Reaccións reflexión Sánchez.- Rueda fala dunha "performance" e critica a "victimización": "Isto debe acabar o luns"

BNG e PSdeG critican a "lama" e o "modus operandi" do PP e Vox na política. Acusan á nova dirección do PP de Feijóo de "enlamar" a vida política.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/04/2024 | Actualizada ás 12:42

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta e líder do PPdeG, Alfonso Rueda, cualificou este xoves de "performance" a carta do xefe do Executivo central, Pedro Sánchez. "É unha enorme irresponsabilidade", reflexionou e, tras acusar ao dirixente socialista de "victimizarse", lanzou un dobre aviso: debería dar "explicacións" e "isto ten que acabarse o luns de forma definitiva". En declaracións aos medios tras participar no acto de toma de posesión de novos cargos de Presidencia, Rueda criticou con dureza o paso dado por Sánchez ao deixar ao país cinco días pendente da decisión do xefe do Executivo central.

O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta
O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta | Fonte: DAVID CABEZON @ XUNTA

"A verdade é que me parece bastante incrible, aínda o estamos asimilando. A primeira reacción é que creo que nin España nin Galicia se merecen isto. Todo un presidente do Goberno, da nosa nación, coas responsabilidades que isto supón, que de súpeto anuncia que se vai a tomar cinco días de reflexión, de desaparecer, e que decidirá que facer sobre o seu futuro", sinalou. "Sinceiramente, non me parece serio en absoluto", apostilou, antes de recalcar que sobre a mesa hai "uns feitos" e que o que tería que facer o mandatario estatal é "dar unha explicación canto antes" e ser "claro", non "retirarse cinco días" nos que España "non vai ter presidente do Goberno".

"PLANIFICACIÓN POR INTERESE PERSOAL"

Nesta conxuntura, recoñeceu ter "a sensación" de que os pasos de Sánchez responden "a unha planificación e a un interese persoal" do propio Sánchez. "Desde logo non aos intereses do país nin aos intereses de Galicia. É unha enorme irresponsabilidade nestes momentos. Ten que dar explicacións", esgrimiu. A xuízo de Rueda, o presidente do Goberno ten "todo o dereito a tomar as decisións que sexa", pero censurou a "performance" e salientou que, "se considera que as acusacións son falsas", debe "dar un paso á fronte para responder, explicar e dar a súa versión" dos feitos.

Pero no canto desa comparecencia pública que, ao seu modo de ver, debería protagonizar, lamentou que o presidente socialista optase por "xerar incerteza, desconcerto e deixar a todo un país de case 50 millóns de habitantes sen presidente do Goberno durante, en principio, cinco días". "E despois xa veremos o que pasa", continuou, para lanzar unha advertencia, despois de incidir en que desde o exterior "todos" observan o que sucede en España e a súa situación de "falta de estabilidade institucional": "Isto tense que acabar o luns de forma definitiva".

"VICTIMIZACIÓN" E "INCERTEZA"

Rueda proclamou que a carta de Sánchez non fai "ningún favor" á situación da clase política e, preguntado sobre a conxuntura de 'xogo sucio' na que o líder do PSOE pon o foco, criticou "a victimización" e incidiu en que debería substituír a súa postura por "unha comparecencia, ofrecendo transparencia fronte a feitos que están encima da mesa". Con todo, subliñou que colgar unha carta en redes sociais na que combina acusacións con "victimización" só contribúe a "a incerteza" e non lle fai "ningún favor" nin á clase política nin ao país.

MOCIÓN DE CONFIANZA?

Preguntado acerca de como vería a posibilidade de que Sánchez optase por someterse a unha moción de confianza no Congreso, evitou un pronunciamento claro co argumento de que dado "o abismo de incerteza" ao que, baixo o seu punto de vista, conduciu Sánchez, é "moi difícil facer predicións". E reafirmouse en que, ademais, o país non debería estar pendente dunha situación de "incerteza" asumindo como válido o prazo "de cinco días" dado por Sánchez.

"Non deberiamos estar así estes cinco días e, desde logo, non podemos estar así a partir do luns, collendo o prazo do propio Sánchez. Espero que agora reflexionase. Isto tense que acabar o luns e de forma definitiva, é unha situación que o país non viviu xamais", instou. De feito, recomendoulle que peche este episodio "dando explicacións e defendéndose, se é que se quere defender". "Supoño que reflexionaría sobre o que provocou. Outra cousa é que recoñeza que non foi unha boa decisión", concluíu.

PONTÓN: "EN GALICIA COÑECEMOS MOI BEN AS CAMPAÑAS SUCIAS DO PP"

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, trasladou o seu apoio ao titular do Executivo central, Pedro Sánchez. "En Galicia coñecemos moi ben as campañas sucias do PP, así que toda a miña solidariedade co presidente do Goberno no persoal e no emocional". "Sempre merece a pena loitar por unha sociedade mellor ante quen pensa que en política todo vale", agrega nunha mensaxe na súa conta oficial da rede social X este xoves.

FORMOSO: PIDE QUE CESE A POLÍTICA DE "ENLAMAR" DO PP E VOX

Socialistas e nacionalistas criticaron duramente ao PP e Vox por prestarse ao xogo de determinados poderes mediaticos de enlamar a vida política tras a denuncia presentada contra a muller do presidente español, Pedro Sánchez. Neste sentido, o secretario xeral saínte do PSdeG e presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, manifestou que entende a decisión do presidente Sánchez  tras a carta na que critica "a lama na que a dereita e a ultradereita pretenden converter a política".

A preguntas dos xornalistas, nun acto na sede provincial, Formoso considerou que Sánchez actúa dunha forma moi "sincera". "Traspasáronse todas as liñas vermellas que o PP nunca cruzara de forma tan rotunda", indicou. "Xa abonda", dixo ao situar o ocorrido como resultado dunha política de "enlamar" da que responsabilizou, particularmente, á actual dirección do Partido Popular co seu presidente Alberto Núñez Feijóo.

PEDRO BLANCO: SÁNCHEZ "FAI AGORA MÁIS FALTA QUE NUNCA"

O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, puxo en valor a decisión "valente", que pediu "respectar", e asegurou que o líder do PSOE "fai agora máis falta que nunca". O delegado trasladou toda a "solidariedade" a Sánchez e pediu "respectar" unha decisión "moi persoal". "Pero sobre todo valente, para dar un paso e dicir onde estamos a ir con esta política", manifestou.

Pedro Blanco sostivo que "non todo vale" e que os políticos son "persoas" que teñen detrás a "familias", unha parte que se debe "respectar". O delegado lamentou que en España se chegase a unha situación na que "todo vale para a dereita" e a "extrema dereita" co obxectivo de "enfangar" e mostrou o seu desexo de que o paso dado polo presidente sirva de "punto de inflexión" para que a cidadanía se reformule "se todo vale".

JOSÉ TOMÉ: SOLICITA AO PRESIDENTE "UN NOVO ESFORZO DE RESISTENCIA"

O secretario xeral do PSdeG na provincia de Lugo, José Tomé, trasladou persoalmente o seu "humilde apoio" ao presidente do Goberno a través dunha mensaxe no que solicitou ao líder dos socialistas "un novo esforzo de resistencia" para evitar que "os embarradores" cheguen ao Goberno "sen merecelo". Na citada mensaxe, remitida polo presidente da Deputación de Lugo, Tomé manifestou ao presidente do Goberno a súa "enorme sorpresa" e a súa "preocupación" polo anuncio, para acto seguido trasladar ao dirixente a súa solidariedade.

Tomé, que lembrou ao líder do Executivo español que a campaña que levou a Feijóo á presidencia da Xunta en 2009 estivo fundamentada en "dúas mentiras" ("que Touriño comprara un coche oficial blindado moi caro" e que o conselleiro Méndez Romeu adquirira "unhas cadeiras moi caras para a súa Consellería supondo un malgasto"). "Hai múltiples casos de investigación ou imputacións sobre cargos socialistas que ao final foron absoltos ou arquivados, non podendo recuperar os seus cargos, o que supón unha inxustiza maiúscula. Por favor, non caias no mesmo erro, pídocho por favor", concluíu Tomé.

LARA MÉNDEZ: "A DE FEIJÓO SERÁ LEMBRADO COMO A OPOSICIÓN MÁIS SUCIA"

Pola súa banda, a vicesecretaria xeral do PSdeG, Lara Méndez, trasladou o apoio dos socialistas galegos a Pedro Sánchez, e asegurou que o PP de Alberto Núñez Feijóo será lembrado como a "oposición máis sucia da historia contemporánea de España". Nunha rolda de prensa ofrecida este xoves no Parlamento de Galicia, a que fóra alcaldesa de Lugo dixo que o paso dado por Pedro Sánchez supón unhas "reivindicacións, en toda regra, da política limpa, da política de non todo vale". A tamén viceportavoz parlamentaria dos socialistas asegurou que España está adoitada á "radicalización da dereita, aos insultos. "E os ataques á familia do presidente non son nada novo, xa sucedeu tamén co presidente Zapatero", afirmou. 

E tamén falou de estratexias que chegaron a Galicia. "Todos nos acordamos dos coches, das cadeiras, e mesmo dos ataques persoais ao vicepresidente Quintana", dixo Lara Méndez en referencia á campaña feita por Feijóo contra o goberno bipartito. "Eu persoalmente tamén sufrín esa situación e mesmo estiven 10 horas nun calabozo por esas prácticas", lembrou en referencia á súa detención cando era vicepresidenta da Deputación de Lugo no marco das operacións xudiciais que levaron a cabo na provincia de Lugo as xuízas Ronsel San José e Pilar de Lara.

INÉS REY: "BUSCAN CONVERTER A POLÍTICA NO ATAQUE PERMANENTE"

A alcaldesa da Coruña e secretaria xeral dos socialistas coruñeses, Inés Rey, pediu o apoio de "todos os demócratas" ao presidente do Goberno, ante a "lameira" no que algúns buscan "converter" a política e o "ataque permanente e constante" co que vinculou a súa decisión de reflexionar se prosegue á fronte do Executivo. Apelou a unha política centrada no "debate das ideas" e non na "que vale todo".

Ademais de mostrar o seu "apoio, respaldo e comprensión" con Sánchez, considerou que o paso que deu debe facer "reflexionar" á sociedade. E aínda que admitiu que lle gustaría que continuase, manifestou entender o paso dado por Sánchez ao considerar que nalgúns momentos é bo "parar e reflexionar sobre no que algúns pretenden converter a política". Así considerou que non son "lexítimos" os ataques que van máis aló da política e que "cruzan a liña do persoal". "Van á dignidade, á familia e á esfera privada", sentenciou.

NÉSTOR REGO: AVOGA POLA CONTINUIDADE COMO FORMA DE COMBATER AO PP

O portavoz do BNG no Congreso, Néstor Rego, apoiou este xoves a decisión do presidente do Goberno, aínda que avogou pola continuidade do Goberno de coalición como a "mellor" forma de combater ao PP. "O BNG respecta a decisión de Pedro Sánchez", expresou nunha rolda de prensa no Congreso, pero tamén subliñou que a súa formación non se vai a desviar "nin un milímetro" do rumbo e dos compromisos adquiridos no acordo de investidura co PSOE. Por iso, cre que é "necesario" que o Goberno e a lexislatura poidan continuar para garantir o desenvolvemento do país. A pesar diso, o portavoz do Bloque non quixo "adiantarse aos acontecementos" confirmando se, ante unha hipotética cuestión de confianza, votarían a favor do Executivo socialista.

Rego considera que esta situación confirma a existencia do 'lawfare', unha práctica que, segundo el, normalmente ten como obxectivo á esquerda. Segundo Rego, os 'populares' son "especialistas" en utilizar os ataques aos adversarios para "tapar as súas propias miserias e a súa propia corrupción" e é o que están a facer actualmente contra Sánchez. "O PP está instalado na iniquidade e na inxustiza, utilizando sen rubor os mecanismos do aparello do Estado que controla, especialmente no poder xudicial, e tamén utilizando sen rubor a súa capacidade mediática nesa estratexia de crispación e de destrución", criticou.

LUÍS BARÁ: "O PP NON TEN RESPECTO DEMOCRÁTICO NIN ÉTICA"

Tamén o viceportavoz segundo do BNG no Parlamento galego, Luís Bará, asegurou que "está claro cal é o modus operandi do Partido Popular, especialmente cando está na oposición, pero tamén cando está no goberno, que non se caracteriza polas máis elementais normas do respecto democrático e a ética". Non entanto, Bará, que compareceu en Santiago, remitiuse á comparecencia esta mañá de xoves do deputado do Bloque no Congreso, Néstor Rego, ao tratarse de "un asunto de ámbito estatal".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta