Por xabier (http://www.vila-coia.com) | GC ABERTO | 11/02/2024
Como é de xeral coñecemento, o 18 de xaneiro deste ano o Congreso dos Deputados aprobou a reforma do artigo 49 da Constitución de 1978 para substituír a palabra «diminuídos» pola locución «persoas discapacitadas». E o día 25 do mesmo mes o Senado fixo o propio.
Porén, este cambio é unha simple maquillaxe semántica —procedemento cosmético que goza de gran querenza entre a actual clase política— e se o analizamos con certa profundidade tomaremos conciencia de que empeora a consideración dada a quen padece limitacións de carácter físico, mental ou sensorial. É o que nos ensina a etimoloxía: o prefixo grego «dys» significa «dificultade» («disfaxia» é a dificultade para deglutir) e tamén «mal» («dispepsia» é o termo médico indicativo de malas dixestións).
Un «diminuído» é quen «perdeu forzas ou aptitudes, ou as posúe en grao menor ao normal» (Dicionario da Lingua Española), sen que a voz implique ningún menosprezo: se perdo un membro corporal as miñas facultades físicas non serán as mesmas que as daqueles que os posúen todos; e se teño unha trisomía 21 a miña competencia intelectual é inferior á dos que non a teñen.
En contraposición, afirmar que unha persoa é dis-capacitada comporta recoñecer que está capacitada de forma deficiente. É dicir, mentres un diminuído pode estar perfectamente capacitado, ser apto, para desempeñar unha actividade concreta se recibiu a formación adecuada, un dis-capacitado, un non apto por definición, non o estaría nunca.
Por outra banda, convén non obviar que a modificación do artigo 49 inclúe no seu segundo punto un engadido: «Os poderes públicos impulsarán as políticas que garantan a plena autonomía persoal e a inclusión social das persoas con discapacidade […]. Atenderanse particularmente as necesidades específicas das mulleres e os menores con discapacidade».
Na exposición de motivos do anteproxecto de reforma, este último mandato figuraba co seguinte tenor literal: «Atenderanse particularmente as necesidades específicas das mulleres e nenas con discapacidade». Semella que, ao cabo, os redactores do anteproxecto non se atreveron a implementar a perspectiva de xénero (considerada por eles «un principio fundamental desta reforma») até o punto de marxinar non xa aos homes discapacitados, senón mesmo aos nenos varóns.
É oportuno, entón, facer aquí un inciso para traer a colación ao concepto de ideoloxía que expón Marx en «A ideoloxía alemá», co que, a pouco que se reflexione, é factíbel concordar en tanto en canto amosa que todas as ideoloxías son falsas dado que terxiversan e manipulan a realidade no seu propio interese, aínda que ao meu entender, non só actúa deste xeito a ideoloxía dominante; tamén o fan as que pretenden chegar a selo.
Retomando a nova redacción do artigo 49, alén do rechamante que resulta que as mulleres aparezan equiparadas, como foi tradicional ao longo da historia, aos menores de idade, é evidente que non todos os discapacitados teñen as mesmas necesidades; non obstante, estas non dependen en absoluto do xénero, talvez si da idade, seguro que si do tipo e grao de discapacidade, ademais, por suposto, dos ingresos económicos persoais ou familiares.
O agregado referido ao xénero dos cidadáns e que discrimina, por mor desta variábel socialmente construída, de forma favorable ás mulleres, entra en conflito co fundamental artigo 14 da Constitución, o cal dispón a incontestable igualdade, «ante a lei», de todos os españois sen que caiba ningunha discriminación por mor da súa raza, relixión, opinión, sexo, etcétera.
No ano 2024, en España, inventarse a existencia dunha desigualdade real entre homes e mulleres, sufran ou non unha discapacidade, que esixe continuas e ilimitadas accións lexislativas en beneficio exclusivo ou preferente destas últimas, non pode ser outra cousa distinta do que é…
Pura ideoloxía.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.