A patronal galega reclama "axilidade" no traspaso de medios a Galicia para o desenvolvemento da lei de litoral

Vieites chama a "recuperar o tempo perdido" para unha "xestión activa".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/04/2024 | Actualizada ás 13:47

Comparte esta noticia

O presidente da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), Juan Vieites, reclamou "axilidade" ao Estado no traspaso de medios a Galicia para o desenvolvemento da lei de litoral. Así se pronunciou en rolda de prensa, celebrada na compostelá sede da patronal galega, para valorar "a boa noticia" da recente sentenza do Tribunal Constitucional (TC) que avala a lei galega que fora recorrida polo Goberno central. Agora, Vieites chama a "recuperar o tempo perdido" por este atraso na súa aplicación ao estar suspendida a norma durante varios meses.

Tras a reunión da Comisión Mar-Industria da CEG, apelou a que o "diálogo e consenso" que pasen por unha cooperación entre Goberno e Xunta para pór a disposición de Galicia os medios de cara a unha "xestión activa". Para iso avoga por unha proposición parlamentaria na que se "concrete" estes medios materiais e persoais. "Agora toca traballar como se fai esa transferencia e pór en práctica canto antes, con axilidade", afirma.

Deste xeito, incide en que a resolución do Constitucional achega "seguridade xurídica". De tal forma, desexa "sorte ao novo goberno da Xunta", xa que "os seus éxitos serán os de todos os galegos". Remarca que o de mar-industria é "un sector estratéxico" que abarca a máis de 40.000 persoas e máis de 9.000 millóns de euros de actividade económica.

COORDINACIÓN

Nesta liña, a patronal aplaude "contar cun sistema de coordinación" a través do Foro do Litoral que impulsará a Xunta, tamén coa participacón dos sectores implicados. Así mesmo, a patronal insta o Goberno central a que estableza unha mesa de análise e negociación cos sectores afectados, para que a regulación poña en equilibrio a protección e conservación do medio natural galego e o desenvolvemento socioeconómico, especialmente ante calquera reforma, como a do regulamento da Lei de Costas que non debe supor "un paso atrás" e sexa "amigable" co sector.

A continuación, o presidente da Cooperativa de Armadores de Vigo (ARVI), Javier Touza, expresou que nesta decisión do TC ponse en valor a "unidade" da "colaboración público-privada" que houbo en Galicia entre Xunta e sector en defensa da lei, a cal "non invade ámbitos de competencia" da Lei de Costas e suporá "un precedente moi importante" para outras autonomías. Precisamente, sobre o regulamento da Lei de Costas asegura que existe "preocupación" pola "enorme importancia" que o Ministerio para a Transición Ecolóxica outorga a "criterios medioambientalistas", polo que pide un equilibrio entre a protección ambiental e a actividade socioeconómica ao longo de 2.500 quilómetros de costa.

Praia de Cobas, a 20 de outubro de 2023, en Ferrol
Praia de Cobas, a 20 de outubro de 2023, en Ferrol | Fonte: Raúl Lomba - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta