Por gcdeportes | Vigo | 19/08/2017 | Actualizada ás 08:52
Mediados de agosto, e os primeiros puntos en xogo. Acabáronse os amigables e principia a Liga para o Celta de Juan Carlos Unzué, que debuta coa visita da Real Sociedade a Balaídos (18.15 horas). O obxectivo: confirmar as boas impresións do primeiro tempo ante o Roma, enganchar á parroquia celeste ao novo proxecto e de paso sumar tres puntos. Cómpre comezar con bo pé.
A principal novidade será precisamente o técnico navarro, que despois de ser axudante de Luis Enrique, no Celta e no Barça, debuta con 50 anos como primeiro técnico nun banco de Primeira coa difícil tarefa de facer esquecer a Eduardo Berizzo, que levou o Celta ás semifinais da Europa League. A outra novidade estará no once, obrigada pola lesión de John Guidetti, coa presenza na punta de ataque do uruguaio Maxi Gómez, que esta semana cumplía 21 anos.
O resto serán vellos coñecidos. Sergio Álvarez na portaría; Hugo Mallo, Cabral, Andreu Fontás e Jonny na defensa; Radoja, Daniel Wass e Jozabed (agora xa en propiedade) no centro do campo; e Pione Sisto e Iago Aspas para acompañar a Maxi Gómez. A outra cara nova do Celta, o centrocampista eslovaco Stanislav Lobotka, estará no banco.
Compartirá moitos trazos da súa identidade o Celta de Unzué co do seu predecesor: ser protagonista coa pelota, a saída tocando ou a presión alta tras perda de balón. A principal diferenza, a defensa zonal. O técnico navarro sostén que o Celta chega nun bo momento ao comezo da Liga, cunha pretempada “de menos a máis” e pechada coa goleada 4-1 ao Roma.
“No aspecto anímico non é doado chegar mellor. Tivemos unha pretempada moi progresiva, non me podo queixar de como chega o equipo a este partido, aínda que obviamente a nivel futbolístico temos moitas cousas por facer”. O adestrador celeste non dubidou en calificar á Real Sociedade de Eusebio como un dos equipos “máis completos” do campionato. “A Real é un equipo ao que lle gusta ter a pelota, que tenta ter o control do xogo e ten unha boa presión tras perda. É un equipo con todas as letras”, apuntou Unzué, preocupado pola alternancia de xogo en curto e profundidade dos donostiarras, que este ano, como o Celta o ano pasado, regresa a unha competición europea.
“Non vai haber moito tempo para pensar, haberá que mover a pelota con certa velocidade. E creo que o desgaste dese xeito de xogar pode ser determinante na segunda parte se algún dos dous equipos non racha antes o partido”, sentenciou sobre a Real Sociedade, que se presenta en Balaídos co mesmo bloque do curso pasado e coa baixa do central Iñigo Martínez.
Leganés (1-0 ao Alavés) e Valencia (1-0 a As Palmas) foron os primeiros en sumar puntos o venres na Liga 2017-18. O Celta de Juan Carlos Unzué busca ser o terceiro que sume tres. Para comezar con bo pé.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.