Temas: CORRUPCIóN

A corrupción galega, a debate en xullo

A actividade do Observatorio de Estudos sobre Corrupción Pública arrinca o vindeiro mes cunhas xornadas. Esta entidade constituísue o mes de marzo na Facultade de Dereito ourensá.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 28/06/2017 | Actualizada ás 10:15

Comparte esta noticia

O Observatorio de Estudos sobre Corrupción Pública, xestionado desde a Facultade de Dereito polo Grupo de Investigación Medea Iuris deste centro, comezará o vindeiro 13 de xullo a súa primeira actividade, que será unha Xornada sobre as xurisdicións penal e contencioso-administrativa na loita contra a corrupción pública.

Sinatura do convenio para a creación do Observatorio de Estudos sobre Corrupción Pública
Sinatura do convenio para a creación do Observatorio de Estudos sobre Corrupción Pública | Fonte: UVigo.

Nesta conferencia daranse cita expertos do eido académico e profesional para abordar unha das problemáticas que maior preocupación xera na sociedade en xeral e no eido xurídico en particular, como é a corrupción pública. Con esta iniciativa arranca a actividade pública dun observatorio que ten como obxectivos crear, impulsar e difundir coñecemento sobre aspectos xurídicos e metaxurídicos relacionados co fenómeno da corrupción do poder público. 

Para o desenvolvemento destes fins, o observatorio ten previsto desenvolver no marco da súa programación anual actividades de creación de coñecemento (encargo ou desenvolvemento de traballos de I+D+i); de promoción do coñecemento (apoio á edición de publicacións e organización de premios ou certames) e de difusión do coñecemento (conferencias, xornadas, cursos, foros e seminarios ou encontros académicos ou profesionais). Aínda que a súa sede está en Ourense, o ámbito de estudo do observatorio é estatal e internacional. Nestas liñas de actuación enmárcase a primeira actividade que desenvolverá en xullo.

Dúas mesas redondas

A xornada está organizada baixo a dirección académica dos profesores doutores da Facultade de Dereito ourensá Roberto O. Bustillo e Mª Dolores Fernández Fustes e a coordinación de Alejandro Pérez, secretario técnico do Colexio de Avogados de Ourense. “A actividade será a primeira que leve a cabo o observatorio, cumprindo así o obxectivo que nos marcamos cando foi creado de organizar xa algunha actividade antes do verán”, explica Roberto O. Bustillo, director do Observatorio de Estudos sobre Corrupción Pública. A cita, sinala, levarase a cabo no Colexio de Avogados de Ourense xa que “aínda que a xornada está aberta á inscrición das persoas interesadas está especialmente pensada para os profesionais do dereito”. 

O programa constará de dúas mesas redondas nas que participarán, segundo explican desde a organización da xornada, destacados especialistas do ámbito penal e administrativo, nomeadamente catedráticos procedentes de diferentes universidades estatais. A primeira mesa arrancará cunha introdución á temática a cargo de José Ramón Parada, avogado e catedrático de Dereito Administrativo; e seguiranlle dúas intervencións, unha de Miguel Á. Cadenas, presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, titulada A inmensa gravidade do fenómeno da corrupción: fraus omnia corrumpit, e outra de Manuel Rebollo, catedrático de Dereito Administrativo da Universidade de Córdoba, sobre o réxime sancionador dos altos cargos. A segunda das mesas redondas arrancará cunha intervención sobre a investigación e a proba nos delitos de corrupción, a cargo de Juan L. Gómez, catedrático de Dereito Procesual da Universidade Jaume I de Castellón, e rematará co relatorio Doce propostas contra a corrupción, de Joan Josep Queralt, catedrático de Dereito Penal da Universidade de Barcelona.

O Observatorio de Estudos sobre Corrupción Pública constituiuse o pasado mes de marzo tras a firma dun convenio de colaboración entre Salustiano Mato, reitor da Universidade de Vigo, e José Ramón Parada, presidente da Fundación Alfonso Martín Escudero.

Temas: CORRUPCIóN
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Enrique Castro

¿Para cuando la Fiscalía Anticorrupción en el TSJG?