Temas: ALLARIZ

Ampla oferta de ocio e de humor para o Nadal en Allariz

O concello programa diferentes actividades culturais e de ocio para todos os públicos nestas festas.

Por X.M. Fernández | Allariz | 11/12/2017 | Actualizada ás 18:00

Comparte esta noticia

A Concellería de Cultura aposta polo entretemento de calidade para ofrecer alternativas moi interesantes de lecer aos seus veciñ@s e aos visitantes que aproveitan as datas de Nadal para achegarse á vila alaricana.

Nadal en Allariz
Nadal en Allariz

Concertos, espectáculos infantís, teatro, noites de monólogos e “Nadal Parc” centran as actividades da segunda quincena de decembro.

O domingo 17 ás 12.30 h. terá lugar na Casa da Cultura o Concerto de Nadal a cargo da Banda de Iniciación e a Banda Nova da Unión Musical de Allariz e xa pola tarde na mesma localización Silvareiras Teatro interpretará “Xogo Teatral:De cando Valentina era mala” ás 18.00 h.

Para público familiar hai programado un concerto de Paco Nogueiras o mércores 27 ás 19.30 h. na Casa da Cultura aproveitando a xira de presentación do seu novo traballo “Radio BuleBule”, e un espectáculo de conta contos, “O apalpador conta con vós” de Felipe Díaz “Caxoto”, o sábado 30 ás 17.00 h. na Galería Circular.

Para os máis pequenos estará un ano máis, e xa van dez, o “Nadal Parc”, un espazo de actividades múltiples no Pavillón do IES no que haberá inchables, zona de xogos e tamén de novas tecnoloxías. Será do 26 ao 30 de decembro e do 2 ao 3 de xaneiro.

Cartel de monólogos
Cartel de monólogos

Dado o éxito do ano anterior, o concello repite o ciclo de “Noites de Monólogos” na Casa da Cultura traendo a algúns dos mellores humoristas do panorama galego actual. Na edición deste ano están: Alberte Montes co espectáculo sobre a identidade galega “Galego pode selo calquera” o día 22, Luís Zahera co monólogo “Chungo” o día 23, Lois Pérez coa proposta de narración oral “Sacar a língua a p(r)acer” o 29 e Ledicia Sola & Carmen Méndez con “Romanticómicas” o 30. Os monólogos serán ás 22.30 h. e para público de máis de 12 anos. O abono para os 4 monólogos custa 20 € para veciñ@s de Allariz e 28 para os de fóra.

Como complemento ao anterior, o día 31 hai unha carreira popular solidaria con participación infantil e adulta a partires das 10.00 e das 10.30 h. respectivamente; e xa en xaneiro do novo ano terá lugar a visita do Paxe Real o día 3, a cabalgada de Reis o venres 5 e un concerto o domingo 7 a cargo do Coro de mulleres de Allariz e a Rondalla Nova Xeración de Barbadás na Casa da Cultura ás 19.00 h.

Radio Bule-Bule de Paco Nogueiras
Radio Bule-Bule de Paco Nogueiras
Temas: ALLARIZ
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta