Como tratar os sucesos traumáticos que nos bloquean en aspectos da nosa vida?

O EMDR é unha técnica de tratamento psicolóxico a través da que se realiza unha desensibilización e reprocesamento por medio de movementos oculares ou estimulación bilateral, pode ser moi eficaz para superar acontecementos traumáticos. A psicóloga do CHUAC Anabel González explica no I Congreso Nacional de Psicoloxía nas Emerxencias como os traumas poden paralizarnos e como se poden tratar.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO | 03/05/2024 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

O cerebro humano é complexo. Somos o conxunto de episodios, circunstancias e sucesos que nos acontecen ao longo da vida. Calquera cousa, por pequena que semelle, é susceptible de provocar unha resposta en nós, aínda que moitas veces non sexamos conscientes diso, e mesmo aínda que esa resposta non chegue no momento, senón días, semanas, meses ou anos despois. Os nosos recordos forman parte da nosa persoa e modelan tamén a nosa personalidade, recordos que ás veces somos quen de lembrar e outras non de primeiras. E, como é lóxico, non todos os acontecementos da vida son felices, o ser humano tamén se enfronta a moitos sucesos traumáticos para el: falecemento dun ser querido, catástrofes humanas ou ambientais, pandemias, enfermidades, accidentes... A lista é longa. Pouco a pouco estas cousas poden facer que unha persoa se bloquee nun aspecto concreto da súa vida, como se non fose quen de superalas, o que viría a ser un trauma.

EMDR, terapia para o tratamento de traumas
EMDR, terapia para o tratamento de traumas | Fonte: Commons

Anabel González, psicóloga no Hospital Universitario da Coruña (CHUAC) que coordina o Programa de Trauma de Disociación, orientado a pacientes con traumatización grave, nunha das conferencias do I Congreso Nacional de Psicoloxía nas Emerxencias organizado polo Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia explica como o EMDR (Eye Movement Desensitization and Reprocessing), unha técnica de tratamento psicolóxico a través da que se realiza unha desensibilización e reprocesamento por medio de movementos oculares ou estimulación bilateral, pode ser moi eficaz para superar acontecementos traumáticos. O primeiro a ter en conta é que "cando traballamos nunha consulta en xeral non só traballamos con persoas que arrastran unha situación traumática definida, senón con persoas que veñen e nas que buscamos os recordos conectados coas emocións que traen", é dicir, "non sempre é algo evidente".

Os traumas inflúen en moitas enfermidades mentais que logo se desenvolven co paso do tempo e que moitas veces non somos quen de asociar, como a depresión: "o paciente con depresión non vén e che di que ten un trauma, senón que está decaído e non sabe por que, temos que traballar sobre recordos episódicos consolidados, pero mal consolidados" para atopar a base do problema. Seguidamente, a psicóloga chama a non confundir o EMDR con outras cousas, pois "hai toda unha serie de lendas urbanas" e "non calquera cousa que implique movementos oculares é EMDR". E pon o exemplo de moita xente que en redes sociais puxo de moda o coñecido como 'abrazo de mariposa', "un tipo de estimulación que se pensou nun comezo para nenos e que agora todo o mundo pensa que serve para que a xente se relaxe", algo ante o que González protesta moito.

Como tamén hai profesionais que "din que fan EMDR pero o que fan non se asemella aos protocolos estandarizados, mesmo persoas que fixeron un curso e saben perfectamente o que é o EMDR e en que consiste pero que ao comezar a aplicalo se poñen creativos e fan cousas que non son o mesmo, que funcionan dalgún xeito, pero que non son EMDR". Co EMDR "vamos a traballar sobre o pasado e os eventos que nel aconteceron, pero tamén sobre o presente e futuro, porque nós realmente estamos traballando sobre o presente, co recordo que aínda agora está almacenado nas redes neuronais da persoa e producindo influencia sobre ela, pero sempre imos tentar ver cal é a información que a persoa non foi quen de procesar, para traballar sobre ela". En xeral, sempre se buscarán no pasado recordos conectados coas situacións que no presente se queren traballar e sobre os cambios que no futuro queremos que se produzan tras ter realizado ese traballo.

"CO EMDR O QUE FACEMOS É DESBLOQUEAR EXPERIENCIAS, XA SEXAN NEGATIVAS OU POSITIVAS"

EMDR, terapia para o tratamento de traumas
EMDR, terapia para o tratamento de traumas | Fonte: Adobe Stock

Dependendo de se a situación traumática a traballar é máis ou menos recente, traballarase máis sobre o pasado ou menos, porque se está moi activa nese momento do presente o que se procurará é baixar o nivel de activación. Máis en concreto, co EMDR o que se vai facer é "coller un recordo aillado nunha esquina que non está conectado co resto de redes de memoria e conectalo para que estea en interrelación con elas", explica a doutora, de maneira que "ás veces tamén dicimos que o que facemos é desbloquear experiencias". E esas experiencias adoitan ser negativas, pero non só, tamén poden ser positivas, en xeral son "recordos aillados e conxelados no tempo". Adoitase falar dos traumas, pero ese tamén é un concepto difícil de definir, habendo unha ampla variedade de definicións, algunhas máis restritivas e outras que practicamente chámanlle trauma a calquera cousa. Por iso no EMDR "fálase máis de memorias patoxénicas que de trauma, é dicir, de calquera experiencia que non se procesase ben no seu momento".

Por poñer un exemplo moi palpable, a psicóloga do CHUAC trae a colación a serie 'This is Us', onde á protagonista mórrelle o pai, a rapaza ten un trastorno alimentario e a morte do pai inflúe sobre o desenvolvemento desa enfermidade. Pero non só, tamén a relación cunha nai que estaba moi enriba dela todo o tempo para que comese, ese pulso relacional non é un trauma, pero si unha situación que influía sobre ela. De feito, "hai unha memoria co pai que se quedou conxelada no tempo, o recordo de estar con el comendo xeados, e mentres a nai lle berraba, o pai a levaba comer xeados". "Iso é unha memoria patoxénica", exemplifica, e engade que "a estimulación bilateral fará que esas memorias deixen de estar ailladas e se poidan conectar con outras redes neuronais".

González advirte de que "cando traballamos con EMDR vai mellorar o recordo traumático ou a situación que esteamos traballando, pero vaise producir un procedemento que se xeneralizará, e queremos que esa xeneralización sexa o maior posible, para que esa resposta se difunda ou se espalle". Así, en situacións de estrés agudo, onde hai certos ingredientes que afectan á persoa, á súa identidade e ao seu autoconcepto, "se melloramos o recordo incluíndo estes ingredientes lograremos que todas as situacións nas que se active ese recordo vaian a mellor sen que traballásemos previamente sobre elas en concreto". Exemplos? Todas esas situacións que nalgún momento a moitas persoas lles fixeron pensar que non valían para determinadas cousas ou esas outras nas que recibiron comentarios negativos sobre cousas que facían que lles levaron a deixar de facelas.

"AS MEMORIAS PATOXÉNICAS NON SE ASOCIAN A UNHA PATOLOXÍA: A FORMA DE TRABALLAR UN TRASTORNO ALIMENTARIO OU UNHA ADICCIÓN NON É TAN DIFERENTE"

Despois de entender isto, a pregunta é: que é iso da estimulación bilateral? Xeralmente baséase no seguimento cos ollos da persoa que está en terapia dos dedos do terapeuta. Pero o EMDR tamén pode incluír o coñecido como 'tacting', é dicir, o tacto, xeralmente traballando sobre as mans da persoa para axudala a controlar situacións, como acontece no caso do 'abrazo de mariposa'. E mesmo se emprega estimulación auditiva. Con todo, González asegura que "dos tres sistemas este último é o que menos eficacia demostrou ter". Ademais, o EMDR non serve só para un tipo de patoloxía, senón que "estas memorias patoxénicas estarían vinculadas a todo tipo de patoloxías", de tal maneira que "a forma en que traballamos uns cadros clínicos ou outros non é tan diferente: non é tan diferente a forma en como traballamos unha adicción que a forma en como traballamos un trastorno alimentario, aseméllase moito máis do que se diferencia no que se refire a procedementos de EMDR".

Inevitablemente, e polo mero feito de ser humanos, todos temos traumas, memorias patoxénicas, experiencias que, polas súas características, significado e momento o noso sistema nervioso non foi quen de activar e procesar ben, polo que quedan nel mal procesadas e fan unha interferencia no seu funcionamento. Polo xeral, todas as persoas xa sexa por experiencia propia ou polas relacións que mantiveron con outras persoas teñen unha bagaxe que poden usar, aínda sen ser conscientes. Pero, que acontece se eu dentro da miña historia teño unha primeira situación na que tiven que afrontar unha dificultade cando aínda non tiña idade nin recursos para facelo e na miña familia non me puideron axudar? "Esa experiencia en vez de servirme para darme recursos fai que me bloquee diante dunha situación semellante que sabería manexar se non fose por iso", explica González, que engade que "esa experiencia non de todo resolta funciona como un lastre, como un bloqueo". 

ANGROIS: "HOUBO ALGÚN PACIENTE QUE SE QUEDOU PILLADO CON QUE NON HOUBESE UNHA REPARACIÓN A NIVEL INSTITUCIONAL, NON CO ACCIDENTE EN SI"

Ante unha situación de crise, hai persoas con repercusión lóxica ante un trauma importante, unha catástrofe ou algo similar, que saben reaccionar, e hai xente que se bloquea máis, que non é que teña sintomatoloxía no momento, pero que se queda sen reaccionar e iso pode facer que a persoas derive nunha sintomatoloxía crónica. "Iso depende moito do que está pasando nese momento, pero tamén de cousas que aconteceron antes", apunta a psicóloga. Ante traumas interpersoais con influencia máis grave, como poden ser accidentes ou catástrofes, hai persoas que non seleccionan no seu trauma o peor no accidente como tal, no momento do impacto, senón por exemplo o verse soas no hospital sen que ninguén lles faga caso. González pon como exemplo o accidente de tren de Angrois, onde "houbo algún paciente que se quedou particularmente pillado con que non houbese reparación a nivel institucional, máis que co accidente en si".

Tamén hai que ter en conta que non só é traumático o que nos pasa a nós directamene a nivel persoal, senón tamén o presenciar o que lle acontece a outros. "Ao estar expostos a situacións de sufrimento e trauma tamén estamos expostos a que se nos filtre dalgunha maneira", indica a psicóloga. Isto é algo que lle pode acontecer, especialmente, aos psicólogos que traballan diariamento con pacientes con estes traumas, porque "chega un momento no que se non traballamos coa nosa propia traumatización acumulada podemos reaccionar demasiado ante cousas independentemente do calibre ou, pola contra, insensibilizarnos e facer o traballo dunha maneira mecánica". Ambas as dúas vertentes son un problema para o correcto exercicio da profesión. E non só é cousa de psicólogos, tamén están expostos a iso veterinarios, traballadores sociais, xornalistas... Todas aquelas profesións que traballan contemplando ou intermediando no sufrimento dos demais.

"AS EMOCIÓNS SON DE QUITA E PON, NON ESTÁN FEITAS PARA QUEDARSE, UNHA VEZ PASAN DEIXAN OCO PARA AS QUE CHEGARÁN, PARA NON INTOXICARNOS"

Como explica González, "a maior parte das cousas que nos acontecen o noso cerebro ten mecanismos para procesalas, así que esas cousas que nos afectan, fano nun primeiro momento e co paso do tempo menguan". Isto pode acontecer con calquera cousa que vivamos. Ás veces a xente pode preguntarse: se isto é tan grave, como me vai deixar de doer? Como por exemplo pode suceder con unha morte. A psicóloga asegura que "as emocións son de quita e pon, non están feitas para quedarse, unha vez pasan deixan oco para as que chegarán mañá, pois de non ser así intoxicámonos de emocións e chegará un punto no que xa non saibamos nin o que sentimos, teremos como un bidón de residuos radioactivos dentro". Ante situacións de alto impacto nas que ese recordo se queda atascado, "o máis complicado non é que facer con ese recordo, senón como atopar cales son os recursos e como axudo á persoa e lle fago saber que eso si é importante aínda que moitas veces el non o crea e nos dea a típica resposta de: eso xa o teño superado".

O EMDR é en xeral un proceso de oito fases: fase de historia clínica e planificación (fase 1), fase de preparación (fase 2), fase de evaluación (fase 3), fases de desensibilización (fases 4-5), fase de instalación (fase 6) e fase de escaneo do corpo (fase 7). A psicóloga do CHUAC critica que moitas veces "explícase o EMDR como se fose unicamente desensibilización con movementos oculares, e iso era así ata que chegou o 'R' de reprocesamento, é dicir, todo o proceso asociativo e de integración, que vai máis aló da desensibilización". Ademais, hai que ter en conta que nestas sesións "conéctase co recordo só o xusto para sacar os elementos do recordo e seguindo o fío do que lle vaia vindo ao paciente, pero o paciente non ten que quedarse conectado coas emocións nin co recordo inicial". "Co recordo inicial nunha sesión non pasamos máis de cinco minutos, o cal non é tempo suficiente para que haxa unha resposta de habituación", asegura González. O obxectivo, por tanto, non é que se reviva o recordo e se volva a reexperimentalo.

Anabel González, psicóloga no CHUAC
Anabel González, psicóloga no CHUAC | Fonte: anabelgonzalez.es
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta