Ourense acolle un curso sobre a obra e a vida de Wolfgang Amadeus Mozart

Impartirase en tres sesións os días 29 e 30 de novembro e o 1 de decembro na sede de Afundación.

Por Galicia Confidencial | Ourense | 25/11/2017 | Actualizada ás 11:00

Comparte esta noticia

Afundación organizou na súa sede de Ourense un curso sobre a vida e obra do compositor Wolfgang Amadeus Mozart. Será impartido polo musicólogo Faustino Núñez os días 29 e 30 de novembro e o 1 de decembro, en horario de 19.00 a 21.00 h. As inscricións pódense formalizar na web Ataquilla.com.

Wolfgang Amadeus Mozart
Wolfgang Amadeus Mozart

 

En cada unha das tres sesións falarase dunha época diferente da vida de Mozart: a primeira comprenderá de 1756 a 1780 e leva por título «A forxa dun rebelde»; a segunda, de 1781 a 1784, denomínase «Viena, a terra prometida»; e finalmente «Ascenso e ocaso dun mestre», que abrangue de 1785 a 1791. 

 

Durante as tres sesións farase un repaso pola vida do compositor de Salzburgo á vez que se destacarán as súas obras máis representativas. Tamén se estudará a sociedade da época, a música que forxou a súa personalidade baixo a atenta mirada do seu pai Leopoldo, as súas desavinzas co cardeal Colloredo na súa época salzburguesa e os altibaixos dos seus anos na corte vienesa, os triunfos e desenganos, ata a súa morte prematura. 

 

AUDICIÓNS

 

As sesións estarán ilustradas con audicións das súas obras máis destacadas, para comprender mellor o seu persoal estilo e a influencia que exerceu entre os seus contemporáneos e as xeracións que lle sucederon. Tamén se proxectarán algúns fragmentos en vídeo. 

 

Dirixirá o curso Faustino Núñez, licenciado e mestrado en Musicoloxía pola Universidade de Viena quen impartiu cursos e seminarios por todo o mundo. Violonchelista e guitarrista, en Viena participou activamente nos eventos musicais da cidade traballando con importantes directores e orquestras. Foi director musical da Compañía Antonio Gades e presidente da súa Fundación. Nos anos noventa foi director do selo Deutsche Grammophon. É autor de numerosos libros didácticos sobre música clásica e colaborou en revistas especializadas como Scherzo. Tamén é produtor discográfico e colaborou durante vinte anos coa compañía Universal. É actual colaborador do departamento editorial do Teatro Real de Madrid. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta