José López reafirma o compromiso da Xunta co apoio ao Museo do Pobo Galego

No labor de protección, promoción e divulgación do patrimonio cultural desta institución.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/04/2024 | Actualizada ás 16:40

Comparte esta noticia

O conselleiro de Cultura, José López Campos, visitou este xoves o Museo do Pobo Galego, onde reafirmou o compromiso da Xunta no apoio ao labor de protección, promoción e divulgación do patrimonio cultural desta institución.

"Desde a Xunta queremos manifestarlle ao Museo o noso total apoio ao labor que realiza e que saiba que seguirá contando coas nosas achegas e coa nosa interlocución para acompañalo nos retos que esta institución ten por diante", dixo o conselleiro á presidenta e ao director técnico, Concha Losada e Manuel Vilar, respectivamente.

O responsable de Cultura aproveitou a súa primeira visita institucional ao Museo para coñecer de primeira man "unha das institucións culturais de referencia de Galicia" e para pór en valor "o traballo fundamental" que realiza na conservación e na divulgación da identidade e da cultura popular de Galicia.

O conselleiro de Cultura lembrou que o Goberno galego e o Padroado do museo manteñen vixente un convenio de colaboración que eleva a máis de 1,3 millóns o financiamento para este centro no últimos tres anos. En concreto, e a raíz do último convenio asinado, a achega da Administración autonómica para 2024 é de 451.800 euros.

Deste xeito, a Xunta contribúe a sufragar tanto os gastos habituais de funcionamento desta institución como as actividades culturais que desenvolve. Inclúe, por tanto, contribuír á programación habitual do museo integrada por exposicións temporais, actividades didácticas para todo tipo de públicos, ciclos de cinema e concertos musicais, actuacións de conservación e restauración de fondos, servizo de biblioteca, edicións de publicacións e estudos de investigación, entre outros.

Ademais, o convenio responde tamén ao establecido no novo Plan Xeración Cultura que vén de pór en marcha a Xunta cun investimento de 34 millóns para o desenvolvemento de 57 accións. Precisamente, un dos eixos deste plan é a preservación e protección do legado cultural e a aposta pola modernización das infraestruturas culturais, lembra a Xunta.

O titular de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, acompañado do director xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, visitará o Museo do Pobo Galego. XOÁN CRESPO
O titular de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, acompañado do director xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, visitará o Museo do Pobo Galego. XOÁN CRESPO | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta