GC Aberto

Memoria e desmemoria

As vítimas do terrorismo deben de ter idéntica consideración e recoñecemento, para que así, tamén a historia véxase dignificada coa memoria e non pervertida pola desmemoria.

Por magallegue | GC ABERTO | 16/07/2017

Comparte esta noticia

Non mais tomar posesión do Executivo, unha das primeiras  medidas que tomou  Mariano Rajoy foi revogar  de facto a  lei de memoria histórica do 2007 que entre outros aspectos prevía  axudas para a localización e digno enterramento dos represaliados da ditadura; utilizando como argucia para consumar  a súa finalidade,  excluír   de consignación    nos Orzamentos Xerais do Estado (PGE) partidas coas que afrontar a procura das vítimas da represión franquista.

A actitude de desprezo cara ás vítimas do franquismo foi  a tónica xeral, desde que o partido conservador ostenta a Presidencia do Goberno,  pois  a pesar que o obxectivo da Lei é recoñecer e ampliar dereitos  a favor de quen padeceu persecución ou violencia por razóns políticas, o certo  foi que non satisfeito   con     non incluír  nin un euro nas contas anuais,  non dubido en alborozar publicamente do seu comportamento de sedición obstrucionista,  que ademais de vulnerar o propio marco lexislativo infrinxe de seu  as  determinacións  internacionais sobre o particular.

O que parece non querer entender  o xefe do  Gabinete ministerial,  é que o  manifesto abandono de funcións e o deliberado incumprimento dos deberes legais no que está a incorrer coa súa ímproba conduta, raia na obscenidade política,  pois ao  sustentar apostas  ideolóxicas que transgreden  a orde establecida, e ao  alimentar   a división entre vencedores e vencidos  está  a traer á discusión pública temas que se crían superados.

Esa conduta refractaria  a apoiar  as  vítimas republicanas, ten o seu porqué  no  mal inicio que tivo a democracia; no feito  de admitir pasar páxina  sen obrigar a expurga  das trasngresións  e atropelos  cometidas ao longo da ditadura, sendo iso  a  razón pola que  catro décadas despois da morte do ditador,  os caídos do bando contrario,  ademais  de esquecidos do Estado,  sigan vagando  na escuridade máis absoluta da noite dos tempos.

Son estes feitos e a  manifesta  vocación franquista do goberno de Rajoy indicación suficiente  para percibir, que para eles, a pesar da evidencia que representan  as fosas comúns repartidas por toda a xeografía española, as  vítimas  da guerra civil non existen.

Está visto que a  dereita española como legataria  social  e ideolóxica do franquismo, decidiu acudir no seu auxilio e  exercer a función  de cómplice dos excesos cometidos  polos seus  antecesores e afíns  políticos durante  a época fascista,  coa finalidade de tapar e escapulir responsabilidades nuns feitos  que apestan a culpabilidade.

Conflito  que en tanto  non se reconduza, agravará aínda máis a xa de por si  complexa  situación  política, e impedirá que o país poida avanzar  cara a unha verdadeira  reconciliación e  consolidación democrática.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta