O galego Xabier Fortes dirixirá e presentará 'Los desayunos de TVE'

Substitúe a Sergio Martín, como parte do proceso de renovación da canle pública.

Por Galicia Confidencial | Madrid | 10/08/2018 | Actualizada ás 20:04

Comparte esta noticia

O proceso de catarse e renovación que vive RTVE nos seus Servizos Informativos, desde a chegada de Pedro Sánchez (PSOE) á Presidencia de España, tivo este venres outro importante capítulo: o nomeamento do xornalista galego Xabier como director e presentador de 'Los desayunos de TVE' a partir da próxima tempada, adiantou El País.

Xabier Fortes
Xabier Fortes | Fonte: Roi González Villa Wikipedia

O xornalista, nado en Pontevedra en 1966, é un dos membros máis destacados do actual Consello de Informativos da cadea pública e substituirá a Sergio Martín, condutor e director do faladoiro matinal de contido político durante as dúas últimas tempadas.

Fortes, que recibiu o Premio Ondas en 2017, traballa actualmente no Centro Territorial de TVE en Galicia e está considerado un dos xornalistas máis comprometidos coa independencia e a pluralidade dentro de RTVE, mesmo denunciando situacións de manipulación e censura. De feito, foi unha das caras máis visibles dos 'Venres Negros' convocados polos traballadores da corporación para denunciar manipulacións e presións políticas no ente público (a iniciativa foi logo copiada polos traballadores da CRTVG).

O novo director de 'Los desayunos de TVE' comezou a traballar na cadea públca no ano 1990 na delegación de Pontevedra, da que saltou á de Santiago de Compostela, onde traballou como editor e presentador de informativos territoriais. Coñécido polo gran público como presentador de espazos de debates, entrevistas e especiais de varias convocatorias das eleccións autónomicas galegas, chegou a ser nomeado director do Centro Territorial de TVE en Galicia.

Posteriormente deu o salto a Madrid, onde foi director e presentador de 'La noche en 24 horas', até que foi cesado no mes de agosto do 2012.

Agora, regresa á capital para dirixir un dos espazos informativos máis importantes de TVE. O seu nomeamento é o primeiro cambio relevante entre os presentadores de informativos da canle pública, en pleno proceso de renovación.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta