O Hospital Gil Casares, no punto de mira tras derrubarse o teito dun corredor en uso

O Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS) procedeu a realizar un estudo estrutural do Hospital Gil Casares despois do derrubamento, este xoves, do teito dun corredor de paso en uso. O accidente non provocou feridos, pero CC.OO xa tiña denunciado o abandono do hospital e sostén que non se trata dun "suceso illado".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/06/2018 | Actualizada ás 13:21

Comparte esta noticia

O Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS) procedeu a realizar un estudo estrutural do Hospital Gil Casares despois de derrubarse este xoves o teito dun corredor de paso en uso, pero non houbo feridos.

Derrube do teito dun corredor no Hospital Gil Casares de Santiago.
Derrube do teito dun corredor no Hospital Gil Casares de Santiago. | Fonte: Europa Press

Así o informaron fontes da xerencia sanitaria compostelá, tras denunciar CC.OO. o "abandono do Gil Casares" e advertir do derrube do "teito dos corredores de acceso ás unidades de UME-Paliativos e Psiquiatría".

"Por fortuna non houbo danos persoais, pois nese momento non andaba por aí ningún paciente, acompañante ou persoal do centro", explicou nun comunicado Comisións Obreiras, que destaca que "non é un suceso illado, pois hai un mes produciuse outro derrube no mesmo hospital". Nese caso foi no servizo de Radioloxía e, lembrou a central sindical, "obrigou a pechar o mesmo e trasladar a actividade ás dependencias da PAC de Santiago".

Así mesmo, incidiu CC.OO. en que nos últimos anos "xa se derrubaron partes do centro hospitalario como o baño da habitación dun paciente da UME, debido ao abandono e o desinterese da xerencia por este centro" que, puntualiza, "aínda sendo pequeno, pode chegar a ter máis de 80 pacientes ingresados nalgúns períodos do ano".

"O desleixo é tal que, a pesar das denuncias efectuadas pola sección sindical de CC.OO., a planta inferior do hospital,  que dá acceso aos vestiarios do persoal está constantemente inundada polas perdas de auga quente e calefacción", denunciou o sindicato.

ZONA PECHADA

Pola súa banda, fontes da xerencia sanitaria compostelá aseguraron que, despois do derrube deste xoves, a zona afectada permanece "pechada" e traballan operarios para arranxala.As mesmas fontes indicaron que se trata dunha "zona de paso en uso", pero "non de tránsito habitual" e ratificaron que no momento do incidente non había ninguén no lugar.

Con todo, o CHUS procedeu a realizar un "estudo estrutural" do Gil Casares para "ver como está o edificio para actuar preventivamente" en caso de ser necesario. Non entanto, a xerencia subliñou que "o máis urxente" é "arranxar" a zona afectada.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta