Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 21/08/2018 | Actualizada ás 18:00
O ciclo de conferencias «Educación século XXI», con novos relatores e temas, retómase para setembro. Así, Afundación, a Obra Social de ABANCA, consolida a súa aposta pola difusión de modelos formativos diversos, en consonancia cos desafíos e as realidades sociais actuais. Afundación procura tamén ofrecer foros de intercambio de coñecemento que apelen ao conxunto da comunidade educativa, incluíndo tanto docentes, como nais e pais.
Nas pasadas edicións do ciclo celebráronse os relatorios de Javier Urra, César Bona, David Calle, Margarita Pino, Jorge Soto, José Torres, Anna Sans, Belén Colomina, Ángel Carracedo e Sergio Castro. En total, ao longo de 2018, case dúas mil persoas se achegaron ás diferentes sedes ou espazos de Afundación interesadas nestas conferencias en torno ás novas tendencias e retos do ensino e a aprendizaxe, a todos os niveis, hoxe en día.
"EDUCAICÓN SÉCULO XXI": NOVOS RELATORIOS
A primeira conferencia deste novo curso será a cargo de Xuxo Ruiz Domínguez, profesor de primaria do CEIP San Sebastián de Albaida del Aljarafe, de Sevilla, que, ademais, é un dos 50 candidatos preseleccionados para o Global Teacher Prize 2018, considerado como O premio Nobel do ensino. Na súa metodoloxía docente, a maxia e a ilusión son as súas principais ferramentas didácticas na aula, mediante as que potencia a capacidade de concentración, o comportamento e os resultados académicos das nenas e nenos. A súa conferencia terá lugar na Sede Afundación de Santiago de Compostela o 13 de setembro ás 20.00 h.
O seguinte relatorio correrá a cargo de David Bueno i Torrens, doutor en Bioloxía e profesor e investigador de Xenética na Universitat de Barcelona. A súa traxectoria profesional e académica está centrada na xenética do desenvolvemento e a neurociencia e a súa relación co comportamento humano. É autor de doce libros de divulgación, entre os que destacan, pola temática da conferencia, Educación para una cultura de paz. Una propuesta desde la pedagogía y la neurociencia, Cerebroflexia. El arte de construir el cerebro ou Neurociencia para educadores. En 2010 gañou o Premio Europeo de Divulgación Científica «Estudi General». As súas conferencias celebraranse na Sede Afundación de Ourense o 15 de novembro ás 20.00 h, e o 16 de novembro, á mesma hora, na Sede Afundación A Coruña.
O obxectivo no campo formativo de Afundación está definido pola vocación ao redor dunha educación comprometida mediante a defensa dun sólido sistema educativo integral. Partindo da importancia da escola como centro de aprendizaxe, estas propostas pretenden complementar o ensino académico, especialmente a instrución, presentando uns espazos e unhas actividades que mesturen o lúdico e o formativo. Deste xeito, a entidade comprométese coa tolerancia, co respecto, coa solidariedade e coa adquisición das ferramentas necesarias para perseverar a súa autonomía persoal.
As propostas da área Educativa de Afundación abarcan múltiples disciplinas e fomentan o desenvolvemento de competencias transversais. Así, o seu programa inclúe actividades culturais en artes escénicas e plásticas e de fomento da lectura; actividades interxeracionais que reforzan o respecto e o intercambio de coñecementos entre mocidade e xente maior; actividades de educación ambiental para abordar a importancia do respecto polo medio; actividades de novas tecnoloxías, necesarias para o emprego das ferramentas imprescindibles nunha contorna que innova de maneira permanente; e actividades de cociña que ensinan os beneficios dunha alimentación saudable.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.