Por que a AP-9 ten tramos de asfalto barateiro que non retén a auga a pesar de subir as peaxes cada ano?

José Ramón Fernández Mesa, do Colexio de Enxeñeiros de Camiños, Canais e Portos de Galicia, asegura que realmente hai diferenzas de asfalto entre tramos, que derivan dos tempos de crise, cando "se optou por unha solución económica pero efectiva, aínda que máis incómoda, para garantir a seguridade dos condutores" á hora de realizar a conservación das estradas. Non é cousa do seu deseño inicial.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO | 05/03/2024 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Para ningún condutor é unha sorpresa que lle digamos que hai diferentes tipos de asfalto e que, dependendo da estrada na que nos atopemos, e mesmo do tramo en concreto, nótase máis ou menos agarre no coche. Calquera que teña percorrido nalgunha ocasión a autoestrada AP-9 dende A Coruña ata Vigo, por exemplo, percatarase de que hai tramos (especialmente entre A Coruña e Santiago) nos que o coche se desliza con maior facilidade que no resto e nos que, cando chove, a auga tarda máis en secar ou en ser absorbida polo asfalto. Tendo en conta que neste ano o tempo está tan tolo que en tan só un par de horas cae unha cantidade de auga que antes se repartía ao longo de todo un día, asolagando mesmo as propias cidades, onde os sumidoiros non dan feito, dende Galicia Confidencial interesámonos por coñecer a que se deben estes tipos de asfalto diferentes, por que se elixe un ou outro e, sobre todo, se resultan seguros para os condutores aínda que chova desta forma.

Retencións na AP-9 nunha imaxe de arquivo
Retencións na AP-9 nunha imaxe de arquivo | Fonte: EP - Arquivo

Dende o Colexio de Enxeñeiros de Camiños, Canais e Portos de Galicia diríxennos a José Ramón Fernández Mesa, enxeñeiro de camiños cunha longa traxectoria que tamén imparte clases aos futuros enxeñeiros, que xa nos anticipa que a construción das estradas, así como a súa planificación, é algo moi complicado e técnico, aínda que trata de simplificarnos ao máximo posible as respostas ás nosas preguntas. En concreto, asegura que "a auga nas estradas quítase de dúas formas diferentes e combinadas: por unha banda, tendo en conta a propia xeometría da estrada na súa parte superior, xa que a estrada ten a súa inclinación, tanto no sentido do avance do vehículo como transversalmente, polo que a auga vai correndo cara os bordes que se encargan de recollela e logo quitala de toda a plataforma, para lograr a través da xeometría quitar esa auga da parte de arriba da estrada, que é a que a ti che fai dano ao conducir e a que che pode causar inseguridade ou provocar un accidente; e, por outra banda, co asfalto que pos enriba, na capa superficial da estrada".

"NUNHA ESTRADA NORMAL, SE POS ASFALTO CON MOITOS OCOS PARA FILTRAR A AUGA, REMATA ROTO POR TODAS AS GLORIETAS E ENTRADAS E SAÍDAS QUE TEN"

E como se decide o tipo de asfalto que se pon nesa capa superficial? "O perfil de asfalto que se pon enriba, que é o que se chama a parte da rodadura, non se pode decidir de calquera maneira, non se pode poñer un asfalto drenante, é dicir, que che quite rapidamente a auga de arriba --porque abaixo segue habendo auga, e tes que levar esa auga a través de tubos que van por debaixo e outros sistemas ata as canalizacións de evacuación-- nas estradas convencionais", explica Fernández Mesa. Así, o asfalto con moitos ocos, para que filtre a auga, "ponse sobre todo nas autoestradas, pero non en estradas normais, porque nunha estrada normal, cando tes moitos ocos, ao haber tantas entradas e saídas, glorietas e cousas polo estilo, o pavimento remata roto". Por iso, asegura que "non é un capricho económico, nin é un tema de cartos e entón que se fastidien e se maten os que vaian por estas estradas e os que vaian por outras que vaian seguros", pois "non ten nada que ver con iso, ten que ver con que se pos asfalto con ocos nestas estradas de tanto trazado diferente, racha". Mentres que, "nas autoestradas, ao ter curvas moi amplas, o xiro dos vehículos afecta moi pouco ao pavimento, porque a curva é moi aberta e o contacto entre a roda e o pavimento fai menos esforzo, polo que abre menos os ocos".

A pregunta é: entón por que dentro dunha mesma autoestrada, como pode ser a AP-9, hai tramos nos que hai asfalto que chupa a auga mellor que outros? A que se deben eses cambios? Fernández Mesa asegura que "iso xa non é culpa do deseño orixinal da estrada, é cousa da conservación da mesma". E por que se escolle diferente tipo de asfalto do orixinal á hora de repavimentar a estrada? "Porque nos colleu unha crise tremenda e non se podía prescindir dese agarre entre roda e pavimento que dá seguridade, por iso nos períodos de crise se pon o que se chama emulsión e rego por enriba, para que o coche siga arragando ao pavimento e non patine", pero, "ao tratarse dun arreglo superficial, unicamente pensado para manter a seguridade da xente, e ao ser unha ferramenta moi efectiva pero de baixo custe, logo ao rodar pola autoestrada é moito máis incómodo para o condutor", explica o enxeñeiro. Incómodo no sentido de que salta moita máis auga do coche, tanto do propio como do de diante.

Saída da AP-9 á Cidade da Cultura, en Santiago de Compostela
Saída da AP-9 á Cidade da Cultura, en Santiago de Compostela | Fonte: AUDASA - Arquivo

"ESE REGO QUE SE BOTA NON TEN A MESMA CALIDADE E NON EVACÚA TAN RÁPIDO A AUGA, PERO LEVA UNHA GRAVILLA QUE AGARRA PERFECTAMENTE A RODA"

E todo porque "ese rego que ti botas non ten a calidade que ten unha mestura como a que dixemos que tiña ocos ou unha mestura feita para unha estrada convencional pechada", polo que "non evacúa a auga rapidamente, pero como leva unha gravilla, si que agarra perfectamente ao chan". Deste xeito, o enxeñeiro confírmanos que esa sensación de que hai máis auga acumulada en certas partes da autoestrada que noutras non é unha impresión, "é unha realidade, e é algo incómodo, non hai que agochalo". "O que pasa é que é máis seguro poñer esa capa que non poñela", asegura Fernández Mesa, que engade que "como ti ves que o coche de adiante salpica moito máis ao teu e vez a estrada moito máis mollada, con máis auga, pregúntaste: que esta pasando aquí?". Ante esta pregunta, a súa resposta é contundente: "Asegúroche que é moito máis seguro que se non houbesen posto nada".

En relación a se o xeito de chover está facendo que teñan que cambiar os deseños das estradas con respecto aos que facían no pasado, o enxeñeiro explica que "sempre tes que calcular uns caudais e tes que ter en conta os datos duns anos atrás para cada tipo de obra". Por iso, aínda que afirma que "as variacións existirón toda a vida, hoxe dende logo eu nos traballos que fixen non podo falar de que o cambio climático estea a influír no deseño de estradas". Estradas que en Galicia, pola orografía e as características xeográficas do territorio, xa de por si non é fácil construír. "É moito máis difícil e custoso que en Castela, por suposto, vólveste tolo co deseño", confesa Fernández Mesa, que asegura que hai que ter moitas cousas en conta á hora de "deseñar os desmontes que se fan para poñer a estrada evitando que se veñan os taludes, de poñer os recheos nos que se apoia a estrada ou as pontes, o que che fai pensar moito".

"AS ESTRADAS ESTÁN SENDO PAGADAS POR TODOS OS CIDADÁNS, COS NOSOS IMPOSTOS, E ISO É ALGO NO QUE INSISTIMOS MOITO AOS ALUMNOS"

Con todo, asegura que "ata que chegas ao estudo final da estrada fanse moitos estudos previos, e hai algo que se chama estudo informativo, onde se toma a decisión de cal vai ser a decisión definitiva que se tome, e tamén onde te fas á idea dos problemas que vas a ter na estrada e de como os vas solucionar". Por iso, confesa que, efectivamente, "a técnica das estradas é difícil". Ademais, agora todo se evalúa moito máis por parte dos usuarios: "Agora o usuario entérase máis, antes nin se queixaba cando había baches, porque circulaban 10 coches ao día por unha estrada, pero hoxe, e sobre todo nas autoestradas con peaxe, xa podes queixarte como usuario do estado da estrada, porque para algo estás pagando", así que, "hoxe a xente tende a queixarse moito máis do estado da estrada que fai 15 ou 20 anos".

Así mesmo, Fernández Mesa invita a reflexionar sobre o feito de que "cando ti vas por unha estrada, sobre todo se é autoestrada, podes estar seguro de que hai entre 20 ou 30 persoas mirándote, aínda que ti non o sepas", por iso, "cando se che queda o coche parado xa hai persoas que che están vendo polas cámaras para tomar as medidas oportunas", como poñer a alerta nos carteis dixitais, "activándose o protocolo pertinente". Para iso traballa a xente de conservación, "sempre pendente de se algo se estropea, ou de se se cae unha árbore ou hai un atasco, co obxectivo de garantir a maior seguridade para o tráfico posible". E é que non hai que esquecerse de que "ao final as estradas están sendo pagadas por todos nós, os cidadáns, cos nosos impostos, algo no que insistimos moito os profesores aos nosos alumnos". Ademais, apunta a que "todo se paga con impostos, mesmo esas estradas de participación público-privada da que tanto se fala, que non consisten noutra cousa que as empresas privadas fagan un adianto, unha concesión, ás administracións para construír, pero logo eses cartos hai que devolvelos".

AP-9
AP-9 | Fonte: DEPUTACIÓN DA CORUÑA - Arquivo
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 4 comentarios

4 Moine

Viva o PP! Viva Madrid! Vivam os votantes galegos do PP! Nom esqueçamos que Asnar, alias “O orneja barato” quando findava o prazo da concessom, volveu-na a privatizar entregado-lha à empresa que a administra actualmente. O interessante seria conhecer: o por que fiz isto, e que benefícios houvo e para quem.

3 Jpr_sago

A) Porque fan o que lles dá a gana, así de sinxelo o deixamos. b) Gostan de rirse de nos, por ver ata onde poden chegar. c) Total pra que?, tragamos todo, pronto deixa de ser noticia, seguro que E.B.V. ou K. tapan o tema d) Que esperabades de aqueles lodos ? Desfruten do votado

2 slop

O de que pese á cantidade de auga acumulada, a capa de gravilla garante o agarre é relativo. En determinadas zonas da AP9 se acumula tanta auga que chega un momento que nin coa gravilla agarra. Fai unhas semanas, cunha chuvia normal, casi perdo o control do coche por culpa do acuaplanning entre Pontedeume e Cabañas en dirección Ferrol. E por moito que agarre, pérdese seguridade pola falta de visibilidade coa auga que levantan o resto de vehículos. Ademais é moi incómodo polo ruido de rodadura que produce. E evidentemente será máis abrasivo provocando maior desgaste dos neumáticos e do vehículo en xeral.

1 Gamela

Asfalto onde o teñan... Algúns transitamos por tramos onde o asfalto é cousa do pasado, as rodaduras dos camións fan novos camiños na superficie que debes ir esquivando como podas... As marcas de pintura deben ser cousa do pasado, de noite e chovendo imos por unha corredoira na provincia de Pontevedra ! Nótase un montón o cambio de mundo ao pasar de Santiago coa circunvalación e o asfalto Santiago ~ Coruña é un luxo asiático (limpo, firme, drenado e con pintura) Nótase que Coruña é outro mundo... Por non falar da iluminación inexistente en toda a Autoestrada Máis Cara do Mudo (farolas cero)