O Lugo, en ascenso

O equipo lucense vence 2-0 o Córdoba con goles de Campillo e do debutante Mario Barco nos últimos dez minutos e acada a quinta vitoria na Liga en nove xornadas. O vindeiro luns, visita a Alcorcón en postos de play-offs de ascenso.

Por gcdeportes | Lugo | 12/10/2017 | Actualizada ás 19:12

Comparte esta noticia

Ficha técnica:
CD Lugo 2:
Juan Carlos; Campabadal, Bernardo Cruz, Ignasi Miquel, Luis Ruiz; Seoane, Ramón Azeez, Iriome (Luis Muñoz, 89’), Campillo; Polaco Fydriszewski (Mario Barco, 61’) e Cristian Herrera (Nico Albarracín, 75’).
Córdoba 0: Kieszek; Fernández, Caro, Joao Afonso, Víctor Mena (Alfaro, 82’); Edu Ramos, Javi Lara (Aguza, 68’); Jovanovic, Carlos Caballero, Markovic (Javi Galán, 56’) e Sergi Guardiola.
Goles: 1-0: Campillo (minuto 81). 2-0: Mario Barco (minuto 85).
Árbitro: De la Fuente Ramos (castelán). Amarelas a Ignasi Miquel (65’) nos locais e a Víctor Mena(74’) nos visitantes.
Incidencias: partido da 9ª xornada de Segunda División disputado no Anxo Carro ante 4.148 espectadores.

O debutante Mario Barco busca o gol nun remate coa testa.
O debutante Mario Barco busca o gol nun remate coa testa. | Fonte: lfp.es

Oitenta minutos tardou o Lugo en vencer a resistencia cordobesa, pero cos goles de Campillo e Mario Barco na recta final do choque acadou un triunfo máis que merecido. Terceira vitoria consecutiva no Anxo Carro, e quinta en nove xornadas de Liga, o que lle permite regresar ás posicións de promoción de ascenso. E outra boa nova para os lucenses: o agardado debut, e con gol, de Mario Barco na categoría.

O equipo lucense mantivo o seu once habitual co único troco respecto a Granada de Cristian Herrera por Nico Albarracín, pero estivo moi incómodo no arrinque de partido. O Córdoba, ao contragolpe, levaba máis perigo, menos mal que Jovanovic non estivo atinado nunha chegada á área lucense xa no minuto 5. Juan Carlos, o porteiro con máis paradas da categoría, detivo os disparos de Javi Lara e Sergi Guardiola. Mentres, o Lugo tardou en crear perigo, pero Kieszek, meta visitante, tivo que evitar o gol local en senllos remates de cabeza de Iriome. A calor no Anxo Carro, preto de 30 grados, propiciou que o ritmo baixase na recta final do primeiro acto.

Os lucenses saíron de vestiarios decididos a polo partido, e tiveron ata tres ocasións claras nos primeiros dez minutos: Iriome de disparo cruzado, Campabadal cun disparo que desviou Kieszek a córner e Polaco Fydriszewski cun remate preto do traveseiro. Francisco fixo debutar na categoría a Mario Barco, que axiña estivo a piques de marcar coa testa dentro da área pequena, pero foiselle por riba da meta. Nico Albarracín entrou por Cristian Herrera, e o Lugo atopou o premio a súa superioridade a falla de dez minutos, cun gol de Campillo tras un centro preciso de Edu Campabadal. O Córdoba deu entrada a Alfaro para buscar o empate, pero foi Mario Barco quen marcou o 2-0 e sentenciou o choque, no que foi o primeiro tanto dun dianteiro do Lugo nesta Liga.

A falla dos partidos de Osasuna e Valladolid, o Lugo é terceiro na táboa con 16 puntos. O Alcorcón, vindeiro rival (luns ás 21.00 horas).

Xogadores e afección felicitan a Mario Barco polo seu primeiro gol.
Xogadores e afección felicitan a Mario Barco polo seu primeiro gol. | Fonte: lfp.es
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta