Por Xurxo Salgado | Compostela | 07/09/2017 | Actualizada ás 16:00
A Xunta foi contundente, por primeira vez desde que xurdiu o conflicto, coa familia Franco e coa fundación do mesmo nome que xestiona as visitas ao Pazo de Meirás. “Son provocacións impropias dunha democracia e igual buscan intereses concretos”, dixo este xoves o presidente da Xunta. “Pero non van conseguir nin diñeiro, nin prerrogativas”.
Deste xeito, Alberto Núñez Feijóo daba a entender, abertamente, que tanto a familia como a Fundación Franco buscan sacar tallada económica do Pazo de Meirás cunha posible compra. Pero, tamén avisou, que a Xunta non está pola labor e o que teñen que facer é abrir o pazo catro días ao mes, “tal e como especifica a lei”, ao tratarse dun Ben de Interese Cultural (BIC). “Senón, haberá sancións”, dixo.
En todo caso, outra das posibilidades suxeridas polo presidente galego para rematar con esta situación é que a familia Franco done o pazo á Xunta. E senón, pois “terán que cumprir coas perrogativas autonómicas... Todos temos que cumprir unhas normas e nós seguiremos esixindo que se cumpran”, insistiu.
Neste sentido, tamén criticou as medidas que adoptaron determinadas formacións políticas, como o BNG, que apoiou unha ocupación do pazo hai uns días. “A nós gústannos que se cumpran as leis e non tentar facer ruido mediatico”, ironizou.
Protesta do Bloque na catedral
Precisamente, dirixentes da formación nacionalista, con Ana Pontón á cabeza, protestaron este xoves diante do Museo da Catedral de Santiago para pedirlle á familia Franco que devolva dúas esculturas do Pórtico da Gloria que son da súa propiedade. No acto, a portavoz nacional reclamou a devolución das figuras de Abraham e Isaac ao patrimonio galego.
“É unha vergoña democrática que permitamos que a familia Franco manteña bens que foron roubados ou espoliados ao pobo galego con total impunidade e resulta vergoñento que dende as institucións públicas non se mova un dedo para restituír a propiedade das figuras do Pórtico da Gloria, o Pazo de Meirás e a Casa de Cornide ao pobo galego”, dixo.
Vía xudicial para recuperar as pezas
Pola súa banda, Compostela Aberta anunciou que estudará vías xudiciais para recuperar as esculturas do mestre Mateo en poder dos Franco desde hai máis de 50 anos.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.