O Dépor cae nas áreas

Florin Andone, que errou un penalti no último minuto, desperdiciou dous man a man co meta rival no arrinque do partido e un mal despexe de Rubén facilitou o primeiro gol do Real Madrid, que acabou vencendo 0-3.

Por gcdeportes | A Coruña | 21/08/2017 | Actualizada ás 01:28

Comparte esta noticia

Ficha técnica
RC Deportivo 0:
Rubén Martínez; Juanfran, Schär, Sidnei, Luisinho; Guilherme, Pedro Mosquera, Celso Borges (Adrián López, 65), Fede Cartabia (Borja Valle, 79), Bakkali (Bruno Gama, 54) e Florin Andone.
Real Madrid 3: Keylor Navas; Carvajal, Sergio Ramos, Nacho, Marcelo; Kroos, Casemiro (Marcos Llorente, 72), Modric; Gareth Bale (Lucas Vázquez, 80), Isco (Asensio, 66) e Benzema.
Goles: 0-1: Bale (minuto 20). 0-2: Casemiro (minuto 27). 0-3: Kroos (minuto 62).
Árbitro: José Luis González González (castelán). Expulsou por dobre cartón a Sergio Ramos no minuto 92. Amarelas a Bakkali (24'), Schär (53'), Fede Cartabia (61'), Pedro Mosquera (79') e Andone (87') no Deportivo e a Modric (minuto 57) no Real Madrid.
Incidencias: partido da 1ª xornada de Primeira División disputado no estadio Abanca Riazor ante 27.801 espectadores. Minuto de silencio pola memoria das vítimas dos atentados terroristas en Cataluña e polo ex-xogador deportivista Manolo Loureda.

Unha historia repetida. Errou Andone dous man a man co porteiro rival nos primeiros minutos, e marcou o Real Madrid na primeira que tivo tras un erro do meta deportivista Rubén Martínez. Antes da media hora, Casemiro marcou o segundo tras unha xogada con 40 toques dos madridistas e aí case acabou o partido. O Dépor, malia un remate de Andone que sacou Sergio Ramos, un disparo ao traveseiro de Guilherme e un penalti errado por Andone no último minuto, foi incapaz de marcar e o Real Madrid acabou firmando unha cómoda vitoria por 0-3.

O cóbado de Sergio Ramos na caluga de Borja Valle.
O cóbado de Sergio Ramos na caluga de Borja Valle. | Fonte: laliga.es

Pepe Mel aliñou o once previsto, coas novidades de Schär na defensa e Fede Cartabia e Bakkali nos extremos. O Dépor cedeu a posesión ao Real Madrid, pero tivo as primeiras ocasións con balóns longos ás costas da defensa rival. Andone tivo dous man a man con Keylor Navas, pero non definiu ben. E Guilherme probou cun disparo dende lonxe. Os deportivistas cumplían co guión de Pepe Mel, de obrigar ao rival a defenderse.

O Real Madrid tocaba pero non creaba perigo, ata que Rubén Martínez non atinou nun despexe a disparo de Modric, Benzema asistiu e Gareth Bale marcou o 0-1 só na liña de gol. Tan só cinco minutos despois, centro de Marcelo que se pasea pola área e Casemiro fai o 0-2 no segundo pau. Media hora, e o partido case finiquitado. Keylor Navas detivo outra tentativa máis de Andone.

Tralo descanso, o encontro rachouse tras unha lea entre Schär e Sergio Ramos, que lle deu unha labazada ao central deportivista e recibiu tan só unha amarela. Xa con Bruno Gama no campo, o central madridista evitou o gol de Andone ao deter o seu remate coa testa na liña de meta no minuto 59, e pouco despois, Kroos sentenciou o partido a pase de Gareth Bale.

Entraron Adrián López e Borja Valle, e o Dépor seguiu buscando o gol da honra, pero non tiña sorte. Un remate de Guilherme petou no traveseiro e nin de penalti foi quen de marcar Andone: despexou a córner Keylor Navas, pero o disparo ía fóra. Sergio Ramos autoexpulsouse coa segunda amarela tras sacar o cóbado nun salto con Borja Valle xa co tempo cumprido.

Andone errou un penalti no último partido xa con 0-3.
Andone errou un penalti no último partido xa con 0-3. | Fonte: laliga.es

O Real Madrid, que entre 1992 e 2008 non acadou ningunha vitoria en Riazor, leva agora cinco consecutivas. Co 0-3, o Dépor pode rematar a primeira xornada como pechacancelas. O vindeiro sábado, visita ao Levante.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Nexus 6

Es que el Real Madrid es demasiado equipo. De todas formas, es un orgullo competir contra el mejor equipo de nuestro país, de Europa y del mundo. Otra vez será.