG leva deseñando e redactando unha Lei Galega de Dereitos Culturais dende hai máis dun ano, en comunicación coas necesidades de todos os sectores creativos e tamén dende unha perspectiva do ben común. Como afirma Sabela Mendoza no libro A cultura é un dereito. Unha visión social da cultura, editado pola Deputación da Coruña, “xustamente as visións instrumentais e parciais da cultura, teñen relegado a súa importancia social a pequenas esferas de intereses e lugares estreitos de desfrute”.

Moito máis ca ocio e evasión, polo tanto, a cultura axuda a construír outras políticas públicas baseadas na convicción da igualdade, a posta en valor de sistemas produtivos existentes, o fomento do orgullo de prácticas que conforman a identidade dos lugares, a posta en valor da memoria e o patrimonio de xeito sustentable. Mais para iso é preciso un cambio de modelo, de estrutura e de acción de goberno en materia cultural. De novo, como diciamos hai ano e medio despois dun verán de macroconcertos para “reactivar” o turismo, a economía e o ánimo despois do confinamento pandémico, a fórmula nada positivo supuxo a longo prazo, como xa supoñiamos. Tampouco unha fórmula que consista en querer incluír os lugares e persoas, supostamente á marxe dunha acción cultural que non as interpela, a golpe de furgotecas.

Hai quen pode pensar: en 15 anos de goberno, algo positivo farían... E de novo debemos volver ás voces expertas. Como di Toni Puig no seu divertido libro Se acabó la diversión: “O importante non é a xestión. O indispensable son as ideas: qué propoñemos. Que hai na nosa xestión?” A xestión, por si mesma, como un sorteo da burocracia, unha idea improvisada de lecer para as vacacións ou un cúmulo de inercias baseadas na concesión de convenios e axudas para producir, producir e producir; non atenderá a esas preguntas clave. Para quen? Para que resultados? Onde consultalos?

Nunha campaña electoral poderemos escoitar promesas e ideas diversas, o papel e os desexos de última hora sostéñeno todo, pero a cultura galega dun país que se quere cohesionado e sen fendas rural/urbano, creación/conservación, cultura dixital/cultura tradicional, mediación/autoorganización, etc., non escoitará ningún canto de serea improvisado e ancorado nunha concepción da cultura de hai 40 anos, cando empezaron a desenvolverse as primeiras políticas e institucións culturais da Autonomía.

Galicia precisa hoxe un cambio de modelo cultural. Soster, mellorar e integrar os organismos que xa existen e mudar as dinámicas tanto de proxección internacional coma de acompañamento no territorio, para eliminar as verdadeiras barreiras coa cultura, as de clase, as barreiras psicolóxicas ou as dos medos e prexuízos coa cultura. Como fai saber o propio Consello da Cultura, organismo consultivo da Xunta de Galicia, en relación cunha xornada que terá lugar o vindeiro 29 de febreiro en Padrón, “mudar o paradigma da cultura no que levamos décadas instalados, e que deu un resultado desigual, por outro contexto que teña máis en conta á cidadanía e os seus dereitos é o obxectivo último das leis de dereitos culturais que se están xeneralizando en todo o Estado”.

Galicia precisa hoxe un cambio de modelo cultural

En conclusión, Galicia non pode quedar atrás, nisto tampouco, nunha tendencia crecente e innovadora, na asunción de responsabilidades de quen as debe liderar e que así non se siga condenando a acción cultural á irrelevancia das estratexias públicas. Coma se a Cultura fose un interese minoritario ou un capricho secundario. Non. A Cultura é un dereito de toda a sociedade.

Roberto Pascual

BREVE RESEÑA DO AUTOR

Roberto Pascual é director da Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia, profesor na ESAD de Galicia e colaborador no Diario Cultural da Radio Galega. 

Premio Rafael Dieste de textos teatrais 2021 pola obra Sophie non é o meu nome de guerra.

No ámbito investigador, publicou Roberto Vidal Bolaño e os oficios do teatro (Xerais), 40 anos daquel Abrente (Galaxia), traduciu e editou a obra de Raúl Dans Matalobos para a ADE, traduciu ao portugués, castelán e galego a obra La Merda, de Cristian Ceresoli. Publicou tamén estudos sobre a obra dramática de Xaime Quintanilla, Manuel Lourenzo, Roberto Salgueiro ou Dorotea Bárcena, entre outros.

Traballou como redactor no Dicionario de termos escénicos do CCG e é membro do Consello de Redacción da Erregueté | Revista Galega de Teatro.

Está a piques de defender a súa tese de Doutoramento sobre os festivais internacionais de Artes Escénicas de Galicia no programa de Estudos da Literatura e da Cultura da USC.

No ámbito da xestión cultural, traballou como asesor no INAEM - Ministerio de Cultura, para o Cabildo de Tenerife, o Instituto Cervantes, a Universidade Complutense ou en informes e comisións do Consello da Cultura Galega. Ten participado en conferencias e encontros diversos, dende o FITEI do Porto ata o HtH CDN de Montpellier, ten publicado artigos en actas de Congresos, revistas e ponencias de diversos países. 

En 2016 foi o voceiro da Comisión redactora do Anteproxecto de lei de Artes Escénicas de Galicia, presentado no Parlamento de Galicia e pendente de tramitación.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta