Demostran cientificamente a eficacia terapéutica das augas termais das Burgas para tratar a fibriomialxia

Investigadoras da Escola Universitaria de Enfermaría do campus de Ourense presentan o primeiro estudo que avalía a eficacia destas augas mineromedicinais en pacientes.

Por Galicia Confidencial | Ourense | 12/04/2018 | Actualizada ás 17:43

Comparte esta noticia

Natalia Calvo e Reyes Pérez, investigadoras da Escola Universitaria de Enfermaría do campus de Ourense da Universidade de Vigo, presentaron este xoves o estudo 'Eficacia das augas mineromedicinais en pacientes con fibromialxia. Estudo As Burgas'. Nel, salientan, constátase “a eficacia terapéutica” das augas desta piscina termal con estes pacientes. Recalcando como se trata do primeiro traballo científico que avalía esta eficacia, as autoras da investigación destacan entre os seus resultados como “se observa unha melloría importante da sintomatoloxía nestes pacientes e que estes efectos beneficiosos se manteñen máis de seis meses despois de finalizar os baños”.

Piscina Termal As Burgas, Ourense
Piscina Termal As Burgas, Ourense | Fonte: Farrangallo - Wikipedia.

Desenvolvido ao longo de máis dun ano nestas instalacións municipais, o estudo é froito dunha colaboración establecida entre o Concello de Ourense e o centro adscrito á Universidade de Vigo e dependente do Sergas. “O estudo vén demostrar o que xa todos sabiamos: que a nosa cidade alberga un tesouro nas súas augas”, destacou Jesús Vázquez, alcalde de Ourense, durante a presentación do traballo, informa a UVigo.

Jorge Pumar, concelleiro de Turismo e Termalismo, adiantou pola súa banda que existe a vontade de continuar esta liña de traballo coa escola universitaria concretándoa “na firma dun protocolo para seguir avanzando por este camiño: a posta en valor ante os profesionais dunhas augas termais que, ademais dun recurso turístico e de lecer son, ante todo, mineromedicinais, unha fonte de saúde a disposición dos ourensáns”.

O ESTUDO

A fibromialxia, destácase no estudo, é unha enfermidade de evolución crónica e causa descoñecida cuxo mecanismo non se ten discernido de maneira completa. A dor crónica, comentan as autoras do estudo, é o síntoma representativo dela e acompáñase de trastornos de sono e rixidez articular, entre outras manifestacións. “Entre as estratexias non farmacolóxicas para o seu tratamento, os baños simples con augas mineromedicinais poden ter un importante potencial como terapia complementaria”, destacan as investigadoras sobre a importancia do estudo feito.

Tendo en conta estas cuestións, indican, marcáronse como obxectivo neste traballo avaliar a eficacia dunha intervención con auga mineromedicinal en pacientes diagnosticados con fibromialxia.

O deseño de estudo escollido foi o dun ensaio clínico cruzado utilizando diferentes parámetros, entre eles o Cuestionario de Impacto de Fibromialxia (FIQ), que puntúa diferentes síntomas como a dor, insomnio ou rixidez articular. Iniciaron o estudo 56 pacientes que foron entrevistados, fixéronselles diferentes medicións e déronselles tamén unhas pautas de educación sanitaria. Os participantes dividíronse en dous grupos que participaron nas dúas fases do estudo. Na fase 1 os pacientes do grupo A recibiron durante un mes 14 baños na piscina termal As Burgas segundo o protocolo deseñado, ademais de continuar co tratamento prescrito polo seu médico. Os pacientes do grupo B só seguiron o tratamento prescrito polo seu médico. Na segunda fase invertéronse os grupos, o A unicamente continuou co seu tratamento farmacolóxico habitual e os pacientes do grupo B recibiron durante un mes 14 baños na piscina termal As Burgas, ademais de continuar co tratamento prescrito polo seu médico.

Nas conclusións obsérvase que “se consegue unha redución de aproximadamente entre o 18% e o 20% sobre o valor do FIQ inicial”, subliñan as investigadoras. “O impacto da fibromialxia ao comezo do estudo do grupo A foi de 78 puntos sobre 100; xusto ao finalizar os baños neste grupo o impacto descendera 16 puntos, presentando 62 puntos sobre 100. Ao cabo dun mes foi de 66 e aos tres meses de 64, onde se seguen observando efectos beneficiosos respecto da puntuación inicial de 78 puntos (14 puntos menos). Despois do período de descanso, é dicir seis meses despois de finalizar os baños, este grupo A seguía mantendo unha melloría de 14 puntos e sete meses despois presentaba unha puntuación de 65, aínda inferior á de 78 puntos iniciais”, recóllese nas conclusións do estudo. O impacto presentado polo grupo B, engaden, antes dos baños na fase 2 do estudo foi de 77 puntos sobre 100. “Xusto ao finalizar os baños produciuse un descenso no impacto de 18 puntos, sendo este de 59 puntos sobre 100. Ao cabo dun mes o impacto obtido foi de 64 e aos tres meses de 65 puntos sobre 100. Obsérvase, por tanto que o efecto beneficioso perdura respecto ao impacto inicial de 77 puntos”, subliñan.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta