Convocado o novo programa de coproducións do Centro Coreográfico Galego

Con dúas modalidades, unha para persoas ou compañías consolidadas e outra para profeisonais emerxentes.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/04/2024 | Actualizada ás 14:06

Comparte esta noticia

A Xunta de Galicia publicou este luns, Día Internacional da Danza, as bases dunha nova convocatoria do programa anual de coproducións do Centro Coreográfico Galego, segundo informou o goberno autonómico.

Este ano lánzase unha única convocatoria establecendo dúas modalidades, unha para persoas ou compañías consolidadas, cunha antigüidade de cinco anos; e outra para profesionais emerxentes, con menos de cinco anos de traxectoria. En ambos os casos, a persoa solicitante e polo menos do 50 % do equipo artístico deben acreditar a correspondente antigüidade. Así, a Axencia Galega de Industrias Culturais destina 54.447 euros para esta convocatoria, e establécese un límite de 14.999 euros máis IVE para cada un do tres proxectos que se seleccionarán.

As axudas materializaranse a través dos correspondentes contratos de coprodución e non poderán superar o 80 % do orzamento total do proxecto. As pezas seleccionadas deberán estrearse, como límite, antes do 31 de marzo de 2025.

O prazo para presentar solicitudes estará aberto ata o 20 de maio e unha comisión será a encargada de valorar esas solicitudes, tendo en conta a memoria do proxecto, a súa relevancia e interese cultural e artístico, así como o apoio doutras institucións públicas ou privadas.

Este ano introdúcense como criterios de avaliación as medidas que conectan cos obxectivos do Plan Integral para a Danza de Galicia, como a adaptación a espazos non convencionais, a profesionalización da danza tradicional, a participación de persoas con discapacidade, a visibilidade da danza nos medios de comunicación e o fomento da asintencia de público familiar e xuvenil.

Para garantir a calidade das pezas coproducidas, fíxase unha puntuación mínima do 50 % nos criterios técnicos e se faculta á comisión para propor deserto o procedemento na modalidade de compañías emerxentes e, nese caso, acordar a selección de tres proxectos na modalidade de compañías consolidadas.

Na última convocatoria do programa foron seleccionados os proxectos 'Millo lanuxe', de Ai, agarimo!, que se estreará no festival Escenas do Cambio da Cidade da Cultura de Galicia o 3 de maio; 'Anöa', de Elvi Balboa; e 'Sleepwalkers', da Macana.

Ademais, o ano pasado publicouse unha segunda resolución para creacións de gran formato, na que resultou elixida a proposta de Nova Galega de Danza para o espectáculo 'Dique', que se estreará en Santiago o 21 de xuño.

Danza
Danza | Fonte: EUROPA PRESS - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta