Especies invasoras: a cala ou cartucho, de decoración en vodas e cemiterios a praga incontrolable

María Amigo Regueiro, educadora ambiental de Adega, cóntanos que levan dende o 2014 realizando labores de limpeza da planta na illa de Sálvora, pois "a partir dun pequeno fragmento pode rebrotar" e "non ten inimigos naturais".

Por Ángela Precedo | PONTEVEDRA | 20/04/2024 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Se che falo dunha planta en forma de cartucho, cunha flor branca moi grande, de seguro que sabes cal é. Non ten perda. Trátase da cala ('Zantedeschia aethiopica'), moi presente en todo o territorio galego e que prolifera dende os xardíns ata zonas salvaxes ou mesmo cemiterios, non se lle escapa nin un recuncho. A pesares de ser unha especie invasora en Galicia, séguese comercializando, pois non está incluída no catálogo de especies invasoras do Ministerio, e, ao ser unha planta tan vistosa e bonita, houbo un tempo no que se puxo de moda e non había casa na nosa terra que non tivese varias calas no seu xardín. Dende o Galicia Confidencial falamos con María Amigo Regueiro, educadora ambiental da Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia (Adega), que estivo realizando labores de eliminación desta especie na illa de Sálvora.

Calas
Calas | Fonte: Commons - Arquivo

Como nos explica, a cala, como pode intuírse polo seu nome científico, 'Zantedeschia aethiopica', está moi presente en Etiopía, porque "de feito é a flor nacional do país", pero "realmente é orixinaria de Sudáfrica". Trátase dunha planta perenne, polo que está presente todo o ano, é unha herbácea e ten unha característica moi particular que a fai recoñecible a quilómetros: unha flor branca moi grande, en forma de cartucho (tamén se lle adoita chamar así), cun pistilo amarelo dentro tamén de considerable tamaño. Esta flor pode verse na primavera. Ao igual que a maioría de especies invasoras, chegou a Galicia "para ser usada como planta ornamental, para decoración nas casas e para facer arranxos florais". E, aínda que o pareza, realmente non leva tanto tempo con nós: chegou a España no século XX entrando a través das illas Canarias.

Pero estes apenas 100 anos xa lle permitiron propagarse por todo o territorio. E é que, como apunta Amigo, "como acontece con todas as invasoras, a súa reprodución e propagación é moi rápida". "Nace moi rápido, ten un ciclo reprodutor bastante rápido e prolifera moi ben", asegura, engadindo que "como é bastante resistente, espállase nun momento". E a pesares de ser orixinaria de Sudáfrica, un lugar que non ten un clima moi semellante ao galego, pois alí fai moita máis calor, a botánica indica que a cala "prefire zonas húmidas e algo sombreadas para medrar, e gústalle a auga, co cal Galicia é un sitio ideal para ela". Isto non quere dicir que non sexa quen de medrar en lugares que están máis secos e sombreados, porque a súa resistencia permítelle facelo tamén neles, pero por preferir prefire as zonas con auga.

Ademais, no tocante á reprodución, fronte a outras especies que se reproducen por sementes, que poden durar moito tempo no solo ata que atopan as condicións climáticas, de temperatura e precipitacións, propicias para medrar, "a cala pode reproducirse por fragmentos, polo que un pequeno fragmento que poida quedar no chan do seu talo ou da súa raíz prospera e nace moi rápido". Amigo explica que "tamén hai especies de plantas autóctonas que teñen esta característica, pero a cala, a diferenza destas, non ten depredadores naturais en Galicia, como fungos e parásitos, que si atacan ás especies autóctonas, o que fai que o seu crecemento e multiplicación sexa aínda máis rápido, podendo desprazar á flora autóctona con facilidade". É o que moitas veces adoita dicirse: estas plantas chégannos doutros países, pero con elas non veñen os seus inimigos naturais. De feito, "tampouco ten excesivos polinizadores, non lles fai moita graza".

"A FOTO AÉREA DE SÁLVORA ERA IMPACTANTE: UN FEIXE DE MANCHAS BRANCAS"

Calas ou cartuchos
Calas ou cartuchos | Fonte: Commons

E, lamentablemente, por non estar incluída no catálogo de especies invasoras, non se está facendo nada por parte das Administracións para erradicala. A educadora ambiental de Adega explícanos que "hai algúns estudos, pero de momento non son o suficientemente sólidos, porque, como acontece na maioría dos casos presentes no catálogo, mentres non supoña un risco para ningún sector a nivel económico non se lle fai moito caso". Ademais, "ao ser unha planta, cunha flor que esteticamente pódenos mesmo gustar, con ese carácter exótico que ten, dende o Ministerio non tiveron a ben incluíla neste catálogo". Así, asegura que a día de hoxe as actuacións que se están levando a cabo "son a través de accións de voluntariado", algo que, por suposto, "non é suficiente".

Adega, en concreto, levou a cabo actuacións de eliminación da cala na illa de Sálvora, onde, "por ser parque nacional e unha illa, é máis importante preservala, porque é un ecosistema moito máis delicado e máis perturbable". Amigo apunta que tamén se realizaron traballos sobre outras especies, como a coñecida como uña de gato ('Uncaria tomentosa'). E, aínda que recoñece que hai tamén outras especies invasoras de tipo arbóreo, como os eucaliptos, "para traballar co voluntariado é moito máis fácil facelo con plantas con flor, herbáceas sobre as que se pode facer unha erradicación manual, sen precisar maquinaria pesada como para os eucaliptos". Por iso se puxeron mans á obra coa cala no ano 2014, colaborando tamén con outros axentes ambientais. "Os resultados son bastante satisfactorios, aínda que aínda queda moito traballo por facer", afirma. No caso de Sálvora, cóntanos que cando comezaron co seu labor de limpeza, "a foto aérea da illa era impactante: cun feixe de manchas brancas".

"SE TEN ALGÚN DEPREDADOR, SOMOS OS HUMANOS CORTANDO AS FLORES"

E é que en calquera momento poden rebrotar anaquiños que quedasen polo chan. Como explica a educadora ambiental de Adega, "a súa erradicación é moi sinxela, manual, literalmente arrincando a planta de raíz", pero "os pequenos fragmentos que poidan quedar rebrotan moi facilmente". Isto é algo no que lle insisten moito aos voluntarios, pois "ás veces mesmo nós, como voluntarios ou traballadores, podemos ser vector de dispersión das especies exóticas invasoras se temos unha mala praxis, empregamos un mal protocolo, ou directamente non seguimos un protocolo, o cal podería ser aínda peor que non erradicala". Por sorte, afirma que cada vez hai máis fontes de información para establecer un correcto protocolo de actuación, preparar o material das persoas que van traballar na zona, estudar a especie e proceder á súa erradicación, así como ter en conta a forma de xestionar os residuos e de limpar o material que se utilizou, desinfectándoo e lavándoo para non levar ningún fragmento da planta adherido nin sementes.

A cala é moi usada a nivel relixioso, en vodas, bautizos e comunións, e tamén se usa para adornar os cemiterios. Como nos conta Amigo, "paradoxicamente ou non, é unha flor que din que está bastante relacionada coa relixión, porque en Etiopía e nos países dos que din que si é orixinaria e símbolo nacional, está tamén moi relacionada coa vida e coa morte, tanto cos nacementos como cos falecementos". Tanto é así que a educadora ambiental chancea con que "se hai algún depredador da cala, somos nós mesmos, os humanos, cortando as súas flores para levalas". Pero isto non é suficiente para erradicar a planta, porque, como xa dixemos, "se cortas a flor do talo non estás eliminando a planta, porque volvería rebrotar".

GRAN PARTE DA XENTE NON SABE QUE É INVASORA, POLO QUE SE SEGUE USANDO

A día de hoxe a maior parte da poboación non sabe que se trata dunha especie foránea, nin que é invasora, precisamente por non estar recollida no catálogo. Se estivese nel non se podería comercializar nin transportar, nin posuír nin sementar, pero non é o caso. Así que, como lembra Amigo, "o problema sempre está en que se ti tes unha cala nun perímetro pechado, nunha maceta ou xarrón, e a tes aí confinada, non ten moito perigo, aínda que si potencial, pero cando deixas o fogar e a trasplantas, entón xa pasa a estar no xardín, e do teu xardín salta á finca do veciño, pois non ten practicamente límites físicos unha vez comeza a espallarse, válelles case todo, sempre que teñan auga á súa disposición", e en Galicia, alo menos polo momento, auga e choiva temos para rato.

Tamén nos cemiterios é unha auténtica praga, xa non só porque estea presente en xarróns e adornos florais, senón que chega a invadir os solos. "Ao final se está en xarróns sen cristal, ao aire libre, ou no chan, o xarrón cae ou o propio vento a transporta e, se a planta atopa nese solo as condicións precisas e se está medianamente forte, como ten esa reprodución vexetativa, simplemente con que haxa algún fragmento viable xa prolifera, espállase e xa non para", argumenta a educadora ambiental de Adega. Por iso, asegura que avisan sempre ao voluntariado de que "os resultados non se conseguen dun día para outro, senón que hai moito que insistir e estar aí para dar continuidade aos proxectos, ir un día a eliminar invasoras é simbólico, serve para achegarte á problemática e como campaña de sensibilización, pero realmente para acabar con elas, erradicalas ou alo menos controlalas, hai que ir máis días", conclúe Amigo.

Labores de limpeza realizadas por Adega na illa de Sálvora
Labores de limpeza realizadas por Adega na illa de Sálvora | Fonte: Adega
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta