Os relatos sobre a historia recente do nacionalismo

Unha das novidades rexistradas na recente campaña á Cámara lexislativa galega foi o acordo presentado por Ana Pontón e Martiño Noriega -en representación do BNG e de Anova- en virtude do cal, a organización que encabeza o que foi alcalde de Santiago solicitaba publicamente o apoio ás candidaturas do Bloque para os comicios celebrados o pasado 18-F.

Por Xesús Veiga | Compostela | 12/04/2024

Comparte esta noticia
Mais alá do comprensíbel interese electoral común de ambas formacións, a escenificación dese acordo suscitou outras interpretacións que sobordaron a dimensión estritamente conxuntural do mesmo. Diversas análises destacaron, sobre todo, a idea de que BNG e Anova cicatrizaban a ferida xurdida despois da Asemblea de Amio (no comezo do ano 2012) co abandono do que, daquela, era o "Encontro Irmandiño" e a posterior conformación da coalición AGE -entre Anova e EU- para concorrer ás eleccións galegas do outono de 2012. Como é sabido, esta coalición -encabezada por Xosé Manuel Beiras- acadou un resultado sorprendente (9 escanos), superando os resultados obtidos polo BNG (7 actas parlamentarias).
 
Para que se puidera falar dun sólido reencontro entre estas dúas ponlas nacionalistas debería existir un relato compartido sobre aquela relevante ruptura. Certamente, o sucedido na referida Asemblea de Amio foi o pano de fondo sobre o que se elaboraron os posicionamentos posteriores de todas as partes involucradas. A UPG -o grupo gañador na confrontación rexistrada nesa Asemblea- entendeu que era necesario forzar a máxima polarización interna para clarexar as supostas confusións nas que estaba instalada unha parte do corpo organizado do BNG. A rápida saída do Encontro Irmandiño certificou, aparentemente, a eficacia da dinámica promovida pola UPG. En calquera caso e a partir dese momento, nalgúns segmentos nacionalistas, Beiras pasou a ser considerado como un "cabalo de Troia" do "españolismo" de esquerdas e todos os seus seguidores mereceron o cualificativo de "traidores".
 
A "sensu contrario" o inmediato éxito electoral de AGE foi avaliado, polo grupo de Anova, como a demostración práctica do acerto que tiveran abandonando o Bloque poucos días despois do remate de Amio. Confirmábase, segundo a súa visión, que existían sectores significativos na esquerda social que agardaban outra estratexia por parte do nacionalismo existente e que apoiaban unha oferta unitaria cunha parte da esquerda estatal.
 
Esa estratexia de Anova mantívose -nas súas premisas fundamentais- durante mais de dez anos. Nas eleccións municipais de 2015, nas xerais dese mesmo ano (e na repetición posterior) e nos comicios galegos do outono de 2016, esta organización formou parte das Mareas municipais e do que se chamou "En Marea" (que obtivo a condición de segunda forza precisamente nesa cita electoral). O proceso de división e autodestrución vivido por ese conglomerado orixinou un forte desgaste electoral nos anos 2019 e 2020 e a conseguinte perda das posicións institucionais hexemónicas acadadas nalgúns concellos e na Cámara do Hórreo.
 
É posíbel establecer un relato unificado entre o actual BNG e Anova sobre o período histórico transcorrido  entre os anos 2012 e 2024? Dende un punto de vista teórico, un achegamento consistente requiriría da existencia dun conxunto de reflexións autocríticas de certa envergadura por parte de todos os protagonistas. Polo que coñecemos até o momento, non é realista pensar na verosimilitude desa versión compartida nun prazo curto. Pode construírse esa unificación discursiva no futuro? Podería ser factíbel se ambas partes consideraran que iso é necesario para asegurar un nivel maior de coincidencia nas ideas e nas ferramentas organizativas. 
 
Como é sabido, a Asemblea de Amio certificou a maior división rexistrada no corpo organizado do nacionalismo durante o século XXI. As tres correntes principais que dispuñan da grande maioría dos apoios internos (UPG, Encontro Irmandiño e "Mais Galiza") non foron quen de atopar liñas programáticas e fórmulas organizativas que mantivesen e mellorasen a singular combinación de unidade e pluralismo que estaba no cerne da conformación da identidade do BNG como forza política. A partir dese momento, explicitaronse diversos relatos dos sectores participantes naquela disputa interna para explicar e/ou xustificar os motivos das diverxencias e as súas consecuencias organizativas. Constatado o feito de que, a día de hoxe, segue sen existir unha versión común do sucedido entre os participantes daquel disenso, é pertinente formular unha pregunta: resulta necesario buscar ese relato compartido no eido do universo político nacionalista ou esa tarefa debe ficar, exclusivamente, nas mans daquelas persoas que, nos ámbitos académicos, estudan e interpretan os acontecementos históricos?
 
A tendencia dominante na actividade política só concede importancia a aquilo que poda reforzar a conquista de maiores espazos de poder no tecido institucional. Xa que logo, a análise do pasado,mais ou menos recente, fica nas mans das persoas que dedican o seu labor profesional ao estudo da historia. O risco desta falta de reflexión no ámbito das elites políticas é que se poden repetir vellos erros e carencias aínda que ocorran en contextos parcialmente diferentes. Algo que se debería ter en conta no seo do corpo organizado do nacionalismo galego.
 

Beiras e Noriega pechan filas co 'liderado' de Pontón e xuntos claman aos galegos a 'ser parte do cambio'
Beiras e Noriega pechan filas co 'liderado' de Pontón e xuntos claman aos galegos a 'ser parte do cambio' | Fonte: CÉSAR ARGINA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xesús  Veiga Buxán Licenciado en CC.EE. pola Universidade de Bilbao. Profesor –dende o ano 1974- no Departamento de Organización de Empresas e Comercialización da Facultade de CC.EE. da USC. Dirixente do MCG. Posteriormente, foi dirixente de Inzar.Foi deputado polo BNG no Parlamento galego dende 1993 ao 2005. Dende Setembro do ano 2005 ate o mes de Abril do ano 2009 foi asesor para asuntos económicos no Gabinete da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar da Xunta de Galicia.