A Xunta di que alegará tras o tirón de orellas de Contas pola relaxación das medidas anticorrupción

"Respecto moito a Contas, pero tamén temos a nosa opinión", esgrimiu.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/05/2023 | Actualizada ás 18:21

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, asegurou que se analizará con vontade de "atender" ás apreciacións que fai no seu informe o Consello de Contas en relación a se se poden mellorar as medidas anti corrupción ou actualizar o código ético institucional, e se hai cuestións que o Executivo non comparta, procederase a alegar.

Así o transmitiu despois de transcender que Contas detecta "carencias" nas medidas para previr a corrupción na Xunta, en concreto en canto ao desenvolvemento de normas internas (manuais, protocolos, instrucións), en relación coa informatización dos trámites de "moitos procesos" e pola "escaseza" de manuais de procedementos.

Recólleo o informe correspondente ao ano 2022 de avaliación dos sistemas de control interno e prevención de riscos da corrupción na administración xeral, que o organismo fiscalizador entregou este xoves ao Parlamento e que publica na súa páxina web.

Rueda afirmou que non coñece o informe para poder dar unha opinión "fundamentada", pero reivindicou a axilidade do Executivo autonómico na implantación de medidas como o código ético, aínda que este se poida actualizar, e incidiu en que con este documento actuarase do mesmo xeito que con outros previos, como o que analizaba a xestión de fondos Next Generation.

Así, atenderase ao que se considere mellorable e alegarase se hai algunha discrepancia como, dixo, ocorría con algúns puntos do documento relativo aos fondos europeos. "Respecto moito a Contas, pero tamén temos a nosa opinión", esgrimiu.

Alfonso Rueda antes do Consello da Xunta.. Xunta de Galicia
Alfonso Rueda antes do Consello da Xunta.. Xunta de Galicia | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta