Os erros amargan a estrea celeste

O Celta, no debut oficial de Juan Carlos Unzué no banco, perde 2-3 coa Real Sociedade en Balaídos tras encaixar dous goles nos últimos dez minutos, incluído un penalti dubidoso, e malia á esperanzadora estrea de Maxi Gómez, autor de dous goles.

Por gcdeportes | Vigo | 19/08/2017 | Actualizada ás 20:52

Comparte esta noticia

Ficha técnica
RC Celta 2:
Sergio Álvarez; Hugo Mallo, Cabral, Fontàs, Jonny; Radoja, Daniel Wass, Jozabed (Lobotka, 75'); Pione Sisto (hjulsager, 86'), Iago Aspas e Maxi Gómez (Tucu Hernández, 66').
Real Sociedade 3: Gerónimo Rulli; Odriozola, Elustondo, Raúl Navas, Kevin; Illarramendi, Zurutuza, Xabi Prieto (Agirretxe, 81'), Oyarzabal (Juanmi, 66'); Sergio Canales (Carlos Vela, 57') e William José.  
Goles: 1-0: Maxi Gómez (minuto 22). 1-1: Oyarzabal (32'). 2-1: Maxi Gómez (50'). 2-2: Juanmi (80'). 2-3: William José, de penalti (87').
Árbitro: Mateu Lahoz (valenciano). Amarelas a Maxi Gómez (48'), Jonny (80') e Hugo Mallo (85') no Celta e a Illarramendi (91') na Real Sociedade.
Incidencias: partido da 1ª xornada da Liga 2017-18 no estadio municipal de Balaídos ante 16.961 espectadores.

Non lle sentou nada ben a novidade dos paróns para hidratarse ao equipo de Juan Carlos Unzué. Tivo o triunfo nas mans e o partido baixo control, pero despois das pausas, perdeu ritmo e concentración, e pagou os erros propios cunha derrota inxusta por 2-3, de penalti dubidoso (sobre a fronteira da área) e no minuto 87.

Os xogadores da Real celebran o 2-3 da vitoria.
Os xogadores da Real celebran o 2-3 da vitoria. | Fonte: @laliga

A boa nova, os dous goles de Maxi Gómez no seu debut oficial en Balaídos. O dianteiro uruguaio adiantou o Celta por dúas veces, pero os erros de Sergio Álvarez na saída do balón permitiron a Real empatar nas dúas ocasións. Tralo 2-2 de Juanmi no minuto 80, Jonny errou nun control e cometeu falta sobre Carlos Vela. Mateu Lahoz non dubidou e sinalou a pena máxima. Foi o 2-3 definitivo para a Real Sociedade na estrea do Celta de Unzué na Liga 2017-18.

Coa única novidade de Maxi Gómez con respecto ao curso pasado, o Celta asumiu a iniciativa dende o arrinque, con Iago Aspas moi activo e con ata tres disparos perigosos do moañés á meta rival nos primeiros vinte minutos. A única dos donostiarras, unha falta directa de Sergio Canales no minuto 20. Dous minutos despois, Aspas abriu o xogo para Pione Sisto, que centrou ao segundo pau, Daniel Wass tocou coa testa e Maxi Gómez, atento e de costas, fixo o 1-0. O Celta tiña o control do partido, pero a pausa para refrescarse rachou o ritmo celeste, e un erro de Sergio Álvarez na saída do balón propiciou o empate cun disparo dende fóra da área de Oyarzabal. 1-1 ao descanso.

Nada máis principiar o segundo axcto, córner de Wass, toca Cabral coa testa no centro da área e de novo un atento Maxi Gómez resolve no segundo pau para facer o 2-1. O Celta baixou o ritmo pero mantivo a posesión e o control do encontro, con chegadas de Sisto e Aspas polas bandas, pero sen moito perigo. Tucu Hernández entrou por Maxi Gómez no minuto 65 e Aspas pasou a xogar na punta de ataque.

Tan só as dúbidas de Sergio Álvarez na saída do balón levaban incerteza á meta viguesa, pero o meta de Catoira evitou o empate nun disparo lonxano de Illarramendi. Os minutos pasaban sen maiores novidades, pero noutro erro na saída de balón, contra da Real, Jonny agarra a Vela sen éxito e o balón chegou á área celeste para que Juanmi puxese o 2-2.

Quedaban dez minutos, pero no canto do 3-2 chegou o 2-3, tras un erro de Jonny nun control, que lle obrigou a tirar a Carlos Vela sobre a liña da área. Penalti e William José marcou o 2-3 definitivo. Como na época do Toto Berizo, o Celta foi superior pero os erros defensivos propios  condenaron os de Unzué, que principiou a súa etapa celeste con derrota en Balaídos.

William José bate a Sergio Álvarez de penalti no minuto 87.
William José bate a Sergio Álvarez de penalti no minuto 87. | Fonte: @RCCelta

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta