Por Galicia Confidencial | Vigo | 16/10/2017 | Actualizada ás 07:34
Xa son tres os mortos pola terrible vaga de lumes de Galicia. Unha persoa de idade avanzada, veciño da parroquia de Abelenda, de 78 anos, no municipio de Carballeda de Avia (Ourense), converteuse na terceira vítima mortal por mor da vaga de incendios que afecta a Galicia. Tamén hai casas ardidas en varios concellos e non se descarta atopar moitas máis cando os lumes sexan controlados.
Segundo confirmaron a Europa Press fontes da Consellería do Medio Rural, o cadáver deste terceiro falecido foi achado nun galpón situado detrás da súa casa. A hipótese barallada é que o home quixo ir apagar pola súa conta e risco as lapas que cercaban a súa vivenda, e salvar un rabaño de cabras, pero caeu e non foi capaz de levantarse, ata que foi alcanzado polas lapas.
Pola súa banda, as dúas vítimas mortais achadas nun vehículo que quedou atrapado polo lume no municipio pontevedrés de Nigrán tiñan idade avanzada e foron recollidas por unha veciña para tratar de escapar das lapas.
Atrapadas nun camiño forestal
O relato dos feitos achegado a Europa Press por fontes municipais sinala que a policía abriu un camiño e indicouse aos veciños que podían saír por alí. No entanto, cambiou o vento e sinaláronlles que tiñan que dar marcha atrás, pero manobrando o vehículo quedou atrapado e xa non puideron saír.
Ao parecer, cando se deu a orde de desaloxo na parroquia de Chandebrito, a condutora do vehículo foi recollendo a outros veciños. As fontes municipais consultadas indicaron que hai equipos de psicólogos atendendo aos afectados.
O concelleiro de Urbanismo, Mobilidade, Medio Ambiente e Persoal, Diego García, que definiu a situación como "un panorama desolador", remarcou que foi necesario abrir camiños para liberar aos veciños atrapados entre as lapas na área de Chandebrito, onde se está impedindo o acceso aos cidadáns polo denso fume.
“Rección extraordinaria”
A pesar de todo, destacou que os veciños "reaccionaron de forma extraordinaria" ante o sucedido. "Salvaron eles a metade das casas, deron auga, comida, mantas...", puxo en valor, insistindo en que a xente se axudou entre si e tamén aos corpos de seguridade.
Temor pola aparición de novas vítimas
Durante a noite temeuse pola morte doutros tres veciños tamén de Carballeda de Avia, pero finalmente foron localizados a salvo.
Con todo, os bombeiros suliñaron a GC que non se descartan atopar máis vítimas de xente que puidera ter quedado atrapada na casa ou nalgún camiño veciñal.
Casas queimadas
En varias parroquias galegas queimaronse casas. A última, de madrugada, nas Neves. Os corpos de seguridade e os bombeitos tamén temen que cando os lumes sexan controlados naquelas zonas que foron desaloxadas aparezan moitas vivendas ardidas pola súa proximidade aos lumes, sobre todo, nalgún dos lumes de Ourense, como en Carballeda de Avia, e do sur de Pontevedra, en Chandebrito, en Nigrán e Vincios, Gondomar.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.