Galicientífica- Anna Abbadessa: "Galicia ten un futuro prometedor no ámbito farmacéutico"

A nova terapia para o tratamento da DMAE, causa da cegueira, buscaría reducir os custos económicos e de calidade de vida dos pacientes que a sofren.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 31/01/2024 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

Hoxe falamos con Anna Abbadessa, que traballa no CiMUS na área de tecnoloxía farmacéutica e que recentemente recibiu por parte da Fundación ’La Caixa’ a bolsa posdoutoralJunior Leader - Retaining”. Mediante este financiamento está desenvolvendo unha terapia alternativa á actual para o tratamento para a Dexeneración Macular Asociada á Idade (DMAE) que xa é unha das principais causas de cegueira nos países desenrolados. Destaca tamén que o tratamento actual ten un custo demasiado elevado.

Anna Abbadessa, investigadora do CIMUS
Anna Abbadessa, investigadora do CIMUS | Fonte: Galicia Confidencial

MULLER E CIENCIA

Durante a historia as mulleres víronse moi invisibilizadas nos ámbitos máis profesionais xa que eran ámbientes considerados "masculinos". Por iso, dentro deste contexto preguntámoslle a Anna se no seu entorno laboral ve igualdade en canto ao número de investigadoras e investigadores. "No pasado houbo mulleres que tiveron que rexeitar ou aprazar para idades máis avanzadas o feito de ser nais para poder dedicarse a alcanzar papeles de líderes”, explica Anna. “Afortunadamente hoxe cada vez noto máis que as mulleres están conseguindo roles de liderado o cal é un indicativo positivo de que a fenda de xénero neste ámbito é cada vez menor. Isto éncheme de esperanza, xa que demostra que o talento e as capacidades das mulleres están tendo o recoñemento que merecen", engade a investigadora.

Anna tamén se mantén positiva grazas ás iniciativas e políticas que promoven a igualdade de oportunidades como as convocatorias para proxectos de investigación que inclúen criterios de evaluación que non penalizan a ausencia por maternidade senón todo o contrario.

DIVULGACIÓN CIENTÍFICA

No eido da divulgación científica é importante saber adaptarse a todo tipo de públicos e aínda que este non sexa o campo principal dos científicos e importante ter un coñecemento base se queres facer chegar a todos o teu traballo. "Para comunicarse con persoas non especializadas, é importante utilizar unha linguaxe técnica e coller man de recursos visuais para facer a información máis accesible e asequible", contanos Anna, quen tamén defende o uso de exemplos prácticos e cotiás para un maior entendemento.

Xa centrandonos nas redes sociais, ferramenta indispensable en case todos os ámbitos hoxe en día, preguntámonos como a ciencia pode implementalas ou aproveitalas. "Como investigadores, sería importante darlle uso a estas plataformas ca fin de informar a persoas non familiarizadas cos temas científicos, co obxetivo de sensibilizar á opinión pública e promover unha comprensión adecuada da ciencia", destaca Anna que tamén fala sobre a desinformación e a necesidade de discernir entre a divulgación científica e a propaganda comercial que moitas veces carece de fundamento científico. "Deberiamos fomentar o uso de fontes científicas oficiales e a importancia de buscar información verificada", defende Anna.

Os usuarios que máis dominan este ámbito son os máis mozos, polo que a investigadora destaca o sustancial que é trasmitirlle a estes a importancia da ciencia, sobretodo porque elas e eles son "os futuros investigadores" e mediante esta toma de contacto con eles, poden sentirse inspirados. "Ao mostrarlle a nosa paixón, podemos motivalos a seguir os nosos pasos e a converterse na próxima xeración de científicos", explica Anna, que tamén engade que "involucrando a esta parte da sociedade fomentamos a súa curiosidade e capacidade crítica o que contribúe ao seu desenvolvemento intelectual e tamén promove o avance da ciencia".

O FUTURO PROMETEDOR DE GALICIA 

Como investigadora que traballa dentro do contexto da USC, Anna Abbadessa explícanos un pouco cales son as vantaxes de traballar aquí. "A USC ofrece centros singulares para varias disciplinas como son o CIMUS, CIQUS, CITIUS e IGFAE, os cales nos proporciona un nivel moi bo de infraestructuras e recusos especializados, polo que é máis doado e factible levar a cabo proxectos de gran envergadura", resposta a científica.

Noutra liña, tamén nos preguntamos se Galicia é un bo lugar para levar a cabo investigacións. A propia Anna fala do "futuro prometedor" que ten a comunidade no seu ámbito biomédico e é que Galicia demostra cada día que ten unha boa base sólida neste campo que se ve reflexada nos "grupos punteiros" de investigación tanto en Santiago coma no resto de cidades galegas. Outra das evidencias é a gran cantidade de centros especialidades como os da USC, con infraestructuras de primeira clase que ademais fomentan a colaboración entre científicos e científicas de áreas diferentes.

En canto ás axudas das administracións, Anna móstrase agradecida polos esforzos pero admite que aínda hai deberes por facer como abordar a falta de convocatorias para a estabilización de investigadores consolidados, a falta de regularidade e a imprevisibilidade na publicación das convocatorias, os plazos axustados, tamén os insuficientes fondos de financiamento e a pouca felixibilidade á hora de distribuilos.

"INVERTIR NUN ENVELLECEMENTO SAUDABLE E ACTIVO"

Xa centrándonos no proxecto desta investigadora queremos saber como lle cambiaría a vida ás persoas que sofren esa problematica no tema calidade de vida e económico xa que como adiantabamos ao principio, o tratamento actual, unhas inxeccións repetetivas que se dan directamente no ollo, é moi custoso. Con esta nova terapia poderiase tratar a Dexeneración Macular Asociada á Idade cunha soa inxección, mellorando o envellecemento e aumentando a autonomía das persoas afectadas que dependerían menos dos seus familiares. Ademais o custe económico reduciriase na sanidade pública polo que se concederían máis tratamentos e así os pacientes non terían que acudir á sanidade privada.

Anna Abbadessa comezou este proxecto pola súa experiencia no campo das enfermidades crónicas. "Nun mundo onde a esperanza de vida aumentou tanto, é esencial invertir nun envellecemento saudable e activo, para que as persoas podan disfrutar plenamente da vida", reclama.

Finalmente, poñemos exemplos reais do impacto social desta enfermidade, que según o IMO (Instituto de Microcirurxía Ocular), afecta xa a 800.000 persoas en España. O impacto laboral que ten é que os pacientes non poden realizar tarefas visuais detalladas, xa que afecta á visión central. No relacionado coa dependencia e calidade de vida, a DMAE, fai que pouco a pouco vaias perdendo a capacidade de ler, conducir ou recoñecer rostros. Na carga emocional e social, destacan os sentimentos que poden aparecer de frustración que poden desenvocar en ansiedade e depresión.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta