Manifestación multitudinaria en Santiago o vindeiro 4 de febreiro contra o "desmantelamento" da sanidade pública

Unhas 50 organizacións convocaron unha manifestación que percorrerá as rúas de Santiago de Compostela o próximo 4 de febreiro para loitar pola "recuperación" do sistema público de sanidade.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/01/2024 | Actualizada ás 14:48

Comparte esta noticia

Unhas 50 organizacións convocaron unha manifestación que percorrerá as rúas de Santiago de Compostela o próximo 4 de febreiro para protestar contra o "desmantelamento" da sanidade pública que atribúen ao Goberno galego. A marcha, que terá lugar coa campaña electoral dos comicios galegos do 18 de febreiro xa iniciada, está promovida polo colectivo 'SOS Galicia', do que forman parte plataformas sanitarias, organizacións sindicais, partidos e outras entidades da sociedade galega.

A protesta foi presentada este xoves nunha rolda de prensa celebrada en Burela pola Plataforma Plataforma en Defensa da Sanidade da Mariña, que fixo un chamamento a participar nunha manifestación que queren converter en "masiva" para loitar pola "recuperación" do sistema público de sanidade.

Xustifican a convocatoria en que a sanidade galega, din, foi "obxecto durante moitos anos" de "recortes serios" que causaron "unha deterioración progresiva" dos servizos que derivaron no seu "desmantelamento" por "insuficiencia" de profesionais e recursos materiais. Advirten dos "colapsos" dos servizos de urxencia ou atención primaria no Servizo Galego de Saúde, ao que acusan de "manipular" as listas de espera de forma "escandalosa" coa "ocultación de máis da mitda dos pacientes que esperan unha consulta, proba ou intervención".

13 PROPOSTAS

Así, a plataforma expón trece propostas para reverter esta situación, a primeira delas, o incremento do orzamento sanitario, en especial, o que se dedica a atención primaria, que piden á Xunta que atenda a recomendación da OMS para que alcance o 25 % do total do gasto sanitario. Ademais, reclaman un incremento "urxente" de persoal de medicina familiar, pediatría e enfermaría, así como a introdución nos equipos de novas categorías como psicoloxía clínica, logopedia, terapia ocupacional, atención temperá, nutricionistas, hixiene bucodental, podoloxía ou optometría.

Abrir os centros de saúde pechados e crear novos onde "sexa necesario", reintegrar o servizo de ambulancias ou os servizos "privatizados" na rede pública e aumentar o seu número, pór en marcha un plan de racionalización de listas de espera, garantir a atención á dependencia no sistema pública ou elaborar un plan de saúde mental con medios e persoal son outras das reclamacións.

Tamén pon sobre a mesa a necesidade de implantar medidas para terminar coa "inestabilidade e precaridade" do persoal que traballa na sanidade pública, para o que piden que se teña dedicación exclusiva. Por último, reclaman concursos públicos "transparentes" para cargos de xestión e erradicar prácticas de "nepotismo", "recuperar" as xerencias de atención primaria, "reorientar" o sistema cara a un modelo "comunitario e participativo" e aplicar medidas para terminar co "uso irracional e abusivo de fármacos".

Imaxe dunha manifestación en Santiago en defensa da sanidade pública celebrada en Santiago en febreiro de 2023
Imaxe dunha manifestación en Santiago en defensa da sanidade pública celebrada en Santiago en febreiro de 2023 | Fonte: César Arxina - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta