Por Xurxo Salgado | Vigo | 25/08/2017 | Actualizada ás 14:11
A Xunta de Galicia teríase resignado xa á erradicación do insecto Trioza erytreae, psila africana que leva desde o 2014 atacando cítricos do país, principalmente, das Rías Baixas. Así o asegura un informe da UE encargado pola Dirección Xeral de Saúde e de Seguridade Alimentaria que indica que a Xunta de Galicia, e tamén o Goberno de Portugal, só se limitan, agora a conter a expansión do insecto, pero non a erradicalo, a pesar de que é un vector portador da máis temida enfermidade dos cítricos, coñecida como Huangglongbing (HLB) ou Greening.
No caso galego, os inspectores comunitarios conclúen que as medidas promovidas para frear a súa propagación "non son sistematicamente implementadas e como consecuencia diso a súa propagación ás áreas libres desta praga é considerada inevitable". Tal é a gravidade da situación que, segundo a monitorización levada a cabo pola UE, xa se constatou a presenza da Trioza en 57 municipios de Pontevedra, 33 da Coruña e 9 de Ourense.
Os auditores europeos tamén constataron que os propietarios particulares non cumpriron en moitos casos coas obrigacións que esixe a normativa comunitaria, isto é, que non arrincaron as árbores afectadas, que tampouco realizaron unha poda severa na súa falta nin recorreron aos pesticidas habilitados porque tampouco tiñan a información sobre como usalos.
O informe recoñece, en todo caso, que as autoridades galegas si cumpriron, en cambio, cos tratamentos públicos preventivos e o orzamento incrementouse considerablemente de 2015 a 2016, ano no que a Xunta chegou a orzar case 400.000 euros.
Portugal, igual que Galicia
Os inspectores da UE tamén se desprazaron a Portugal e á Comunitat Valenciana -a principal zona produtora do Estado- onde comprobaron que os plans de vixilancia funcionan e que non se deu ningún positivo. Non obstante, os inspectores comunitarios foron contundentes co país veciño. “Debido ao consolidado da poboación deste insecto, particularmente nas áreas urbanas (do litoral), a erradicación das zonas afectadas non é considerada factible polas autoridades competentes", recolle o documento.
Con todo, as visitas realizadas polos funcionarios da Dirección Xeral de Saúde e de Seguridade Alimentaria constataron, con todo, que a bacteria do HLB ou o seu outro vector coñecido -a psila asiática Diaphorina citri- non se atopa presente polo momento nin en Galicia, nin no norte de Portugal.
O informe europeo non axuda a tranquilizar ao sector agrario galego que tamén está pendente do que acontece con outra grave praga que afecta á pataca, como é a a da couza guatemalteca (Tecia solanivora).
“Maior responsabilidade”
A dureza do informe alertou xa a algúns sindicatos agrarios. Así a Unió de Llauradors esixe “maior responsabilidade” e dotación de medios para os Servizos de Sanidade Vexetal de Galicia e Portugal. “Á luz da análise efectuada, constátase que parecen ser incapaces de frear a propagación do insecto”, indica. Ademais, reclama unha maior sensibilización da cidadanía ou mesmo cambios regulatorios para forzar que os obrigados tratamentos e podas do material afectado sexan efectivamente realizados nos xardíns de particulares, onde se localizou a maior parte dos casos desta praga.
E o certo é que o temor vai en aumento nalgunhas zonas da península, sobre todo nas zonas produtivas da Comunitat Valenciana, Andalucía, Murcia ou Cataluña o que, segundo este sindicato, “podería supor unha catástrofe porque en só uns anos chegaría a bacteria, o que significaría a morte masiva do arborado”.
“A situación é realmente grave e obriga a tomar todas as medidas de protección posibles e vén corroborar as denuncias que reiteradamente se fan desde UNIUNA acerca da fraxilidade dos controis fitosanitarios na Unión Europea”, indica Unió.
A propagación en Galicia
A psila africana ou psílido africano dos cítricos, Trioza erytreae, é un insecto hemiptero da familia Triozidae. Afecta a laranxeiras, limoeiros e mandarineiros do país. Apareceu por vez primeira en Galicia na provincia de Pontevedra a finais de 2014. Entrou en Galicia dende a comarca arousana e, en 2015, detectouse en árbores de Vilagarcía de Arousa, Cambados, A Illa de Arousa, O Grove, Sanxenxo, Poio, Pontevedra e Cangas. Tamén ten xa presenza no Norte de Portugal.
No Norte de Portugal os primeiros síntomas desta praga foron observados nos concellos do Porto e Matosinhos, en xaneiro de 2015. En novembro de 2015 foi detectada na rexión Centro de Portugal, en Esmoriz.
Os danos directos producidos por esta praga caracterízanse pola deformación dos gomos tenros e a formación de numerosos bugallos que depauperan a planta. A Xunta recomenda, se hai cítricos afectados, que se notifique por teléfono a situación ao Servizo de Explotacións da Consellería do Medio Rural aportando os datos persoais, a localización da leira afectada e o número de árbores que sofren a praga. Se a infección é leve pódese queimar, senón aplicar un produto fitosanitario autorizado para o tratamento da psila.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.