Galaxia publica toda a 'Narrativa reunida' de Luisa Villalta, a homenaxeada no Día das Letras Galegas

Nas próximas semanas chegará tamén ás librerías unha recompilación da súa obra xornalística publicada en A Nosa Terra.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/04/2024 | Actualizada ás 17:08

Comparte esta noticia

A editorial Galaxia publica 'Narrativa reunida', exemplar no que recolle toda a narrativa publicada en vida da homenaxeada este 2024 co Día das Letras Galegas, Luisa Villalta. O volume, explican nun comunicado, estará conformado polo libro de relatos 'Silencio, ensaiamos' (1991), conxunto de 11 narracións nas que destacan algunhas das temáticas máis queridas da autora, como a música, o valor da palabra e o paso do tempo.

Tamén incluirá a novela 'Teoría de xogos' (1997), unha obra alegórica na que constrúe a existencia como xogo e onde o cinco protagonistas da historia transitan como "monigotes manexados pola man do azar nunha engrenaxe narrativa profundo e reflexivo".

E finalmente, a novela histórica 'As chaves do tempo' (2001), que recrea unha Galicia mítica gobernada polo rei Arturo baixo o consello do mago Merlín, e na que se presenta o dilema da sucesión do monarca entre os seus herdeiros.

"Estas tres obras resultan centrais na construción da personalidade intelectual e creativa de Luisa Villalta e unha mostra do seu compromiso coa escritura e a sociedade que lle tocou vivir, onde como ela dixo, 'as palabras son enerxía contra o tempo e o único depósito fiable para a esperanza", remarcan no comunicado.

Avanzan que nas próximas semanas tamén chegará ás librarías 'O Libro das colunas', unha recompilación ao coidado de Xosé Enrique Acuña onde se recolle a obra xornalística publicada por Luisa Villalta no semanario A Nosa Terra entre o 4 de xaneiro de 2002 e o 4 marzo de 2004, tan só dous días antes do seu falecemento.

Portada da obra 'Narrativa reunida' de Luisa Villalta. EDITORIAL GALAXIA
Portada da obra 'Narrativa reunida' de Luisa Villalta. EDITORIAL GALAXIA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta