Por X.M. Fernández | Folgoso do Courel | 07/12/2017 | Actualizada ás 18:00
A castaña é a protagonista no Courel e este sábado día 9 chegarase á XIX edición da "Festa da pisa" grazas ao traballo da Asociación Fonte do Milagro, entidade que organiza ao longo do ano diferentes actividades que poñen en valor a zona, as súas tradicións como neste caso, e que atraen o turismo a unha das paraxes naturais máis fermosas de Galiza.
Froxán énchese de visitantes e de vida neste acontecemento que recrea a “pisa da castaña seca” converténdoa nunha celebración de marcado carácter etnográfico que sirve tamén de encontro festivo para exaltar este produto e irlle dando a benvida ao inverno.
Ás 11.00 horas da mañá acéndense o sequeiro para amosar aos visitantes como se facía lume para secar as castañas e a continuación farase demostración de “pisado” e de “abandoxado”. O pisado consiste en sacarlle as cáscaras ás castañas de forma manual. Entre dúas persoas collen certa cantidade delas nun saco para a continuación golpealo de xeito coordinado contra un tallo de madeira. A continuación, o contido do saco pásase a un artello de madeira con dúas asas, chamado “bandoxo”, e un home moi mañoso a base de impulsos de abaixo arriba e golpes de cadeira separa a castaña das súas respectivas cáscaras.
A castaña foi sempre un produto básico na alimentación do rural e grazas a este duro traballo a castaña seca podíase conservar todo o ano.
O pregón está programado para as 13.30 h. e nesta ocasión o encargado de exaltar as bondades da castaña e do Courel será o coñecido actor e humorista Federico Pérez.
A continuación farase a presentación do libro “O paso do tempo” de Urbano Arza e xa sobre as 14.30 h. os asistentes poden degustar polo prezo de 10 € o coñecido como “menú do pisador” que consistía en lacón con chourizo, pan e castañas cocidas; e como sobremesa torta de castaña.
Pola tarde o público asistente poderá participar na pisa e no abandoxado e haberá música tradicional e baile. Durante todo o día, carpa cuberta con polbo e postos de libros, artesanía e produtos da zona.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.