Arzúa será a capital do queixo esta fin de semana

Interesantes actividades gastronómicas e divulgativas, un mapa de Galicia feito con queixo e interesantes concertos con Los Secretos, Heredeiros da Crus, Xabier Díaz e Sés, son algúns dos atractivos para non perderse a 44 Festa do Queixo.

Por X.M. Fernández | Arzúa | 08/03/2019 | Actualizada ás 21:00

Comparte esta noticia

O Concello de Arzúa presume de ter unha das celebracións dedicadas ao queixo máis importantes do país tanto pola variedade e cantidade de queixerías presentes, nesta edición son 70 as inscritas, como na oferta de actividades paralelas e na calidade dos concertos que terán lugar na fin de semana.

Heredeiros da Crus. Foto: Org. Festa Queixo
Heredeiros da Crus. Foto: Org. Festa Queixo

Os postos dispoñibles no recinto feiral esgotáronse un ano máis con queixerías novas de todas as partes do Estado, varias con premios World Cheese Awards e 6 postos de queixerías PLT -Produtores Lácteos Tradicionais-  todas elas co correspondente rexistro sanitario. Como complemento a esta extensa oferta de queixos tamén se atoparán outros locais de alimentación especializada de Galicia e de fóra con produtos gourmet.

O recinto feiral “Terra do Queixo” abrirá as súas portas o sábado ás 11:00 h. e pechará ás 20:30. O domingo o horario será de 10:00 a 18:30 h. E como a concentración de larpeiros/as será grande, que mellor pregoeiro que Benigno Campos, un dos protagonistas do coñecido programa ‘Larpeiros’ da TVG, para falar das bondades do queixo e da súa festa despois da inauguración oficial, cara as 12:00 h. no Campo da Feira.

Na semana previa xa houbo interesantes actividades paralelas relacionadas co aspecto máis gastronómico como masterclass, tertulias técnicas e catas degustación tendo este venres especial protagonismo o XIII concurso de tapas e petiscos ‘Festa do Queixo’ polos establecementos de hostalería de Arzúa.

Na fin de semana destacan, por exemplo, o photocoll “Queixeamos?”, Food Trucks no Campo da Feira, a exposición ‘Concurso de carteis da 44ª edición’, obradoiros relacionados co queixo ou o espectacular ‘Mapa de Galicia feito con queixo’ un dos maiores atractivos para fotografiar desta edición.

Presentación da 44 edición da Festa do Queixo. Foto: Org. Festa do Queixo
Presentación da 44 edición da Festa do Queixo. Foto: Org. Festa do Queixo

Trátase dun espectacular queixo que representa o mapa en relevo de Galicia de 1,5 por 1,5 metros e cun espesor de 25 centímetros. Nel aprézanse claramente as catro provincias galegas cos seus monumentos máis representativos en 3D e os dous camiños de Santiago que pasan por Arzúa, o Camiño Francés e o do Norte. A peza foi elaborada na Queixería Barral e promoveu a iniciativa o club local de fútbol.

Como cada ano, non faltarán as propostas infantís co ‘III Festival Pequequeixo’ o sábado ás 18:00 h. na Praza de Galiza con Ce Orquestra e a animación de rúa de Sanama Bloko Samba Galego e o domingo ás 11:30 h. con Baobab Teatro na mesma localización.

Para todos os públicos música tradicional o sábado de 11:00 a 13.00 h. no recinto feiral a cargo de O Bringuelo e  ambientación musical de rúa o domingo co grupo de gaitas Castro Curbín entre as 11 e as 13:00 h e de 12 a 14:00 h. no recinto feiral, rúas e Praza de Galiza con Festicultores Troupe.

Para os amantes da música e os concertos, o Festival do Queixo deste ano ten un cartel tamén espectacular. Para o sábado noite, a partir das 21.30 h. están programados Inerttes, gañadores do 11º concurso Queixo Maquetón, e a continuación Los Secretos, Heredeiros da Crus e Rafa Morcego DJ. Xa o domingo, en sesión vermú están Broken Peach, banda de soul&rock de Vigo, e pola tarde, a partir das 18:00 h. os galegos Xabier Díaz con Adufeiras de Salitre e Sés pecharán a Festa do Queixo 2019.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta