Científicos galegos achan dúas novas especies de miñocas de terra

Os autores do achado, investigadores do grupo de Ecoloxía Animal (GEA) da Universidade de Vigo, bautizaron as novas especies como 'Galiciandrilus' e 'Compostelandrilus'.

Por Galicia Confidencial | Vigo | 27/11/2017 | Actualizada ás 14:33

Comparte esta noticia

Investigadores do grupo de Ecoloxía Animal (GEA) da Universidade de Vigo, liderados polo catedrático de Zooloxía Jorge Domínguez, veñen de publicar un estudo no que dan conta do achado de dúas novas especies de miñocas de terra e propoñen dous novos xéneros, bautizados como Galiciandrilus, miñocas de Galicia, xa que só se atopan aquí, e Compostelandrilus, termo co que os investigadores aluden ao Camiño de Santiago, onde se recolleron as miñocas que conforman este relato bioxeográfico, informa a UVigo. 

Exemplar de miñoca 'Compostelandrilus bercianus'
Exemplar de miñoca 'Compostelandrilus bercianus' | Fonte: UVigo.

“Xa nun artigo publicado no ano 2015 demostramos que a actual clasificación das miñocas da rexión paleártica, familia Lumbricidae, e as hipóteses subxacentes da evolución de caracteres debe ser revisada”, explica o profesor Jorge Domínguez, autor principal do estudo, quen fai fincapé na importancia que as miñocas de terra teñen na ecoloxía do solo, especialmente no seu papel na configuración da composición das comunidades vexetais que viven enriba delas, “motivo polo que resultan de transcendental importancia nos ecosistemas terrestres e polo que continúan sendo obxecto dunha investigación intensiva”.

Malia estes intensos esforzos de investigación dedicados aos lumbricidos nos últimos 150 anos, Domínguez explica que a súa clasificación taxonómica e as súas relacións evolutivas seguen sendo obxecto de gran debate e, neste sentido, a resolución das diferentes especies de miñocas a partir da súa historia evolutiva (filoxenia) vese obstaculizada pola simplicidade corporal, e a existencia de especies crípticas (especies diferentes pero semellantes na súa morfoloxía).

“Neste último traballo confirmamos a plasticidade anatómica do grupo e a necesidade dunha revisión extensiva da taxonomía da familia Lumbricidae”, explica o profesor, que fai fincapé en que, dada a distribución xeográfica restrinxida das novas especies de miñocas e a súa posición filoxenética na árbore da familia Lumbricidae, “deberíanse iniciar esforzos de conservación para preservar esta diversidade biolóxica única”.

En traballos previos deste grupo de investigación, publicados en diferentes revistas científicas, a datación das árbores filoxenéticas e os cronogramas obtidos suxerían que os lumbrícidos xurdiron na rexión holártica durante o Cretácico Inferior e que a súa diversificación foi conducida polos procesos tectónicos e mediante illamento xeográfico.

Exemplar de miñoca 'Galiciandrilus bertae'
Exemplar de miñoca 'Galiciandrilus bertae' | Fonte: UVigo.

“O que fixemos foi empregar un enfoque filoxenético para examinar a situación taxonómica das diferentes especies e as súas relacións evolutivas”, apunta Jorge Domínguez, ao tempo que explica que neses traballos, Postandrilus, un xénero peculiar de lumbricidos restrinxido áa illa de Mallorca, situouse como un grupo basal dentro dos Lumbricidae, é dicir, que se separou moito antes que outros membros do grupo, e ademais non monofilético, e por tanto inválido na súa configuración actual. “En filoxenia, un grupo é monofilético se todos os organismos incluídos nel evolucionaron a partir dunha poboación ancestral común e todos os descendentes dese devanceiro están incluídos no grupo”, aclara o profesor Domínguez.

Xunto a isto, o equipo vigués demostrou tamén que Postandrilus é un xénero diverso, incluíndo varias especies crípticas en Mallorca, e suxeriron que a radiación do xénero comezou no Oligoceno tardío. “Atopamos que na base da familia Lumbricidae aparecían emparentadas miñocas de terra que só se atopan en Mallorca con outras que só aparecen aquí en Galicia e foi entón cando nos decatamos que era preciso buscar novas especies entre estas dúas rexións”, explica o autor.

Realizaron así varias campañas de mostraxe en primavera e outono desde 2011 a 2015 no Bierzo, e atoparon exemplares cuxo aspecto morfolóxico, e características ecolóxicas leváronos a crer que poderían estar emparentadas cos Postandrilus. Por outra banda, noutra localización próxima e similar ecoloxicamente, tamén se recolleron exemplares de Zophoscolex cyaneus, que tamén comparte similitudes morfolóxicas con Postandrilus.

“No traballo que acabamos de publicar examinamos a morfoloxía de todas esas especies e desenvolvemos unha filoxenia robusta do xénero Postandrilus e os seus parentes máis achegados considerando múltiples rexións xénicas”, recalca o profesor, ao tempo que explica que empregaron tamén esa filoxenia para validar o estado taxonómico dos novos especímenes e o seu tempo de radiación evolutiva. “Confirmamos que o xénero Postandrilus non é monofilético e redefinímolo deixándoo restrinxido as cinco especies de Mallorca”, confirma o autor.

No artigo presentan unha descrición detallada de dúas especies novas, Compostelandrilus menciae sp. nov. e Compostelandrilus bercianus sp. nov., e demostran que conforman unha liñaxe evolutiva distinta que merece recoñecemento como un novo xénero de Lumbricidae, o Compostelandrilus, e ademais propoñen outro xénero novo, Galiciandrilus, que inclúe dúas especies que só se atopan en Galicia.

Xunto a Jorge Domínguez asinan o artigo os tamén investigadores do grupo de investigación de Ecoloxía Animal da Universidade de Vigo, Manuel Aira e Pablo G. Porto, xunto ao profesor da Universidad Complutense de Madrid Darío Díaz Cosín e ao profesor Marcos Pérez Losada, da George Washington University.

Investigadores da Universidade de Vigo achan dúas novas especies de miñocas de terra e propoñen dous novos xéneros
Investigadores da Universidade de Vigo achan dúas novas especies de miñocas de terra e propoñen dous novos xéneros | Fonte: UVigo.
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta