O novo mapa eleitoral

Hai catro anos, nos comicios ao Parlamento europeo rexistrouse un resultado inédito:a suma do apoio recibido polo PP e polo PSOE non acadou o 50% dos votos totais emitidos.Abriuse, daquela, un certo debate na opinión publicada a respeito da continuidade temporal dese descenso relevante no peso do bipartidismo. Unha parte significativa das análises afirmaban o carácter anedótico do sucedido naquela cita eleitoral e prognosticaban un futuro retorno ás tendencias precedentes.As xerais celebradas nos anos 2015 e 2016 confirmaron os indicios de cambio detectados no 2014 para sorpresa dos que seguían vendo, neste fenómeno, un “souflé” con pouco percorrido.

Por Xesús Veiga | Compostela | 25/05/2018

Comparte esta noticia
O recente inquérito do CIS ratifica a nova estrutura do mapa eleitoral.A diferenza do que ocorreu nas últimas décadas, hai poucos vasos comunicantes entre os electorados do PP e do PSOE:as perdas que experimentan cada un deles non van reforzar ao contrincante.Nas vitorias de Aznar de 1996 e do 2000 houbo unha evidente transferencia de votantes que antes apoiaran a Felipe González.Algo semellante tivo lugar -nun sentido inverso- cando se produciu o triunfo de Rodríguez Zapatero nos anos 2004 e 2008.A propia maioría absoluta acadada por Mariano Rajoy no 2011 non se explica sen ese movemento circular.Obviamente, ambas formacións tamén perdían votos que ían cara a abstención e, no caso do Partido Socialista, cara IU.Pero había unha indiscutíbel porosidade entre segmentos dos votantes desas forzas.
 
O que debuxan os últimos inquéritos non encaixa nesa lóxica tradicional.A presenza e progresivo medre de Ciudadanos modifica as anteriores transferencias.O que perde o PP xa non vai, primordialmente, ao PSOE e á abstención senón ao partido de Rivera.E, ademais, a formación laranxa está captando un certo número dos votantes que abandonan a forza que actualmente lidera Pedro Sánchez. Pola outra banda do escenario, Unidos Podemos e as confluencias manteñen, con pouco desgaste, a posición obtida no 2016 e non se percibe o coñecido fenómeno do “voto útil” cara o PSOE.Para este partido, a situación é preocupante:a pesar da notábel erosión que padece o goberno de Rajoy e das manifestacións de protesta que se rexistran no tecido social, non é quen de xerar unha expectativa consistente que, ademais, capitalice a importante participación que teñen en varios gobernos autonómicos e locais.Sánchez non sabe cómo saír do estancamento:o seu pacto de goberno co C's despois das xerais de 2015 neutralizou a credibilidade das críticas posteriores que verbalizou contra Rivera e a súa retórica disposición aos acordos con UP e as confluencias non é quen de agachar a secular resistencia do seu partido a unha alianza en pé de igualdade con outras formacións ubicadas no territorio da esquerda.
 
O momento demoscópico doce que está vivindo Ciudadanos ten unha explicación multicausal:a corrupción estrutural que padece o PP, a polarización derivada da dinámica política catalana e a presenza destacada do factor xeracional no comportamento electoral.A imaxe de Rivera conecta con   sectores de votantes do partido de Rajoy -de idades inferiores aos 55 anos- que xa non aturan o catálogo diario de escándalos e que ademais posúen unha identidade nacional española que desexan afirmar fronte á declaración unilateral de independencia que se visualizou en Catalunya.Se ademais, a historia desta forza carece de experiencias gobernamentais importantes que permitan contrastar a distancia que vai das promesas á realidade, pechase o círculo da virtuosa propaganda laranxa.
 
 
Non é doado facer previsións para os vindeiros meses. En todo caso, semella verosímil pensar que o mantemento do bloqueo político en Catalunya alimentará o potencial electoral de A. Rivera e, xa que logo, facilitará a futura conformación do que sería o primeiro goberno de coalición no ámbito estatal (neste caso protagonizado por PP e C's). Con semellante perspectiva, resultaría complicado imaxinar a continuidade de M. Rajoy na primeira liña da actividade política.
 

Alberto Núñez Feijóo E Mariano Rajoy Á súa Chegada Á Catedral
Alberto Núñez Feijóo E Mariano Rajoy Á súa Chegada Á Catedral
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xesús  Veiga Buxán Licenciado en CC.EE. pola Universidade de Bilbao. Profesor –dende o ano 1974- no Departamento de Organización de Empresas e Comercialización da Facultade de CC.EE. da USC. Dirixente do MCG. Posteriormente, foi dirixente de Inzar.Foi deputado polo BNG no Parlamento galego dende 1993 ao 2005. Dende Setembro do ano 2005 ate o mes de Abril do ano 2009 foi asesor para asuntos económicos no Gabinete da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar da Xunta de Galicia.