Nova indemnización pola morte dun bebé a piques de nacer tras recetarlle paracetamol á súa nai

A Consellería de Sanidade condena a pagar 30.000 euros polo falecemento intrauterino da súa filla.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/05/2024 | Actualizada ás 11:34

Comparte esta noticia

A Consellería de Sanidade emitiu unha resolución na que estima parcialmente a reclamación dunha paciente da área sanitaria de Lugo, de 28 anos de idade, que sufriu o falecemento intrauterino da súa filla cando se atopaba en avanzado estado de xestación, e establece para ela unha indemnización de 30.000 euros.

O proceso foi tramitado pola letrada Emma Pallardó, da Asociación O Defensor do Paciente, e iniciouse despois de que, en novembro de 2020, a paciente (na súa semana 37 de xestación) acudise ó PAC de Becerreá ao notar unha repentina dor no estómago e as costas, e con vómitos. Alí tomóuselle a tensión, cun resultado de 160/90 e, aínda que ese dato supuña un risco e un indicio de posible preeclampsia, a doutora que a atendeu diagnosticoulle unha epigastralgia e recetoulle Primperán e paracetamol.

Cinco días despois, preocupada porque non notaba movementos do bebé, acudiu ao Hospital Lucus Augusti, onde se advertiu a ausencia de latexado fetal e desprendemento de placenta, co resultado do falecemento da súa filla. A paciente presentou unha reclamación e o Sergas recoñeceu que, cando acudiu ó PAC, cumpría os requisitos para considerar o risco dunha preeclampsia, polo que debía ser sometida a unha ecografía e derivada de forma inmediata ao hospital. Alí, sostén O Defensor do Paciente, podería salvar a vida do bebé mediante un parto inducido.

Con todo, Sanidade establece como criterio indemnizatorio a 'perda de oportunidade' ao non poder asegurarse que unha actuación distinta salvaría ó feto. En todo caso, establece unha indemnización de 30.000 euros, fronte aos máis de 90.000 euros que reclamaba a paciente.

O Defensor do Paciente trasladou, en nome da muller, a súa esperanza de que esta resolución poña o foco "na falta de atención que sofren moitos pacientes nos centros de saúde, onde son atendidos con présas, sen prestar a adecuada atención a síntomas que, en ocasións como a presente, poden pór en risco a vida e/ou saúde das persoas".

Edificio do Sergas
Edificio do Sergas | Fonte: xunta.gal.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta