Galegos para o Mundial de Racice

Roi Rodríguez, Rodrigo Germade, Daniel Durán e Camila Morison, clasificados para o vindeiro Campionato do Mundo de piragüismo na República Checa. Súmanse a Teresa Portela, Adrián Sieiro e Sergio Vallejo, Carlos Arévalo e Cristian Toro.

Por gcdeportes | Pontevedra | 11/08/2017 | Actualizada ás 08:57

Comparte esta noticia

Nove padexeiros galegos teñen garantida a súa presenza no vindeiro Mundial de Piragüismo de Racice tralas probas selectivas realizadas na pista olímpica do encoro de Trasona, en Avilés. Roi Rodríguez, Rodrigo Germade, Daniel Durán e Camila Morison acadaron praza na xornada do venres e súmanse a Teresa Portela, Adrián Sieiro e Sergio Vallejo e Carlos Arévalo, que a acadaron o xoves. O campionato mundial de Racice celebrarase do 23 ao 27 de agosto na República Checa.

Teresa Portela, clasificada para o seu 12º campionato mundial.
Teresa Portela, clasificada para o seu 12º campionato mundial. | Fonte: fegapi.org

Roi Rodríguez, do Kayak Tudense, impuxo a súa condición de favorito e gañou con solvencia na final de K-1 1.000 metros para clasificarse para Racice. “Clasificado para el Mundial de Racice en K1-1000m. Muy contento de poder participar en mi 1er mundial absoluto en distancia olímpica”, foi a súa mensaxe en twitter para celebrar a clasificación.

No C-1 1.000 metros, o triunfo foi para Adrián Sieiro, seguido do seu compañeiro do Piragüismo Poio e parella no C-2, Sergio Vallejo. Pero ambos os dous competirán no C-2 1.000m en Racice, polo que a praza será para Daniel Durán, do Kayak Tudense, terceiro na liña de meta.

Mentres, Rodrigo Germade, do Ría de Betanzos, obtivo billete no K-2 500 metros xunto ao campión olímpico Marcus Cooper. Na mesma proba, pero en categoría feminina, Camila Morison (Náutico Pontecesures), acompañada no K-2 pola catalá Laia Pelachs, acadou praza para o mundial checo.

Xornada do xoves

A primeira regata do xoves foi a de C2 1000 metros, na que a embarcación do Club Piragüismo Poio formada por Adrián Sieiro e Sergio Vallejo gañaba con autoridade cun tempo de 3:42,468, avantaxando en 1,9 segundos aos segundos clasificados, Mohssine Moutahir e Gonzalo Martín. Máis atrás chegaron Tono Campos e Diego Romero. Sieiro e Vallejo firman deste xeito a súa primeira participación nun mundial absoluto.

Teresa Portela volvía á competición despois de dous meses de ausencia e fíxoo gañando a final no K1 200 metros cun tempo de 40,335. Non o tivo doado coa asturiana Sara Ouzande, que cruzaba a liña de meta a tan só 193 milésimas. Con este resultado, a padexeira do Morrazo participará no seu 12º campionato mundial.

A distancia curta do K1 200 metros masculinos terá como representante na cita de Racice ao padexeiro do Club Náutico de Betanzos Carlos Arévalo. O betanceiro acadou a vitoria de xeito contundente sobre os seus rivais, gañando a proba cun tempo de 35,319 segundos.

Non puideron clasificarse Roi Rodríguez e Rubén Millán na final de K2 1000 metros. A parella tudense chegou aos últimos 200 metros con opcións, pero un forte cambio de ritmo de Francisco Cubelos e Íñigo Peña permitiulles gañar a proba. Ambos os dous teñen este venres outra posibilidade de acadar o obxectivo mundialista na final do K1 1000 metros. Nesta proba tamén estará Oscar Carrera, do Náutico Betanzos.

Por outra parte, Cristian Toro tiña que participar na final do K2 200 metros formando parella con Carlos Garrote. A non comparecencia da outra piragua inscrita, outorgalles a posibilidade de competir no Mundial.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta