E se España fose un estado parcialmente fallido?

Ao pontevedrés Prof. Alvaro Mira. España, un estado fallido? Con helicópteros vixiándonos, Facenda a controlarnos o último euro e furgóns policiais patrullando até as cidades máis tranquilas? Absurdo!

Por A.C. Pereira-Menaut | Compostela | 03/02/2017

Comparte esta noticia
Si, sona absurdo, pero ben pensado, a realidade deste “protectorado alemán que tolea por falar inglés” chamado España aconsella respostar co céltico “depende”.  En defensa, economía, moeda, emprego, demografía ou cultura, a incapacidade de España é clara.  Diante dunha ameaza seria, España non garantirá a sua integridade territorial ou a seguridade da poboación nin durante un día, por moito que no tren Coruña-Santiago un scanner escudriñe a miña carteira como se diso dependese a paz mundial (supoño que levará un rexisto dos contidos do meu bocadillo cotiá).  En economía, a súa capacidade para sacarnos por si mesma da crise é —sendo benévolos— ruín, e respecto da moeda, sobran comentarios.  E no desemprego?  A impotencia do estado para rebaixalo, nun futuro razoable, ao 10% (que nos USA provocaría unha revolución) é clara.  Pasemos, logo, á demografía: no pasado, quizais España puido, pero non quixo, afrontar o problema; hoxe non pode garantir a substitución xeracional e non frea o despoboamento nin o envellecemento, agás en Madrid.  E en cultura?  Pois nonembargantes as aparencias e fastos, o inglés penetra no español como un coitelo a manteiga (na realidade, é o idioma máis promocionado en España con diferencia).  Hai cinco anos, ninguén coñecía o Black Friday; hoxe, ninguén o descoñece.
 
Imaxinemos, agora, que o estado é unha persona.  E preguntémoslle, “Oia, ten vostede algún plan para impedir, a medio prazo, a despoboación de Soria, Lugo, Huesca, etc.?”  Evidentemente, non.  E para redistribuír a marmelada da riqueza pola tostada de todo o territorio español?  Tampouco.  E para reindustrializar España, poñamos, en 15 anos, de xeito que a xente nova non emigre?  Ou, por acaso, para frear o deterioro do estado social?  E así poderíamos seguir.
 
Respostaraseme que iso non é un estado fallido, senón un estado federado ou un membro da UE.  E con razón, pero non toda.  Certamente que se alguén pon en común parte da súa soberanía para formar os USA, ou a UE, non se converte eo ipso en estado fallido, especialmente se antes non existía ou non tiña soberanía que hipotecar (así, Utah, Eslovenia, ou se unha Cataluña independente entrara na UE).  Pero o xuízo non será o mesmo se quen hipoteca a súa soberanía é un estado veterano.  Un estado maduro que ingrese na UE debería conservar non menos autogoberno que Quebec, non menos soberanía tributaria que Delaware; non menos capacidade de co-gobernar a nave común que Alemaña, non menos capacidade de bloqueo e auto-defensa que a pequena Wallonia, non menos control sobre a súa constitución que California, e así.
 
Ollémolo doutro xeito.  Que un sexa incapaz de solucionar por si só o quencemento global non implica ser un estado fallido, nin siquera parcialmente, pero ser incapaz de atender os fins irrenunciables dunha comunidade política (así, protección da súa xente), si.  E nos campos onde a incapacidade fose seria ou irreversible (defensa, emprego, etc.), teríamos un estado fallido.  O estado español comportouse como tal ao non defender (se é que non castigar) o modelo español de universidade, ou os autónomos e os pequenos comerciantes españois.
Tamén estamos diante dun estado fallido cando en certos territorios —p. ex., nalgunhas áreas de Colombia ou México, que noutros aspectos son auténticos estados— sentimos que “é como se non houbera estado”.  Na España non hai territorios, pero si materias nas que é case como se non houbera estado porque non implica gran diferenza, ben pola súa incapacidade (defensa), ben por consentir (Bolonia, políticas europeas anti-crises).  No último caso, non é que non haxa sobre nós un poder (e ben pesado, ademais) senón que, aínda que pareza ser o do noso estado, non é senón un terminal doutro poder superior.  Isto non produce estados fallidos sensu stricto senón estados-brazos executores ou delegados que algún día, de seguir nese camiño de meros axentes, poderíanse virar prescindibles.  Para recibir as chamadas telefónicas de Bruxelas e executalas aquí, incluso implacablemente, bastaría unha colonia ben organizada.  Para controlarme a min, como ao 99 por cen da xente, non compre estado ningún; cun pouco de tecnoloxía e de totalitarismo postmoderno e soft, abonda.  Recentralizar, controlar e baleirar de contido ás comunidades autónomas non ten moito mérito porque non é senón facerse forte diante do feble (con excepcións).  E tampouco refuta estos argumentos a indiscutible capacidade de control, pois exércese sobre unha poboación máis anestesiada e vixiada que en 1975.  Porén, que o orzamento ocupe máis e máis do PIB, ou que a poboación e renda de Madrid non paren de medrar, non fan ao estado “España” ser menos fallido.
 
Rematemos.  Para percibir os defectos, mesmo xenéticos, de España non compre ser moi antiespañol nin particularmente pesimista.  Abonda con reler a Ortega y Gasset de cando en vez.  Non era un anarquista, nin nacionalista periférico, pero era moi perspicaz.  E de aquelas non había corrección política.  
 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Antonio Carlos Pereira-Menaut É Catedrático de Dereito Constitucional na USC. Tamén é director da Cátedra Jean Monnet de Dereito Constitucional europeo.Ocupouse de Teoría Política, Teoría Constitucional, Constitucionalismo Comparado (sobre todo, inglés), e Federalismo, Autonomía e organización territorial. É un gran coñecedor do proceso de constitucionalización da Unión Europea.