Transportes nega que Europa pechara o expediente de Angrois por "deficiencias"

Di que foi tras un "amplo" plan de seguridade ferroviaria demandado pola UE.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/03/2024 | Actualizada ás 11:52

Comparte esta noticia

O Ministerio de Transportes destaca que un "amplo" plan de seguridade, implementado desde 2019, levou á Comisión Europea a pechar o expediente de infracción aberto contra España en materia ferroviaria, despois de que a Axencia Ferroviaria Europea (ERA) non apreciase defectos na súa aplicación.

O pasado xoves, a eurodeputada do BNG Ana Miranda avanzou que a Comisión Europea pechou o expediente sancionador que abrira contra España por "deficiencias" na forma en que a Comisión de Investigación de Accidentes Ferroviarios (CIAF) "analiza e investiga os accidentes e incidentes". Así o fai despois de que o Estado realizase un plan de acción de seguridade ferroviaria demandado por Europa.

Respecto diso, o Ministerio de Transportes confirmou a Europa Press que a Comisión Europea decidiu dar por finalizado este expediente, á vez que subliña que "en ningún momento a Comisión Europea puxo en dúbida a seguridade do sistema ferroviario español".

Apunta que en xaneiro de 2019 notificouse mediante carta de emprazamento a apertura deste procedemento de infracción. Transportes indica que a Comisión "cuestionou a adaptación a unha normativa complexa que tivo dificultades para o seu desenvolvemento en todos os países membros".

En xullo de 2017, a eurodeputada do Bloque, Ana Miranda, denunciou o incumprimento da normativa comunitaria en materia de seguridade ferroviaria e falta de avaliación de riscos, a raíza do accidente de tren en Angrois.

Accidente do tren Alvia en Santiago en 2013
Accidente do tren Alvia en Santiago en 2013 | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta