A memoria do Prestige aparece na campaña

É ben coñecida a frase de Carlos Marx contida no inicio da obra "O 18 Brumario de Luis Bonaparte": "A historia ocorre dúas veces: a primeira vez como unha grande traxedia e a segunda como unha miserábel farsa".

Por Xesús Veiga | Compostela | 29/01/2024

Comparte esta noticia
Aludir a esta advertencia marxiana ten sentido cando observamos o sucedido no 2002 co afundimento do Prestige e o que estamos vivindo agora co vertido das bolas de plástico contidas nun contedor transportado polo buque Toconao. Certamente, as características técnicas das materias contaminantes son diferentes e tamén o foron as circunstancias que acompañaron a semellantes accidentes. Pero a comparación resulta pertinente se focalizamos a análise na resposta levada a cabo polo goberno da Xunta en ambos momentos.
 
Infravaloración inicial do acontecido, falta de información veraz sobre os accidentes rexistrados, neglixencia na toma das decisións requiridas: velaquí algunhas das características definitorias do comportamento protagonizado polos gobernos galegos de entón e de agora. Manuel Fraga e Alfonso Rueda non poden ser considerados como dirixentes políticos totalmente equiparábeis e os contextos das súas presidencias presentan diferenzas obvias a pesar da súa común pertenza ao PP: o primeiro tivo que aturar ao "goberno amigo" de Aznar e Rajoy mentres que o segundo está empeñado en cumprir sen escrúpulos o encargo fixado por Feijoo (xa se sabe: máxima belixerancia permanente co Executivo de Sánchez).
 
Nos últimos 25 anos, o PPdG tivo que enfrontar, dende os despachos de San Caetano, tres graves crises que afectaron a sectores relevantes do tecido social galego: a das vacas tolas, a do Prestige  e a mais recente dos pellets. En todas esas ocasións non foi quen de estar á altura das circunstancias a pesar de controlar, con maioría absoluta na Cámara lexislativa, todos os recursos da Administración galega. Eran oportunidades para facer pedagoxía sobre as virtualidades do autogoberno: demostrar a capacidade para solucionar os problemas a partir das propias forzas e para demandar, se fora preciso, outras actuacións complementares daquelas institucións que tiñan competencias concorrentes coa propia Xunta. Antes e agora, o balance da xestión gobernamental resultou amplamente deficiente. No caso da vertedura dos granulados, Alfonso Rueda está demostrando que non aprendeu dos seus antecesores, coma se quixera facer realidade aquela vella máxima de que "alguén virá que bo te fará". Se ademais está rodeado de persoas como a conselleira de Medio Ambiente, Ánxeles Vázquez, capaces de protagonizar exhibicións de prepotencia semellantes ás que realizaba hai anos o inesquecíbel Arsenio Fernández de Mesa, a conclusión está servida: semella haber algo na xenética política do PP que lles condena a repetir determinados erros e despropósitos.
 
Cara ao 18-F a pretensión dos discípulos de Feijoo estaba clara: converter os comicios nun plebiscito contra Pedro Sánchez e os seus aliados parlamentares. Colocar nun plano secundario todo o que non se relacione directamente coa amnistía e coa situación de Cataluña. Poren, o plan deseñado bateu cun accidente marítimo que non figuraba na folla de ruta e que colocou no centro do debate público as responsabilidades do goberno galego na xestión desta crise. A incomodidade da situación creada pódese percibir nos responsábeis do PPdG. Teñen medo de que se active a memoria do Prestige e que iso facilite unha mobilización maior da prevista naqueles sectores do electorado urbano que se mostran mais pasivos nas convocatorias  ao Parlamento galego mentres apoian con mais frecuencia -nas eleccións xerais- a forzas políticas da esquerda estatal.
 
Non rematan aquí as complicacións para o modelo de campaña establecida polo PP. Postos a centrar a mirada na dinámica política de Cataluña, como van facer para ignorar as informacións que están aparecendo sobre a operación promovida, hai mais de dez anos, polo ministro de Interior do goberno Rajoy para montar probas falsas contra diversos dirixentes nacionalistas? Cando o ex-presidente participe nos mitins de Rueda, será capaz de falar da amnistía e dos acordos cos independentistas como supostas demostracións dunha vulneración do Estado de dereito sen asumir as súas responsabilidades na utilización da guerra sucia contra membros de CiU, Junts e ERC?
 
A dupla moral que está exhibindo o PP non semella ter limites. Será capaz de manter totalmente mobilizado ao seu electorado e, ao mesmo tempo, conseguir que non se activen todas as persoas que, o pasado 23 de Xullo, acudiron as urnas para evitar un triunfo de Feijoo e Abascal? Esta é a cuestión chave que se resolverá nas vindeiras semanas.

Varios voluntarios recollen pellets na praia de Panxón
Varios voluntarios recollen pellets na praia de Panxón | Fonte: Javier Vázquez - Arquivo
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xesús  Veiga Buxán Licenciado en CC.EE. pola Universidade de Bilbao. Profesor –dende o ano 1974- no Departamento de Organización de Empresas e Comercialización da Facultade de CC.EE. da USC. Dirixente do MCG. Posteriormente, foi dirixente de Inzar.Foi deputado polo BNG no Parlamento galego dende 1993 ao 2005. Dende Setembro do ano 2005 ate o mes de Abril do ano 2009 foi asesor para asuntos económicos no Gabinete da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar da Xunta de Galicia.