A gran vertedura de plásticos esténdese desde a Ría de Muros e Noia ata a ría de Ribadeo

A Xunta tamén responsabiliza ao Goberno central da vertedura de plásticos, a pesar das alertas que os ecoloxistas deron desde o pasado mes. O Goberno central asegura que deu aviso Pontón pide a comparecencia de Rueda por este novo episodio de contaminación mariña.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/01/2024 | Actualizada ás 16:07

Comparte esta noticia

A vertedura de pellets de plástico procedente de colectores do mercante 'Tocano' perdidos mentres navegaba en augas portuguesas estendeuse xa ata zonas da costa de Oleiros e Outes e da Mariña lucense, segundo notificaron os concellos e a Asociación Noia Limpa. En concreto, o Concello de Oleiros denunciou este sábado a contaminación das praias e de toda a costa do municipio con "miles de diminutas bólas de plástico brancas".

Ademais, criticou que non recibiu ningunha comunicación por parte da Xunta nin do Goberno central e instou a ambos a "adoptar medidas urxentes para limpar a costa dos elementos contaminantes e reducir o grave impacto ambiental que se está orixinando contra o medio mariño". Pola súa banda, o Concello de Outes confirmou que este venres as praias de Broña e Siavo presentaban restos destes plásticos. Con todo, sinalou que a incidencia contaminante no municipio "é moi baixa", aínda que seguirán facendo seguimento diario.

Ademais, a Asociación Noia Limpa, que elaborou un mapa coa identificación de diferentes puntos na costa nos que apareceron estes plásticos diminutos, notificou verteduras no municipio lucense de Foz. Así, este mapa recolle vertidos destes pellets de plástico desde A Illa de Arousa, pasando por Ribeira, Noia, Muros, Carnota, A Coruña, Burela ou Foz, entre outros.

ACCIÓNS DE RECOLLIDA

Mentres, grupos de voluntarios organizan accións de recollida, aínda que ante a dispersión da vertedura, organizacións de ecoloxistas animan á xente a acudir a calquera das praias da ría de Muros e Noia con luvas e sacos.

O fundamental ata o momento, indican as fontes consultadas por Europa Press, era recoller os sacos de 25 quilos antes de que rompesen nas rocas, pero cada vez son menos e agora o que chega é totalmente esparexido, polo que se trata dun traballo moi minucioso.

Ademais, afirman que están a realizar xestións para conseguir máquinas cribadoras que se poidan pasar pola area para sacar os plásticos, aínda que recoñecen que iso necesita permisos da Xunta, "o que está complicado". 

Un axente da Policía Local e unha garda costas fan unha recollida de pellets da area, na Illa de Arousa, a 4 de xaneiro de 2024, en Pontevedra, Galicia.. Elena Fernández - Europa Press
Un axente da Policía Local e unha garda costas fan unha recollida de pellets da area, na Illa de Arousa, a 4 de xaneiro de 2024, en Pontevedra, Galicia.. Elena Fernández - Europa Press

CRÍTICAS DA XUNTA

Respecto a esta situación, o conselleiro do Mar, Alfonso Villares, acusou ao Goberno de coñecer que un barco perdera colectores de plástico en alto mar "hai 14 días" e informar á Xunta esta semana, aínda que o Goberno central négao e asegura que estaba avisado desde o 20 de decembro. Con todo, colectivos ecoloxistas viñan denuniando a existencia desta vertedura hai semanas tanto á Xunta coma ao Goberno central.

En declaracións aos medios este sábado no Valadouro, o representante autonómico asegurou que o Goberno galego está a facer un seguimento dos pellets que chegan ás praias co persoal de Gardacostas e tamén con persoal de Medio Ambiente, "que están a axudar aos concellos a facer limpeza".

Uns traballos que cualificou de "importantes" e que avanzou que seguirán facendo, mentres criticou que o Goberno informase á Xunta destes feitos a través de correos electrónicos "entre o 3 e o 4 de xaneiro". Segundo Villares, antes do pasado 4 de xaneiro a administración autonómica non tiña información do que estaba a ocorrer na costa galega, pero curisosamente as entidades ecoloxistas xa alertarn á Xunta desde mediados do pasado mes.

Así, nesa información que asegura trasladoulles o Goberno a principios deste 2024 afirmou que "aparece reflectido que o Goberno é coñecedor desta problemática o 20 de decembro".

Villares asegurou que a Xunta seguirá traballando con Gardacostas e con Medio Ambiente "para axudar aos concellos a facer a limpeza", pero tamén esixirán á empresa responsable "trasladar todos os gastos tanto para os concellos como para a administración autonómica".

O GOBERNO NÉGAO

Con todo, o Goberno central asegurou que o xefe de servizo de Salvamento Marítimo de Fisterra comunicou o 20 de decembro ao subdirector do servizo de Gardacostas a chegada de pellets de plástico á costa galega pola perda do colector do Toconao.

BNG

Por outra banda, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, pediu a convocatoria urxente da Deputación Permanente do Parlamento galego para que o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, explique a xestión da vertedura 

Ante unha situación que cualificou de "traxedia ambiental", a líder nacionalista visitou este sábado o municipio coruñés de Muros para coñecer de primeira man o estado das praias, acompañada da alcaldesa da localidade, María Lago, e do alcalde de Ribeira, Luís López, outro dos municipios afectados e sobre os que, advertiu, "están sós, man a man coa cidadanía" ante a "inacción tanto da Xunta como do Goberno central".

Neste sentido, considerou "gravísimo" que o Goberno galego "ocultase a vertedura de pellets" e agora "actúa tarde e mal" activando o plan de continxencias "nun nivel que non implica a mobilización de máis medios".

SUMAR

Tamén a portavoz de Sumar no Congreso dos Deputados e candidata da formación á Presidencia da Xunta, Marta Lois, pronunciouse sobre a vertedura de pellets nas costas galegas culpando ao Partido Popular polo que considera que é "outro desastre" xestionado de novo polos 'populares'.

"Outra vez o PP. Outro desastre no noso mar. Quedan 43 días para desfacerse deles", expresou a candidata de Sumar a presidir Galicia nunha mensaxe na rede social X (antes Twitter), acompañado dunha foto de pellets de plástico de cor branca e azul e que forman o logo dos de Alberto Núñez Feijóo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta